Paula Prado sitúa ao PP de Curtis como referente da importancia de acadar maiorías e de que goberne un partido constitucionalista

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, situou hoxe ao PP de Curtis e ao seu alcalde, Javier Caínzos, como referentes da importancia de acadar maiorías cando se pide a confianza da xente e de que, deste xeito, goberne unha formación constitucionalista como é o Partido Popular.

Así o manifestou na comida de Nadal organizada pola formación local, no restaurante Exprés de Curtis, un concello no que o PP ten a confianza de 3 de cada 4 dos seus veciños e veciñas e que é onde os populares contaron con máis apoio en toda a provincia da Coruña nas últimas eleccións municipais.

Prado congratulouse de celebrar xunto a eles un día “tan importante” como o da Constitución, “a base da liberdade, a igualdade e a democracia”. “É un día para lembrar o que nos une como galegos e como españois, e para seguir construíndo xuntos un futuro máis xusto. Galicia seguirá defendendo unha España plural e con dereitos para todos”, sinalou.

Así mesmo, apuntou que o PPdeG é hoxe “o único partido constitucionalista de Galicia” fronte a un PSOE que “vulnera a diario” a Carta Magna ao “non presentar orzamentos, non respectar a separación de poderes, atacar o principio de igualdade e ao aliarse cos maiores inimigos da Constitución”. Entre eses inimigos, citou ao BNG, que “quere rachar con ela”, utilizando “a división e a independencia de Galicia”.

Pola súa banda, Javier Caínzos agradeceu a presenza da secretaria xeral xunto a un equipo “duro, traballador e currante” como é o PP de Curtis.

O PPdeG demanda ao Goberno central que reforce e intensifique os postos da Garda Civil na Limia e Baixa Limia ante o incremento da delincuencia

Os deputados do Grupo Popular Cristina Campero e Miguel Ángel Viso anunciaron hoxe que levarán ao Parlamento galego unha solicitude para que o Goberno central reforce e intensifique de maneira urxente, con medios humanos e materias suficientes, os postos da Garda Civil nas comarcas da Limia e da Baixa Limia, co obxectivo de evitar o desmantelamento do servizo e garantir a súa operatividade as 24 horas do día ante a alarma social que provoca o feito de que a delincuencia se estea a incrementar de xeito considerable na provincia de Ourense.

Acompañados do alcalde de Trasmiras, Emilio José Pazos, os deputados populares consideraron “totalmente incongruente que o Goberno de Pedro Sánchez estea a pechar ou reducir a mínima expresión os postos da Garda Civil no rural de Ourense”, poñendo de manifesto “a tristeza de supón asistir ao desmantelamento de cuarteis, como está a acontecer neste concello ourensán”.

“Temos claro que a seguridade non se recorta, como está a facer o Goberno central, senón que se reforza”, manifestou Cristina Campero, quen lembrou os últimos datos do Ministerio do Interior que confirman un empeoramento grave da seguridade na provincia de Ourense: un 28,3 por cento máis de delitos respecto a 2018, o que supón que a taxa de criminalidade pasase de 17,9 a 24,07 delitos por cada mil habitantes.

Diante desta situación, Miguel Ángel Viso avanzou que “levaremos ao Parlamento galego unha iniciativa solicitando ao Goberno de España que reforce e intensifique os postos da Garda Civil en toda a provincia de Ourense, pero especialmente nas comarcas da Limia e da Baixa Limia, porque o desmantelamento dos cuarteis non afecta soamente a Trasmiras, senón que tamén se estende por outros concellos como Lobios, Calvos de Randín ou Baltar”.

O PPdeG destaca que máis de 21 millóns de persoas utilizan cada ano as máis de 1,1 millóns de servizos do transporte público da Xunta en A Coruña

Os deputados do Grupo Popular Gonzalo Trenor, Carmen Pomar e Rubén Lorenzo salientaron hoxe que máis de 21 millóns de persoas utilizan as máis de 1,1 millóns de servizos que presta cada ano o transporte público interurbano da Xunta de Galicia na provincia de A Coruña.

Nunha visita á estación intermodal Daniel Castelao de Santiago, os deputados populares afirmaron que os galegos gozan dun transporte de calidade, eficiente e valorado polos galegos. “Un servizo que permitiu rebaixar as tarifas, mellorar a atención das zonas rurais, modernizar o sistema de pagamento e tamén a información aos usuarios”, sinalou Gonzalo Trenor.

O transporte público de Galicia contará o vindeiro ano cun investimento superior aos 160 millóns de euros, “un importe que permitirá ofrecer aos galegos unha completa oferta de servizos, na que o 97 por cento dos galegos teñen unha parada dos bus interurbano a menos de un quilómetro do seu domicilio”, concretou Carmen Pomar.

