Rueda subliña que se Galicia “está de moda” é grazas a que hai “modelos dos que presumir” como Sanxenxo

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, subliñou hoxe que se Galicia “está de moda” é grazas a que hai “modelos para ensinar e para presumir” como Sanxenxo.

“Cando saímos presumimos de moitas cousas que ten Galicia, pero entre as catro ou cinco cousas que sempre identifica a xente de fóra como Galicia Calidade, Sanxenxo sempre está. E iso é un logro colectivo: dos que gobernan e de todos os veciños e veciñas”, expresou esta noite o líder dos populares galegos, despois de sumarse á celebración da cea do PP local, con 600 asistentes, xunto ao presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, a responsable de Vivenda do Goberno galego, María Martínez Allegue, e o alcalde Telmo Martín como anfitrión.

Rueda sinalou o 2026 como “un ano clave”, tendo en conta a proximidade co Ano Xacobeo 2027, no que Galicia “vai facer historia” e Sanxenxo terá un papel protagonista. “Aquí hai moitísimas grandes cousas que facer se nos seguides dando a confianza”, abundou sobre un concello “referente”.

Así mesmo, en clave nacional, fixo referencia as “situacións que avergoñan” do Goberno de Sánchez, e polas que este domingo participará na concentración de Madrid, e avogou por “seguir gobernando e resolvendo problemas, con ese sentidiño e normalidade que cada día se valora máis”. “Imos intentar que siga sendo así por moito tempo, con xente responsable á fronte, como Telmo Martín”, remarcou.

Por último, antes de desexar Bo Nadal, agradeceu a “xenerosidade” para que a ex tenente de alcalde de Sanxenxo, María Deza, pasara a “traballar por toda Galicia” recentemente como nova responsable da Axencia Galega de Infraestruturas.

Pola súa banda, Luis López tamén felicitou o Nadal aos asistentes e cualificou ao PP de Sanxenxo como o “exemplo perfecto” de partido pola súa “magnífica xestión” ao fronte do Concello e polo seu gran traballo político, orgánico e de mobilización “grazas á proximidade coa xente e a unha capacidade de traballo inmensa de Telmo Martín e de todo o seu equipo”.

“Sanxenxo é un concello costeiro como hai decenas en todas Galicia, pero o PP local conseguiu que sexa o sitio ao que todo o mundo quere ir, tamén no Nadal, por convertelo nun lugar dinámico e acolledor que ofrece infinitas oportunidades de traballo e de descanso. Sanxenxo non sería o que é, un referente en toda España, se non fora polo liderado do alcalde e polo compromiso de todos os que forman o Partido Popular desta vila”, rematou López.

“SANXENXO LEVA OITO ANOS AVANZANDO”

Mentres, Telmo Martín sinalou que coa axuda da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, así como co traballo dos seus compañeiros do goberno local, “Sanxenxo leva oito anos avanzando.”

Neste sentido, augurou que “o 2026 non vai ser distinto”: “Ao contrario, imos iniciar proxectos de larga execución, pero que marcarán un camiño que seguirán outros concellos. Non hai un ano sen novas infraestruturas, equipamentos ou no que se melloren os servizos municipais”.

O PPdeG esixe aos ministerios de Educación e de Traballo que abandonen as súa liorta e faciliten a continuidade do programa de auxiliares de conversa

Os deputados do Grupo Popular Roberto Rodríguez e Gonzalo Trenor esixiron hoxe que os ministerios de Educación e de Traballo “abandonen as súas liortas e poñan fin á problemática existente cos auxiliares de conversa, de xeito que este programa poida continuar desenvolvéndose con total normalidade en Galicia e os 690 auxiliares continúen realizando este ano o seu importante traballo en case 800 centros de ensino galegos”.

“Resulta intolerable que a rifa existente no Goberno de Pedro Sánchez entre a á socialista e a á de Sumar chegue ao punto de que un programa como o de auxiliares de conversa, que se leva impartindo en Galicia desde o ano 2009 con total normalidade, estea en perigo a súa continuidade pola falta de entendemento entre dous ministerios”, lamentou Roberto Rodríguez.

DE 67 A 690 AUXILIARES DE CONVERSA

En concreto, explicou que, “despois de tantos anos funcionando, o Ministerio de Traballo acordouse agora de que os auxiliares de conversa deben contar cun contrato laboral no réxime da Seguridade Social, cando están definidas como persoas que participan nun intercambio cultural, polo que non están obrigados a esas relacións laborais”. Porén, apuntou que, a pesar desta situación, “contan con todas as coberturas, seguro médico, así como un ingreso en concepto de axuda para gastos de aloxamento e manutención sufragado pola Xunta de Galicia”.

