O Partido Popular de Galicia reclamou no Congreso que se constitúa de forma “urxente” a ponencia da proposición de lei orgánica (PLO) de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 a Galicia, onde o PPdeG está representado polos deputados Celso Delgado, Pedro Puy e Tristana Moraleja.
Os populares fixérono na xuntanza da Mesa e Portavoces da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible, onde lembraron que o Pleno do Congreso, na súa sesión do 11 de xuño de 2024, tomou en consideración esta proposición de lei orgánica pero, a pesar de acordarse a súa tramitación polo procedemento de urxencia, a Mesa do Congreso —dominada por PSOE e Sumar— prorrogou “por indicacións do Goberno de Sánchez e de forma arbitraria” o prazo de presentación de emendas ao articulado ata en 45 ocasións —60 en total, se se teñen en conta as da anterior lexislatura—.
Despois de “insistentes protestas” dos deputados galegos do PPdeG, pechouse finalmente o prazo de presentación de emendas o 22 de outubro de 2025.
Cómpre lembrar que só presentaron emendas dous grupos: oito foron do PSOE, “inspiradas polo ministro Óscar Puente e expoñendo unha simple transferencia de competencias sobre administración e explotación e contemplando que a AP-9 se manteña dentro da Rede de Estradas do Estado”; e o resto foron de Sumar, cun contido “completamente alleo” ao traspaso da autoestrada.
É dicir, as emendas foron en contra da reclamación “unánime” que fixo o Parlamento de Galicia sobre a transferencia a Galicia da titularidade e das competencias sobre o réxime xurídico da concesión administrativa para a construción, conservación e explotación da AP-9, así como as funcións e os servizos ata o de agora exercidos pola Administración.
Despois da negativa do PSOE na devandita xuntanza, a Mesa e Portavoces da Comisión volverase reunir o vindeiro martes, 25 de novembro, a petición dos populares. O PPdeG esixirá de novo a sinalización dunha data para a constitución do relatorio antes de que finalice o mes de decembro.
“Tras o boicot do Goberno de Pedro Sánchez e Óscar Puente, cun total de 60 aprazamentos, non son admisibles máis dilacións na tramitación en Comisión de Transportes da proposición de lei orgánica”, sinala Celso Delgado.
