Continúa a tramitación do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas, con beneficios para os afectados polos incendios, os enfermos de ELA ou talidomida e a mellora do acceso á vivenda

O proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas continuará a súa tramitación no Parlamento de Galicia para poñer a disposición dos galegos, entre outras medidas, a exención de impostos ás persoas afectadas polos incendios forestais; alivio na carga fiscal das persoas con ELA ou afectadas pola talidomida; mellorar o acceso á vivenda ás familias monoparentais e vítimas de violencia de xénero; reforzar a autoridade do profesorado; facilitar solo empresarial, vivenda protexida e novas formas de convivencia accesibles; e mellorar a prevención dos lumes, a ordenación dos montes e a seguridade do sector mineiro.

O viceportavoz popular, Julio García Comesaña, incidiu que esta lei “non só é legal, senón que é profundamente democrática no seu procedemento” e relatou toda a tramitación parlamentaria que seguirá este texto lexislativo: desde o debate de totalidade do día de hoxe, ao debate en ponencia e comisión das emendas parciais e o remate co debate de aprobación en sesión plenaria.

Deste xeito, García Comesaña salientou que a lei “contén medidas útiles e xustas, especialmente para quen máis o precisa,” e amosou a disposición do Grupo Popular a mellorar o texto “a través do debate e das emendas presentadas, pero non cun non global que deixa sen efecto todas e cada unha das melloras que se propoñen”.

Paula Prado critica que BNG e PSdeG propoñan nas emendas aos orzamentos recortar as nóminas de funcionarios, deixar a xente sen Risga, gastar menos en residencias ou reducir o material sanitario

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, pediu hoxe a BNG e PSdeG que “expliquen aos galegos que para facer todo iso que din propoñen recortar as nóminas dos funcionarios, deixar á xente sen cobrar a Risga, gastar menos en residencias de maiores, eliminar as axudas de vivenda ou privar aos médicos de material sanitario”.

Paula Prado concretou que nas emendas trasnversais presentadas por nacionalistas e socialistas aos orzamentos da Xunta para 2026 “pretenden recortar 420 millóns de euros en sanidade, 160 millóns en política social e 48 millóns en prevención e loita contra os incendios forestais”. “Despois da vaga de lumes que sufrimos este verán, queren baixar as partidas para formación de persoal, os servizos de retén de maquinaria pesada, o servizo de coordinación de medios aéreos ou o pago dos vehículos”, apuntou.

EMENDAS CLÁSICAS

“Son capaces de pedir unha cousa e a súa contraria ao mesmo tempo”, criticou a viceportavoz popular, quen explicou que “piden máis financiamento do sistema universitario, pero diminúen as transferencias xa previstas; piden ampliar os centros de día e residencias, pero recortan o crédito destinado ao financiamento dos centros de maiores; ou piden unha estratexia para a integración laboral das persoas con diversidade funcional, pero reducen a partida que cubre o custo salarial destas persoas nos centros especiais de emprego e iniciativa social”.

Así mesmo, Paula Prado lembrou que entre as emendas do BNG “non podían faltar cuestións clásicas do nacionalismo galego, como deixar sen luz, sen calefacción, sen teléfono e mesmo sen baños aos edificios administrativos e aos xulgados; deixar aos centros de saúde sen conexión informática e sen plataforma loxística, así como aos médicos sen catéteres, sondas, drenaxes, suturas ou apósitos; ou diminuír o apoio ás persoas vulnerables e en risco de exclusión social a través da Risga”.

“A gran novidade das emendas nacionalistas deste ano é que eliminan as axudas para a adquisición de vivendas en centros históricos e suprimen o orzamento parao mantemento das vivendas do IGVS; recortan as libranzas vinculadas a coidados na contorna familiar, servizos de residencia, centro de día e axuda no fogar; e diminúen as axudas para investimentos en conciliación e en materia de igualdade laboral”, apuntou.

NON INCOMODAR A PEDRO SÁNCHEZ

Respecto das emendas presentadas polo PSdeG, a viceportavoz popular criticou que, “con tal de non incomodar a Pedro Sánchez, están dispostos a que teñamos que sacar do peto dos galegos 10 millóns de euros para aceptar a súa chantaxe co financiamento da Unidade de Policía Adscrita a Galicia, cando se nos nega o que se lle deu a Valencia cando gobernaba o PSOE nesta comunidade, e mentres que a nós se nos racanean 200 axentes a Cataluña danlle 3.000 Mossos d’Esquadra”.