Diante desta situación, os deputados populares anunciaron que “levaremos este problema ao Parlamento de Galicia para buscar o apoio dos grupos da oposición e solicitar ao Goberno de España que poña de acordo a estes dous ministerios para garantir a continuidade do programa de auxiliares de conversa, que tan bos resultados leva colleitado ao longo dos últimos 15 anos”.

Gonzalo Trenor sinalou que o programa de auxiliares de conversa, que este ano suporá un custo de 5,2 millóns de euros, dos que a Xunta aporta 4,8 millóns, “multiplicou por 10 o número de auxiliares que iniciaron a súa actividade no 2009, pasando dos 67 que comezaron en 2009 aos 690 actuais”. Estas persoas proceden de 19 países, que prestan apoio ao ensino en ata cinco idiomas diferentes (inglés, francés, portugués, alemá e chinés) en cerca de 800 centros de ensino galegos, entre colexios de infantil, primaria, ESO, bacharelato, escolas oficiais de idiomas e centros de ensinanzas artísticas.

O PPdeG destaca que os concellos da Mariña lucense recibirán o vindeiro ano máis de 4,6 millóns de euros do fondo de cooperación local da Xunta

Os deputados do Grupo Popular Cristina Sanz e José Manuel Mato salientaron hoxe que os concellos da comarca da Mariña lucense recibirán o vindeiro ano máis de 4,6 millóns de euros do fondo de cooperación local da Xunta de Galicia, unha partida que se suma aos máis de 25 millóns de euros que o Goberno galego ten previsto investir directamente en obras e servizos nestas localidades ao longo de 2026.

Nun encontro mantido coa alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, os deputados populares salientaron o incremento nun 12 por cento da partida que a Xunta destinara en 2026 ao fondo de cooperación local. En concreto, os concellos da Mariña recibirán en total 4.226.181 euros do fondo base correspondente a 2026, ao que se sumarán outros 416.340 euros procedentes do fondo adicional do ano 2024.

Por concellos, e tendo en conta que o reparto faise en función da poboación de cada municipio, Viveiro será a localidade que recibirá unha maior contía do fondo (556.976 euros), seguida por Ribadeo (516.398 euros) e Foz (506.310 euros). Pola contra, os municipios que ingresarán menores cantidades o vindeiro ano serán Riotorto (171.347 euros), Trabada (183.026 euros) e Lourenzá (183.272 euros).

GALICIA, COMUNIDADE PIONEIRA

Cristina Sanz subliñou que “Galicia foi a comunidade pioneira en establecer no ano 2011 este instrumento de financiamento estable das entidades locais, que se regula anualmente a través das leis de orzamentos da Comunidade galega”.

Porén, puxo de manifesto a necesidade de que o Goberno central defina o novo modelo de financiamento local, “que teña presente as especiais características da nosa comunidade, como a dispersión xeográfica ou o envellecemento”.

Pola súa banda, José Manuel Mato destacou que esta aportación directa da Xunta aos concellos súmase aos máis de 25 millóns de euros que o Goberno galego ten previsto investir directamente na comarca da Mariña o vindeiro ano. En concreto, entre as obras de maior orzamento, citou a mellora do saneamento e a construción da nova depuradora de Burela; a continuación das obras da depuradora de Foz; a mellora de abrigo e a creación de prazas de pantalán no porto de Morás, en Xove; a reparación do abastecemento de auga a Ribadeo e Trabada; a remodelación da dársena de Foz; o acondicionamento do porto de Celeiro-Viveiro ou as novas fases do plan director do Hospital da Mariña.

O PPdeG amosa a ATAVE o seu compromiso cunha prevención laboral real, útil e adaptada a todos os sectores produtivos de Galicia

A portavoz de Emprego do Grupo Popular, Noelia Pérez, amosou a representantes da Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos de Ourense (Atave) o compromiso da Xunta cunha prevención laboral real, útil e adaptada a todos os sectores produtivos de Galicia, “porque a seguridade no traballo é prioritaria”. Neste sentido, pediu que o Goberno central rectifique e incorpore ás comunidades autónomas no proceso de modificación da Lei de prevención de riscos laborais, xa que “son as que coñecen de primeira man as necesidades reais dos centros de traballo e dos sectores produtivos de cada territorio”.

“Galicia non pode quedar calada nin fora dunha mesa de negociación, na que están presentes Goberno central, sindicatos e empresarios, onde se decide unha lei que aplicamos todos os días, polo que seguiremos traballando para que se respecte o autogoberno de Galicia, o noso tecido empresarial e, sobre todo, a saúde e a seguridade das persoas traballadoras”, incidiu Noelia Pérez.

