O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, anima aos alcaldes e alcaldesas do partido a seguir traballando para facer valer a importancia que teñen para a cidadanía a unidade, a xestión e a estabilidade que constitúen o “selo de identidade” dos seus gobernos.
“A xente identifícanos, desde o concello máis pequeno ata as administracións máis altas, como un partido que sabe xestionar e que presta atención aos problemas do día a día”, asegurou esta semana durante a súa intervención no Comité de Alcaldes organizado polo PP da provincia da Coruña no restaurante A Taberna, na Laracha.
Rueda incidiu na importancia desta cuestión “especialmente nun momento no que outros pretenden facer crer á cidadanía que o día a día e a resolución dos problemas son o de menos”. De aí que animara aos seus a continuar traballando como ata o de agora nesta liña e coa mirada posta nas eleccións municipais de 2027.
Así mesmo, puxo en valor a “unidade” que caracteriza ao partido e que o diferenza “cada vez máis” dun PSOE que “xa está desfeito” e dun BNG cuxo “nerviosismo” é cada vez máis “evidente” ante “a súa crise de liderado e as tensións internas entre os que queren alboroto constante e os que se queren facer pasar por moderados”.
“Fronte a todo isto, nós temos que seguir onde estamos: aportando calma á xente, facendo ben as cousas e gobernando unidos”, concluíu a este respecto antes de animar a todos os rexedores presentes na reunión a “estar á altura” do que os seus veciños demandan deles e a devolver a confianza que se depositou neles con feitos e compromisos cumpridos.
O presidente estivo acompañado nesta xornada pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e a responsable de Vivenda e Infraestruturas no Goberno galego, María Martínez Allegue. Así mesmo, estiveron presentes os 42 alcaldes e alcaldesas do partido na provincia; entre eles o anfitrión da reunión e alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o coordinador do comité e alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo.
“Na provincia da Coruña radica gran parte da potencia do PPdeG e estou convencido de que así seguirá sendo”, apuntou o líder dos populares galegos antes de rematar a súa intervención invitando a todos os presentes a “seguir remando xuntos no beneficio colectivo de todos os galegos e galegas”.
DIEGO CALVO: “DEBEMOS ESCOITAR BEN PARA ESTAR MÁIS PRETO DE ACERTAR NO QUE NECESITA A XENTE”
Pola súa banda, Diego Calvo destacou o importante labor que desempeñan os alcaldes e alcaldesas en canto a que “cada decisión que toman ten un impacto directo e inmediato na vida dos veciños”. De aí a importancia de “escoitar ben para estar máis preto de acertar no que necesita a xente”.
Neste sentido, o presidente provincial do PP da Coruña agradeceu aos rexedores a proximidade, a sensibilidade e o profundo compromiso co que traballan cada día para avanzar no obxectivo de “conseguir un territorio máis equilibrado, máis humano e con máis oportunidades para todos, con independencia do lugar no que se viva”.