“Cando veñen a pedir aquí máis fondos para a gratuidade dos servizos de 0 a 3 anos, lembren que foi Pedro Sánchez o que prometeu que cofinanciaría a gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos e seguimos agardando que cumpra; do mesmo xeito que cando veñan falar da gratuidade das taxas universitarias, lembren que foi Pedro Sánchez o que prometeu a matrícula gratuíta e seguimos agardando; ou cando veñan aquí a pedir aumentar as partidas para fomentar a corresponsabilidade, lembren que foi Pedro Sánchez o que recortou nun 25 por cento o financiamento estatal do Plan Corresponsables; ou cando veñan aquí a pedir a gratuidade do servizo de axuda no fogar, recorden que é a Xunta a que financia o 70 por cento deste servizo porque Pedro Sánchez non paga o que debe”, indicou Paula Prado.

Alberto Pazos afirma que as emendas da oposición aos orzamentos da Xunta “aspiran a derrubar o construído e a entorpecer o que xa está en marcha”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia que as emendas de totalidade presentadas polos grupos da oposición ao proxecto de orzamentos da Xunta para 2026 “lonxe de sumar esforzos a esa gran obra chamada Galicia, aspiran a derrubar o construído e a entorpecer o que xa está en marcha”.

En concreto, Alberto Pazos cuestionou a BNG, PSdeG e Grupo Mixto se “consideran unha mala noticia que a renda media dos galegos se incremente ata máximos nunca alcanzados, que esteamos en mínimos históricos de pobreza ou que o fracaso escolar pasase dun 26 por cento a menos dun 10 por cento”. E apuntou se “non atopan esperanzador que teñamos un dos mellores calendarios vacinais do mundo, que unha familia galega poida educar aos seus fillos desde a escola infantil ata finalizar a universidade sen pagar un só euro de matrícula, ou que vaiamos a duplicar o parque de vivenda pública”.

“É lamentable que o debate da lei máis importante do ano non se sustente en datos, senón nun cúmulo de mantras e bulos, que conforman o fundamento das críticas da oposición e tamén das súas emendas á totalidade”, sinalou.

RIGOR E PRUDENCIA

Así, en primeiro lugar, negou que exista unha discriminación orzamentaria para Ourense, “xa que esta provincia experimenta este ano o maior incremento per cápita das catro provincias galegas”. Deste xeito, pediu “rigor con datos e prudencia á hora de arrogarse a voz dunha provincia que decidiu que quen mellor a representa é o Partido Popular, como o demostran os oito deputados do PP de Ourense no Parlamento galego”.

Alberto Pazos referiuse aos datos do informe FOESSA para negar que o Goberno galego fai política  para os ricos e explicou que este documento “alerta dun deterioro sen precedentes na clase media, dun aumento da taxa de exclusión severa dun 52 por cento e sitúa a España como o país europeo con maior risco de pobreza infantil, despois de superar neste triste ranking a Rumanía”. “Os mesmos partidos que sustentan ao goberno responsable desta situación a nivel estatal atrévense a cuestionar a política do Goberno galego, que acaba de acadar a taxa de risco de pobreza máis baixa da historia de Galicia”.

“O Partido Popular sostén que hai servizos que se garanten mellor a través da prestación pública directa e outros a través da colaboración público-privada”, manifestou o portavoz popular, quen acusou á oposición de afrontar o debate da prestación dos servizos públicos “de xeito dogmático e demagóxico, chegando a afirmar que privatizar calquera servizo de atención aos maiores é facer negocio coa vellez”.

Neste sentido, lembrou que dos 35 concellos gobernados polo BNG, a gran maioría deles co apoio do PSdeG, 23 teñen o servizo de axuda no fogar privatizado, entre os que figuran Pontevedra, Santiago, A Rúa, Soutomaior, Carballo, Cangas, Moaña ou Tomiño. Por este motivo, afirmou que, “ben sexa por ignorancia, covardía ou cinismo, están totalmente desacreditados para dar leccións de moralidade sobre este tema”.

“Ademais, en Galicia nin se está recortando en sanidade nin se está privatizando a sanidade, máis ben ao contrario: investimos un 55 por cento máis que vostedes, e mantemos os concertos por baixo do 6 por cento que alcanzou o bipartito”, sinalou.

Para rematar, Alberto Pazos volveu criticar que BNG e PSdeG “pretendan unha vez máis endosarnos un timo chamado condonación da débeda”, porque reiterou que “a débeda non desaparece, simplemente xúntase para cambiar de banco”. “Iso si, en vez de que cada quen pague o que debe, nacionalistas e socialistas pretenden que paguemos a escote, e iso non é xusto”, concluíu.