O PPdeG demanda ao Goberno de Sánchez a baixada do IVE dos alimentos básicos para “aliviar o afogamento económico que sofren as familias”

O Partido Popular de Galicia demanda ao Goberno de Sánchez que cumpra o mandato de rebaixar o IVE aos alimentos básicos, tal e como lle teñen demandado tanto o Parlamento galego como o Congreso, para así “aliviar o afogamento económico que sofren as familias ante a suba de prezos”.

“Non se entende que o Goberno central que máis impostos recada da historia siga afogando as economías domésticas cando o que estas precisan é máis apoio, máis certezas e máis seguridade”, denuncia neste sentido a secretaria xeral Paula Prado facéndose eco dunha situación económica na que “os prezos seguen subindo pero o poder adquisitivo non se recupera”.

A número dous dos populares galegos fixo estas declaracións aos medios esta mañá en Padrón logo de visitar diversos negocios da localidade xunto ao portavoz local do PP e deputado autonómico, Ángel Rodríguez Conde. Unha visita na que puideron comprobar de primeira man como o sector comercial reclama medidas que fomenten o consumo.

Medidas, como, por exemplo, o “exitoso” Bono Peixe posto en marcha polo Goberno de Alfonso Rueda e que contrastan coa “inacción” dun Pedro Sánchez que “segue sen facer caso” á iniciativa promovida polo PP para rebaixar o IVE dos produtos básicos e que xa foi aprobada tanto no Parlamento galego como no Congreso.

Paula Prado subliña que desde o seu partido seguirán insistindo desde todas as frontes ata conseguir esta rebaixa. “Xa bastante complicado está todo como para que nolo sigan poñendo cada vez máis difícil a negocios e clientes”, sostén.

“Está claro que as preocupacións de Sánchez son outras”, concluíu a este respecto a secretaria xeral facendo referencia á reunión secreta do presidente con Arnaldo Otegi para negociar a moción de censura ao Goberno de Mariano Rajoy e afeándolle que “teña tempo para os seus ‘chanchullos’ e non para o esencial”.

En clave local, Prado lamentou así mesmo que o alcalde socialista de Padrón “non se desmarque de Sánchez e do seu partido”, algo que “trae nefastas consecuencias aos veciños e veciñas desta vila”. Ao mesmo tempo, puxo en valor o labor de Ángel Rodríguez Conde e o grupo municipal do PP, que a partir de 2027 “volverán liderar o concello e deixarán atrás o actual desgoberno”.

A NECESIDADE DE APOIO AO COMERCIO LOCAL

Pola súa banda, Rodríguez Conde quixo poñer en valor o esforzo que día a día fan os establecementos do pequeno comercio local e os autónomos para “conseguir levar adiante a súa actividade”. Un esforzo que se ten que ver correspondido, na súa opinión, por administracións que “escoiten as súas necesidades e inquedanzas”.

O portavoz do PP de Padrón recordou así que o seu partido leva tempo presentando iniciativas no Pleno municipal para demandar ao Concello que tome medidas para fomentar o consumo no pequeno comercio.

O PPdeG amosa o apoio á demanda para que o Ministerio de Transportes abandone o estudo da nova variante de Caldas e retome a proposta aprobada por unanimidade nos concellos en 2008

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reuníronse no Parlamento de Galicia co portavoz do PP de Caldas de Reis, Fernando Pérez, e representantes das plataformas de Arcos da Condesa, Santa María e Godos para amosarlles o seu apoio á demanda para que o Ministerio de Transportes anule o actual estudo informativo do proxecto da variante oeste de Caldas de Reis e retome o trazado aprobado por unanimidade das forzas políticas deste concello e do veciño de Portas en 2008.

Alberto Pazos e Paula Prado, acompañados do tamén deputado popular Raúl Santamaría, rexeitaron que o Goberno de Pedro Sánchez, co beneplácito dos socialistas galegos, pretenda impoñer un novo trazado da variante de Caldas que causa graves prexuízos aos veciños tanto deste concello como da veciña localidade de Portas.

OPOSICIÓN DOS VECIÑOS

Deste xeito, amosaron o seu apoio á concentración convocada para o vindeiro sábado en Caldas de Reis coa que se pretende trasladar ao Goberno central a oposición dos veciños a todas as alternativas da nova proposta da variante oeste. Así mesmo, anunciaron a presentación de iniciativas no Parlamento de Galicia solicitando a anulación inmediata do estudo informativo elaborado polo actual Goberno central e que se elabore unha nova proposta de trazado da variante que adapte aos acordos unánimes dos Plenos municipais de Caldas e Portes do ano 2008.

“É incomprensible que o Goberno de Pedro Sánchez faga oídos xordos a unha demanda da gran maioría dos cidadáns destes concellos, que non entenden os intereses que pode haber para que se desprece o trazado respaldado unanimemente polos Plenos de Caldas de Reis e de Portas en 2008 e que supón unha afección ao territorio e ás propiedades moito menor que a nova proposta”, indicou Alberto Pazos.