O PPdeG pon en valor aos seus 27 deputados e senadores como garantes de que “a voz de Galicia é escoitada e tida en conta nas Cortes Xerais”

O Partido Popular de Galicia pon en valor que os seus 27 deputados e senadores “son a mellor garantía de que a voz de Galicia escóitase e tense en conta nas Cortes Xerais” e reivindica a súa defensa dos intereses dos galegos e galegas fronte aos “agravios” e “ataques frontais” de Pedro Sánchez.

“Son 13 deputados e 14 senadores que defenden a Galicia e aos galegos por enriba de todo, con propostas fronte ás críticas e con proxectos fronte aos insultos”, afirmou neste sentido a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, na reunión de traballo cos representantes do partido nas Cortes Xerais celebrada hoxe en Santiago e que encabezou xunto ao secretario xeral do Partido Popular, Miguel Tellado.

Unha reunión na que a número dous dos populares galegos quixo poñer o foco nas numerosas cuestións que afectan a Galicia e que dependen do Goberno central, como a falta de boas infraestruturas, a transferencia da AP-9, a merma de efectivos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a falta de apoio a proxectos industriais, a débeda de fondos da dependencia ou o “boicot” a novas medidas.

Fixo referencia así á transferencia da AP-9, que “segue sen chegar” mentres esta semana se coñecía o traspaso a Navarra da AP-68: “Unha vez máis, o Goberno de Sánchez negociando unicamente coas comunidades nas que goberna o PSOE e, neste caso, ademais, nunha comunidade onde están apoiados por Bildu e que é a ‘zona cero’ da corrupción da Banda do Peugeot”.

Tamén no eido das infraestruturas, Paula Prado referiuse ao novo atraso no remate da autovía Santiago-Lugo, que estaba comprometido para este ano. Unha autovía que, de feito, o propio Sánchez afirmou no Congreso que xa estaba “plenamente operativa” pero que, pola contra, segue incumprindo prazos.

A número dous dos populares galegos amosouse especialmente crítica á hora de demandar ao Goberno central que manteña a súa aportación á Unidade de Policía Adscrita (UPA) para que se poida garantir a prestación de servizos que non son de competencia autonómica.

“Sánchez e Marlaska están provocando a redución de axentes en Galicia e poñendo en perigo a prestación de servizos, como a protección das vítimas de violencia de xénero”, denunciou ao tempo que criticaba a incapacidade do PSOE para garantir esta protección por ser “o partido da maior taxa de desemprego feminino da Unión Europea, o partido da Lei do ‘só si é si’, o partido do escándalo das pulseiras antimaltrato e o partido do uso da prostitución ou do acoso de Paco Salazar”.

Prado cualificou de “nauseabundo” que este mesmo partido que “nada defende ás mulleres e tanto dano lles fixo aos seus dereitos” se atreva a dar leccións de feminismo. “Con todo o que estamos coñecendo estes días, o PSOE está invalidado para dar leccións neste asunto. Ao igual que un BNG cuxo apoio a Pedro Sánchez o fai cómplice de todo isto”, apuntou.

Sobre estes e outros temas, o Partido Popular de Galicia, tal e como manifestou a secretaria xeral, seguirá “levando a iniciativa, propoñendo medidas e preguntando día a día ao Goberno por que non avanzan”.

“Os nosos 27 deputados e senadores seguirán comprometidos como ata o de agora a ser o contrapeso de Galicia nas Cortes Xerais fronte ao seguidismo dos representantes da esquerda –que son 12 menos que o PP–, fronte a un Sánchez que desaparece cando se trata de resolver problemas e fronte ás cortiñas de fume coas que os ministerios intentan tapar a súa falta de compromiso”, concluíu.

Paula Prado animou así aos presentes na reunión a que continúen “defendendo a Galicia, levando a iniciativa, propoñendo medidas e cuestionándose día a día por que o Goberno central está desaparecido”.

“ONDE GOBERNA O PP HAI ESTABILIDADE, NORMALIDADE E XESTIÓN”

Pola súa banda, o secretario xeral do Partido Popular, Miguel Tellado, que anunciou que a próxima Interparlamentaria do partido terá lugar na cidade da Coruña os vindeiros 10 e 11 de xaneiro, definiu ao PPdeG como unha das organizacións territoriais máis importantes e “un dos grandes pulmóns da política española”.

Primeiro, porque “aporta un dos gobernos autonómicos máis estables e máis exitosos de España”. Un goberno encabezado por Alfonso Rueda que goza do apoio maioritario da cidadanía e que, tal e como asegurou, é “serio, limpo, cumpridor e capaz de aprobar os seus orzamentos ano a ano cada outono”.

“Fronte a un Pedro Sánchez cada día máis paralizado, máis só e máis asfixiado pola corrupción que o rodea, onde goberna o Partido Popular hai estabilidade, hai normalidade orzamentaria e hai xestión”, explicou.

Tellado asegurou, en segundo lugar, que se o PPdeG é “un dos piares fundamentais” da alternativa do Partido Popular para toda España é por ser “o fogar” de Alberto Núñez Feijóo e porque aporta 27 parlamentarios nacionais que “son excelentes servidores públicos”. De feito, na súa opinión, por iso a xente confía no partido: “Este é un partido ao que se vén a servir, a ser útiles e a resolver problemas”.

“O Partido Popular arrasa en Galicia porque ten demostrado que é de fiar, que defende o interese xeral e que sempre está defendendo o que preocupa aos galegos e o que necesitan”, subliñou como explicación ao feito de que 13 dos 23 deputados e 14 dos 16 senadores que elixen os galegos sexan do Partido Popular.

Do lado contrario estarían tanto Pedro Sánchez e o seu goberno, que supoñen “unha lousa e un xugo para unha terra como Galicia á que só sabe castigar de continua e constantemente con cada unha das súas decisións”, como o resto de partidos galegos que os apoian.

Referiuse así ao BNG, ao que considera “unha das poucas pezas do ‘Goberno Frankenstein’ que nunca se move” na medida en que “sempre se amosa submiso e cómplice dun xeito dócil e manexable a cambio de nada e sen que Galicia reciba a nada a cambio do seu apoio a Sánchez”.

No caso do PSOE galego, Tellado considera que se trata dun partido que “non existe” e que “languidece afundido na irrelevancia máis absoluta” a consecuencia da súa “incapacidade para antepoñer o interese de Galicia diante do seu completo sometemento a Sánchez”.

“A ambos espéranlles moitísimos anos de oposición. Pola súa traizón a Galicia e, sobre todo, porque teñen enfronte a unha gran maquinaria dedicada ao servizo público e apoiada por unha inmensa maioría de galegos como é o PPdeG”, concluíu ao tempo que reivindicaba o exemplo de “boa xestión, de gobernar para todos e de honestidade que supón o PPdeG” e se amosaba convencido de que “moi pronto” este modelo será trasladado tamén ao conxunto da España da man dun galego como Alberto Núñez Feijóo.

Por último, na véspera do Día da Constitución, Paula Prado aproveitou para felicitar esta conmemoración de parte de todo o PPdeG, mentres Tellado asegurou que o PP é xa “o único partido constitucionalista” e asume con “orgullo” a defensa do pacto de reconciliación que trouxo a Carta Magna.