O PP esixe explicacións ao Goberno central polo custe do ‘Vigo Global Summit 2025’ organizado pola Zona Franca de Vigo: “Gastaron máis de 1,2M€ de fondos públicos en 2 días”

Os deputados e senadores do PP de Pontevedra veñen de rexistrar sendas preguntas, tanto no Congreso como no Senado, para pedir explicacións ao Goberno de España, sobre o custe do “Vigo Global Summit 2025”, organizado pola Zona Franca de Vigo, os pasados 12 e 13 de novembro, e onde se gastaron máis de 1,2 M€ de fondos públicos.

A senadora Pepa Pardo e o deputado nacional, Juan Bayón, explicaron que rexistraron preguntas nas dúas cámaras, xa que segundo a documentación publicada no Perfil do Contratante e a Plataforma de Contratación do Sector Público, a iniciativa supuxo un gasto de 1,2 millóns de euros.

Segundo explicou Pepa Pardo, “tras as publicacións efectuadas en medios de comunicación nas que puidemos ver como a zona franca de Vigo, con Regades ao fronte, malgastou o diñeiro público de todos os españois, no Vigo Global Summit, rexistramos toda unha batería de preguntas e solicitude de información en relación a este evento, porque sen cuestionar de ningún xeito a capacidade dos relatores e dos comparecentes no mesmo, si que nos parece que é do todo desproporcionado que por unha conferencia que dura 45 minutos pagáronse 249.500 € + IVE, de todos os españois”

Pepa Pardo indicou que dende o PP de Pontevedra queremos saber se lle parece razoable, se lle parece proporcionado que se gaste 1,2M€ do diñeiro público en eventos como este e se efectivamente isto vai ter un retorno real para a cidade de Vigo ou non.

“Nas preguntas dirixidas ao Senado indicamos que queremos saber cantos foron os participantes reais neste evento, porque nos consta que houbo unha invitación masiva ante a falta de afluencia de público ao mesmo. Por tanto, desde aquí queremos mandar unha mensaxe alta e clara a Regades, a zona franca de Vigo, e como non, ao Goberno. Ademais, de lembrarlles que, a diferenza do que pensa este Goberno sanchista e todas as súas sucursais, incluída a de Vigo, o diñeiro público é de todos, non como eles pensan, que non é de ninguén, lamentou a senadora pontevedresa

O deputado nacional, Juan Bayón, indicou que “é francamente preocupante que nun momento no que moitos autónomos, moitos pequenos e medianos empresarios están fritidos a impostos polo Goberno de Pedro Sánchez, trasládese a imaxe deste malgaste de fondos públicos. Por tanto, preguntamos ao Goberno de España a que se dedicaron, canto se recadou e pretendemos fiscalizar este tipo de eventos.

“Os representantes do PP nas Cortes Xerais preguntamos ao Goberno de España por este gasto de fondos públicos. Gastáronse aproximadamente 500.000€ en publicidade, en publicidade ao servizo do Partido Socialista en Vigo”, indicou o deputado nacional, Juan Bayón.

O Grupo Popular impulsará unha batería de iniciativas no Parlamento galego para esixir ao Goberno central que poña remedio ao abandono do transporte ferroviario en Galicia

O viceportavoz do Grupo Popular, Julio García Comesaña, anunciou hoxe a presentación no Parlamento de Galicia dunha batería de iniciativas para esixir ao Goberno central que poña remedio con cartos, actuacións e planificación ao abandono de Galicia en todo o que ten que ver coa prestación dun servizo de transporte ferroviario eficiente e acorde ás necesidades dos galegos.

Julio García Comesaña criticou que o ministro de Transportes “foi protagonista esta semana de dúas novas noticias que agrandan aínda máis a súa condición de besta negra en todo o relacionado co transporte ferroviario en Galicia”.

A primeira cuestión foi o anuncio de que o mapa da alta velocidade ferroviaria española, coñecido como AV350, non inclúe a tan prometida e anunciada variante de Cerdedo, que posibilitaría o enlace directo da cidade olívica con Madrid, a través de Pontevedra e Ourense, sen ter que pasar por Santiago. “Unha obra da que se autoloou o alcalde de Vigo, pero que agora ve como o seu Goberno amigo en Madrid o volve deixar nunha vergoña, ante a que xa interpretou a súa característica rabieta”, sinalou o viceportavoz popular.

PREOCUPACIÓN TRASLADADA A EUROPA

A segunda problemática relacionada co transporte ferroviario foi o retraso de máis dun ano do estudo informativo da coñecida como saída sur de Vigo e a súa conexión con Porto, “un proxecto que se retrasa, cando menos, ata o ano 2038 a consecuencia da incompetencia do Goberno de Pedro Sánchez de levar adiante estas obras, derivada da ausencia duns orzamentos e da carencia dunha planificación seria e rigorosa do transporte ferroviario en España”, lamentou García Comesaña.

“O Partido Popular xa amosou en Europa, a tamén o fixo o propio conselleiro de Presidencia, a súa preocupación por este novo retraso e xa pediu, no Foro do Corredor Atlántico celebrado en Bruxelas esta semana, apoio ao Executivo comunitario para que non se relegue esta conexión de Galicia con Portugal, esencial para vertebrar a fachada atlántica, ademais de reclamar o cumprimento dos prazos e investimentos previstos no Corredor Atlántico”, indicou.

O viceportavoz popular lamentou que “Galicia sofre desde hai moito tempo unhas deficientes infraestruturas ferroviarias que privan aos galegos dun transporte que cada día atrae a un maior número de usuarios”. Así, puxo como exemplo do “nefasto estado das vías de tren existentes en Galicia o descarrilamento do mercadorías en As Neves, na coñecida como Liña do Miño, entre Vigo e Ourense, unha infraestrutura que precisa de máis de 265 millóns de euros para renovar e modernizar, pero que o Goberno de Pedro Sánchez ten contratado menos do 40 por cento e, o que é peor, o comezo das obras non será antes de 2028”.

Así mesmo, lembrou que no Pleno celebrado esta semana se aprobou unha declaración institucional, baseada nas demandas do Foro Cidadán polo Ferrocarril, que recolle necesidades urxentes do transporte ferroviario das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal; ao que engadiu a situación que se vive na estación intermodal de Ourense, onde o aparcamento licitado polo ADIF ten un número importante das súas prazas reservadas para as empresas de alugueiro de vehículos e fai moi complicado atopar sitios libres para os viaxeiros.

MÁIS PRAZAS E FRECUENCIAS PARA O AVE

Diante desta situación, Julio García Comesaña anunciou a presentación dunha serie de iniciativas no Parlamento galego demandando actuacións ao Goberno central para mellorar o transporte ferroviario en Galicia, tanto no que ten que ver co impulso da saída sur do AVE en Vigo e o enlace coa fronteira lusa; como a mellora da conexión ferroviaria entre Vigo e Ourense; a chegada efectiva da alta velocidade ferroviaria ás cidades de Ferrol e Lugo, asegurando a súa plena integración no Eixo Atlántico de alta velocidade; ou a construción da conexión de AVE Vigo-Pontevedra-Ourense por Cerdedo.

“Non nos esqueceremos de todo o que ten que ver coa mellora do servizo que se presta na actualidade aos usuarios do AVE Galicia-Madrid: máis prazas, máis frecuencias e menores custos para facilitar o desprazamento dos galegos non só cara a capital de España senón entre as cidades e localidades que conecta este servizo ferroviario”, rematou.