O Grupo Popular salienta que o Hospital de Día oncolóxico do Hospital de Cee evitará que o 60% das persoas con cancro da Costa da Morte teñan que desprazarse á Coruña para tratarse

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, salientou hoxe no Parlamento de Galicia que o Hospital de día onco-hematolóxico do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee “vai permitir que o 60 por cento das persoas con cancro da Costa da Morte eviten desprazarse ao Hospital de A Coruña para tratamentos e seguimentos”. Neste sentido, criticou que o BNG “pida a posta en marcha dun servizo xa construído, equipado, dotado de profesionais e funcionando completamente”.

Encarna Amigo lembrou que a Xunta investiu 88.500 euros nas obras e equipamento dun hospital de día que conta con catro postos totalmente operativos e supervisados polo Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital de A Coruña. “Estamos ante un servizo novo, funcional, rigoroso e seguro, que realiza control de toxicidade, seguimento clínico, consultas de soporte, atención de enfermería oncolóxica e tratamentos de baixa complexidade”, concretou.

“O Hospital de Cee é prioritario para a Xunta de Galicia e mostra disto son os 326.000 euros que figuran nos orzamentos para o vindeiro ano que se destinarán ao novo mamógrafo, que permitirá reforzar o diagnóstico precoz e mellorar a capacidade asistencial nesta área”, indicou a portavoz popular.

O Grupo Popular amosa o firma compromiso da Xunta coa construción do novo centro de saúde de Poio no momento que haxa unha parcela viable

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, amosou “o compromiso firme da Xunta coa construción dun novo centro de saúde no concello de Poio, que será unha realidade no momento en que haxa unha parcela viable para levantar este edificio sanitario”. Neste sentido, salientou que “o actual goberno municipal xa está tratando de remediar os erros dos seus predecesores, que deixaron unha situación complexa ao propoñer unha parcela que non cumpría os requisitos”.

“Queremos un novo centro de saúde en Poio, pero querémolo ben feito e nun terreo que cumpra os requisitos técnicos”, incidiu Encarna Amigo. Neste sentido, cualificou de “electoralista e sen garantías a adquisición polos anteriores responsables municipais do BNG, co apoio do PSdeG, dunha parcela en Campelo para o novo centro de saúde, un terreo sen abastecemento, sen saneamento, sen accesos e que require un viario novo nun terreo complexo”.

Diante desta situación, a portavoz popular sinalou que “o SERGAS xa advertiu a necesidade de facer un plan especial para habilitar urbanisticamente esta parcela, urbanizar os accesos e dotar de servizos, pero nada de iso se fixo e agora nacionalistas e socialistas queren que a Xunta proxecte un centro sobre un terreo que non é viable”.

Encarna Amigo recordou que a Xunta xa conta desde o ano 2021 cun proxecto para levar adiante este novo centro de saúde, que terá unha superficie de 2.300 metros cadrados, con nove consultas médicas e outras tantas de enfermería, así como despachos de pediatría, fisioterapia, saúde bucodental e matrona. “O único que falta para facer realidade este proxecto é unha parcela viable, algo sobre o que o actual Goberno municipal xa está traballando para remediar o erro e a improvisación dos seus antecesores”.

O Parlamento pide a inmediata incorporación das comunidades autónomas no proceso de modificación da Lei de prevención de riscos laborais

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG e a abstención do BNG, a través da que se solicita ao Goberno de España a inmediata incorporación das Comunidades Autónomas no proceso de modificación da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, garantindo a súa participación efectiva desde a fase inicial dos traballos e o pleno respecto ás súas competencias en materia de execución da lexislación laboral e de promoción da seguridade e saúde no traballo.

A portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez, considerou “grave que o Goberno de Pedro Sánchez pretenda reformar a Lei de prevención sen sentar na mesa ás comunidades autónomas, especialmente a Galicia, que sabe mellor ca ninguén o que é traballar e producir en sectores de alto risco”.

MESA DE DIÁLOGO SEN AS CCAA

Noelia Pérez lembrou que o Goberno de España, a través do Ministerio de Traballo, decidiu abrir unha mesa de diálogo social para reformar a Lei de prevención de riscos laborais na que estarán presentes representantes do propio Goberno, dos sindicatos estatais e da patronal. “Faltan as comunidades autónomas, quen realmente ten as competencias de execución, quen ten os institutos propios de seguridade e saúde laboral, quen ten técnicos en cada unha das especialidades preventivas e que está a pé de rúa cos traballadores”, dixo.

Neste sentido, apuntou que “o Goberno central negou ás comunidades autónomas a participación directa nesta mesa de diálogo social, permitíndolles unicamente enviar un documento por escrito”. “Galicia fixo os seus deberes e revisou artigo por artigo tanto a lei como o regulamento para facer achegas serias, técnicas e fundamentadas, pero queda a sensación de que o Goberno de Pedro Sánchez quere baleirar as comunidades autónomas de contido real nesta materia para recentralizar e decidir todo desde un despacho de Madrid, quedando as comunidades como meras executoras mudas dun guión escrito por outros”, sinalou a portavoz popular.

“O máis curioso é que a propia Estratexia española de seguridade e saúde no traballo 2023-2027 recoñece que as comunidades autónomas son peza clave neste ámbito, que deben desenvolver os seus programas estratéxicos propios e que todo isto debe facerse en cooperación e coordinación institucional”, dixo Noelia Pérez.