No caso concreto da provincia de A Coruña, o servizo de transporte publico da Xunta oferta máis de 1.200 liñas, que atenden unha rede de máis de 23.000 paradas. Rubén Lorenzo destacou que esta provincia “é a que rexistra un maior uso de transporte público con máis de 21 millóns de usuarios anuais, dos que preto de 17 millóns son usuarios xerais e máis de 3,5 millóns son usuarios escolares con reserva de praza no transporte integrado ou compartido”.

Os deputados populares lembraron que os usuarios do transporte público da Xunta dispoñen de dous tipos de bonificacións: a tarxeta Xente Nova, das que hai activas a provincia coruñesa cerca de 64.000; e a Tarifa +65, con máis de 70.000 usuarios coruñeses.

Só no pasado ano 2024, se realizaron na provincia de A Coruña preto de 3,5 millóns de viaxes gratuítas coa tarxeta Xente Nova e máis de 1,8 millóns de traslados sen custo coa Tarifa +65.

O PPdeG demanda ao Goberno central a urxente reparación e posterior reforma integral da liña ferroviaria Vigo-Ourense para evitar novos incidentes

Os deputados do Grupo Popular Julio García Comesaña e Manuel Santos, acompañados do alcalde de As Neves, José Manuel Rodríguez, demandaron hoxe ao Goberno central a urxente reparación e posterior a reforma integral da liña Vigo-Ourense afectado polo descarrilamento dun tren de mercadorías o pasado 15 de novembro.

Julio García Comesaña lembrou que o Ministerio xa tiña previsto levar adiante actuacións de modernización desta liña ferroviaria, “pero as obras que suporían a renovación integral desta vía non están previstas como mínimo ata 2028, o que supón que o servizo, tanto de viaxeiros como de mercadorías, continuará circulando por unha infraestrutura en deficientes condicións”.

“Esta novo incidente constitúe unha nova tomadura de pelo do Goberno de Pedro Sánchez a Galicia, incapaz de levar adiante as obras previstas nesta liña ferroviaria e condenando aos galegos a sufrir un servizo deficiente e vulnerable, que está supoñendo un prexuízo real para a mobilidade, a economía e a normalidade de centos de persoas e empresas”, manifestou Manuel Santos.

Deste xeito, García Comesaña e Manuel Costa anunciaron a presentación de iniciativas conxuntas no Parlamento de Galicia, o Congreso e o Senado esixindo ao Goberno central responsabilidades, transparencia e un plan real de actuacións urxentes na liña Vigo-Ourense.

“Galicia non pode seguir sufrindo o desprezo do Goberno de Sánchez e unhas infraestruturas ferroviarias máis propias dun país terceiromundista que dunha sociedade avanzada como é a galega, polo que urxe que se actúe na liña Vigo-Ourense para evitar novos incidentes e garantir un óptimo servizo aos usuarios”, manifestou Julio García Comesaña.

O PPdeG subliña que o Goberno galego amosa o firme compromiso co Museo da Romanización incorporando unha nova partida de 500.000 euros nos orzamentos de 2026 para rehabilitar o edificio

Os deputados do Grupo Popular Elena Candia, Nicole Grueira e Enrique Barreiro subliñaron hoxe “o firme compromiso do Goberno galego co futuro Museo da Romanización de Lugo”, que se traduce na incorporación dunha nova partida de 500.000 euros nos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano para financiar a rehabilitación da cuberta e da envolvente do antigo cuartel.

“A Xunta é a única administración que cumpre o acordo para rehabilitar o cuartel de San Fernando e agora queda pendente que o Concello de Lugo asuma os seus compromisos e, en primeiro lugar, consiga o financiamento restante para esta obra e despois leve adiante o proxecto de rehabilitación, accións indispensables para poder optar aos fondos europeos que financien a recuperación total deste inmoble”, manifestaron.

Elena Candia lembrou “o compromiso asumido no ano 2022 polo Presidente Alfonso Rueda polo que garantía a parcipación da Xunta no financiamento das obras do Museo da Romanización, coa condición de que o Concello, propietario do edificio, buscara apoio económico complementario para levar a cabo as obras”. “Ata o de agora, o Goberno galego foi o único que cumpriu o compromiso, e falta agora que as demais administracións se involucren na recuperación do cuartel de San Fernando”, dixo.

MAREAR A PERDIZ

“Este compromiso xa quedou de manifesto o pasado ano no momento que se incorporou unha partida de 500.000 euros nos orzamentos da Xunta para 2025 para o proxecto do Museo, partida que non foi posible executar porque o Concello foi incapaz de conseguir o financiamento restante necesario e o Goberno galego dispuxo destes cartos para outros fins ante o risco de que quedaran sen gastar”, explicou .
Nicole Grueira.

Deste xeito, Enrique Barreiro pediu ao alcalde de Lugo que “deixe de marear a perdiz e se poña a traballar para conseguir o financiamento complementario que o Concello se comprometeu a buscar noutras administracións públicas para o Museo da Romanización, de xeito que se podan levar adiante unhas obras que permitan recuperar un edificio que na actualidade se atopa nunha penosa situación”.