No seu encontro cos representantes da Atave, a portavoz popular lembrou que BNG e PSdeG se opuxeran no Parlamento de Galicia á demanda ao Goberno central para que incorporara ás comunidades autónomas no proceso de modificación da Lei de prevención de riscos laborais, “dando as costas aos intereses das empresas e dos traballadores galegos”.

Neste sentido, afirmou que “defendemos que unha lei fundamental para a seguridade laboral das persoas non se pode reformar desde un despacho de Madrid sen contar con quen está cada día nos centros de traballo e co Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia e as administracións que teñen que aplicar posteriormente a normativa”.

O PPdeG pide ao Ministerio de Transportes que escoite o “berro multitudinario” que pediu hoxe en Caldas que abandone o proxecto da variante oeste

O deputado do Grupo Popular Raúl Santamaría esixiu hoxe ao ministro de Transportes que “escoite o berro multitudinario que hoxe en Caldas de Reis pediu que abandone o proxecto da variante oeste desta localidade, e retome o proxecto que conta co respaldo total dos concellos e dos cidadáns desde o ano 2008”

Ao remate da concentración celebrada hoxe en Caldas de Reis contra o proxecto da variante oeste no que traballa o Goberno de Pedro Sánchez, Raúl Santamaría considerou “un despropósito que se aposte por un proxecto novo que multiplica as afeccións a vivendas e propiedades de veciños de Caldas de Reis e de Portas respecto do trazado previsto en 2008, ao tempo que deixa incomunicados a moitos veciños e empresas”.

“Desde o Partido Popular seguiremos loitando e apoiando aos veciños destes concellos ata conseguir que o Ministerio aparque definitivamente este novo proxecto de variante oeste de Caldas, porque un Goberno debe estar para servir e atender as demandas dos cidadáns e non pecharse sobre as súas ideas aínda que sexa patente os considerables prexuizos que suporán para os veciños”, sinalou.

Paula Prado adianta que Galicia estará “ben representada” na concentración de Madrid liderada polo presidente Rueda

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, adiantou hoxe que Galicia estará “ben representada” na concentración que se celebrará este domingo, a partir das 12 do mediodía, no Templo de Debod de Madrid, e onde a nosa delegación estará liderada polo presidente Alfonso Rueda.

Así o subliñou en declaracións aos medios este mediodía antes de participar na comida de Nadal do Partido Popular de Ortigueira, á que asistiron máis de 150 persoas e na que o alcalde Valentín Calvín exerceu como anfitrión.

Prado avanzou que tamén ela estará en Madrid, co fin de “protestar contra os corruptos e contra todos os que os sosteñen”: “Todos os que acompañaron a Pedro Sánchez acabaron no cárcere: é a máxima degradación dun Goberno e dun partido, o PSOE”.

A número dous dos populares galegos fixo un chamamento a “non permanecer impasibles co que está ocorrendo en España, principalmente no Goberno central, e que leva anos afectando directamente a Galicia, porque as preocupacións de Sánchez e os seus ministros sempre foron outras”.

Nese sentido, lembrou a etapa de José Luis Ábalos á fronte do Ministerio de Fomento, xa que con el agora no cárcere, “pódese entender que as prioridades do seu Ministerio eran outras e non, por exemplo, o dereito ao tren de Ferrolterra, Eume e Ortegal”, dixo en referencia á mobilización que ten lugar mañá na estación de tren ferrolá e que o Partido Popular tamén apoia.

Nese sentido, citou o estado do ferrocarril Ferrol-Ribadeo, con parada en Ortigueira, que “segue en deterioro mentres Sánchez mira cara a outro lado”.

“Por España, por Galicia e por Ortigueira, saiamos mañá á rúa”, concluíu Prado, dando as grazas ao alcalde, pola invitación, e desexando un Bo Nadal e un Feliz Ano 2026, avogando por que “se nestas datas é importante xuntarnos para celebrar, tamén o é para analizar o que está ocorrendo en España”.

“DESEXAMOS QUE FEIJÓO CHEGUE CANTO ANTES Á MONCLOA”

Pola súa banda, o alcalde Valentín Calvín agradeceu a toda a militancia que acudira a esta cita de todos os anos, “cada ano con máis persoas”: “Isto énchenos de alegría para seguir traballando”, subliñou.

Así mesmo, dixo agardar que “en breve haxa citas electorais”, en referencia ás eleccións xerais, e desexou que Alberto Núñez Feijóo “chegue á Moncloa”. “É o que queremos todos que ocorra canto antes”, rematou.

Cómpre salientar que o Ortegal é unha comarca 100% do PP, xa que todos os concellos que a conforman —Cariño, Ortigueira, Mañón e Cerdido— están gobernados por alcaldes do Partido Popular.