En definitiva, a iniciativa aprobada solicita “respecto institucional para que as comunidades autónomas participen no proceso de modificación da Lei de prevención e riscos laborais, de xeito que non se faga ás súas costas e que Galicia, que ten unha estrutura produtiva de alto risco, unha experiencia preventiva acreditada e un instituto punteiro como o ISSGA, poida estar onde ten que estar”, remarcou a portavoz popular.

O Parlamento de Galicia solicita a posta en marcha dun recurso para que as empresas poidan detectar, acompañar e apoiar a unha muller que sufra violencia de xénero

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio de BNG nin de PSdeG, a través da que se solicita que a Xunta poña en marcha un recurso específico dirixido ás empresas co obxecto de axudalas a detectar, acompañar e apoiar cando unha muller está a ser vítima de violencia de xénero.

A portavoz popular de Política Social, Raquel Arias, manifestou que “detectar unha situación de violencia de xénero no entorno laboral e actuar de maneira eficaz pode ser clave para lograr que unha muller pida axuda e supere a situación que está vivindo”. “As empresas tamén desempeñan un papel destacado no compromiso e a loita contra este tipo de violencia, garantindo e protexendo os dereitos das mulleres vítimas de violencia de xénero, aínda que a agresión se exerza no ámbito privado”, apuntou.

AFECTAR AO TRABALLO

“As empresas deben sen conscientes de que as consecuencias desta violencia na saúde física e psicolóxica da muller poden afectar ao seu traballo, e poden facer perigar a súa relación laboral coa empresa, o que incrementa a súa vulnerabilidade e a súa dependencia do agresor”, sinalou Raquel Arias. Neste sentido, sinalou que “cada vez máis empresas toman conciencia desta situación e adoptan medidas máis alo dos mínimos esixidos pola lei, para crear un entorno máis seguro e equitativo e compartindo esa responsabilidade como parte da sociedade”.

Deste xeito, explicou que “o recurso que propoñemos non é un protocolo de actuación sistematizado, senón unha ferramenta de apoio ás empresas que contribúa á prevención e á erradicación da violencia de xénero mediante o apoio ás vítimas, establecendo unha serie de orientacións básicas para axudar a detectar que unha traballadora pode ser vítima de violencia de xénero no ámbito persoal e ofrecendo recomendacións sobre que facer ou como actuar desde o momento en que se perciben os primeiros indicios”.

O PPdeG esixe a dimisión da alcaldesa de Salceda de Caselas pola súa “manipulación fotográfica” e levará o asunto á Valedora do Pobo

O Partido Popular de Galicia esixe a dimisión da alcaldesa de Salceda de Caselas pola manipulación dunha fotografía da que “fixo desaparecer ao PP” e anuncia que levará este asunto á Valedora do Pobo ao consideralo “un ataque á democracia e á vontade dos veciños”.

Esta mañá a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, acudiu a este concello acompañada pola secretaria xeral do PP na provincia de Pontevedra, Luisa Piñeiro, precisamente para trasladar o apoio e a solidariedade do partido ao seu voceiro neste concello, Santiago Rodríguez Davila.

“A manipulación e o borrado desta foto é un ataque á democracia, aos veciños de Salceda e a todos os votantes do PP”, afirmou Prado ao tempo que cualificaba estes feitos tamén “un insulto á intelixencia” co que se demostra que “a esquerda está disposta a todo con tal de manipular a realidade”.

Puxo así como exemplo o que está ocorrendo a nivel nacional coa corrupción do PSOE: “Intentan xustificala manipulando a información e culpando aos xuíces e aos medios de comunicación, pero ninguén asume ningunha responsabilidade”. Unha responsabilidade que tamén esixe á alcaldesa deste concello en forma de dimisión “se non por rexeneración democrática, polo menos por vergonza”.

A secretaria xeral do PPdeG asegurou que esta manipulación amosa o “nerviosismo” da rexedora ante o feito de que o proxecto do PP “está chegando cada día a máis veciños e veciñas”. Recordou neste sentido que Santiago Rodríguez Davila gañou as pasadas eleccións municipais con máis de 2.400 votos e case un 46% de apoio.

“Aquí, coma noutros concellos, conformouse un pacto de perdedores que tivo como único obxectivo que non gobernara o PP”, lamentou a número dous dos populares galegos ao tempo que se amosaba convencida de que nos propios comicios Santiago Rodríguez Davila “será o alcalde e traballará por todos os seus veciños sen sectarismos e sen facer desaparecer ao resto da corporación”.

“NON ME BORRARON A MIN, BORRARON A MÁIS DE 2.400 VECIÑOS”

Foi o propio Santiago Rodríguez Davila o que anunciou que elevará un escrito á Valedora do Pobo para pedir “amparo” ante o que considera unha vulneración do seu dereito democrático a representar á veciñanza como membro da corporación.

“Eliminándome a min da foto están eliminando a un cargo público, a un concelleiro da corporación municipal e a un veciño que dá voz e visibilidade aos máis de 2.400 veciños e veciñas que lle deron o seu apoio democrático nas urnas”, asegurou.

O portavoz local do PP considera “indigno” que un Concello “se preste a facer este tipo de manipulacións” e denuncia que “a poboación non se ve representada por un goberno que censura, que amordaza e que pretende invisibilizar non aos concelleiros que conforman o grupo maioritario da corporación”.

“Agardo que este tipo de actuacións políticas non se reproduzan no futuro e teñan un castigo nas urnas nas vindeiras eleccións municipais”, declarou sen pechar a porta a tomar novas accións políticas e xudiciais no futuro.