Rueda aplaude o traballo dos alcaldes e alcaldesas máis novos do PPdeG: “Demostran día a día que a política de calidade tamén é cousa da xente nova”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, recoñeceu hoxe o traballo que fan día a día os alcaldes e alcaldesas máis novos do partido na medida en que demostran que a “política de calidade” tamén pode ser sinónimo de mocidade: “Se somos o partido que máis se parece a Galicia e á súa xente é porque cremos na capacidade da xente nova para ocupar postos de responsabilidade”.

Así o manifestou esta mañá no encontro que mantivo con eles en Oroso xunto á secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e a presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira. Un encontro no que o líder dos populares galegos cualificou a xestión dos concellos como “a mellor escola política”.

“É de recoñecer que tanta xente nova estea ocupando un posto tan complicado como o de alcalde ou alcaldesa. Porque é onde máis problemas hai que xestionar e tes que facelo desde a proximidade ás necesidades da veciñanza. Pero tamén é o posto onde máis se aprende”, explicou neste sentido.

Rueda quixo facer extensivo todo este recoñecemento a toda a mocidade do PPdeG que decide dar un paso adiante e asumir postos de responsabilidade política, xa sexa como concelleiros de goberno ou de oposición, porque con ilo demostran “os seus propios méritos, a súa responsabilidade e o seu traballo”.

A todos eles tendeulles a man e invitounos a dar conta das necesidades específicas dos seus concellos para que así o Goberno galego poida seguir colaborando con eles á hora de “atender aquilo que máis preocupa á sociedade en xeral e á mocidade en particular” e ofrecer solucións.

Recoñecendo a cuestión da vivenda como unha das principais preocupacións da mocidade nestes momentos, o líder dos populares galegos puxo sobre a mesa algunhas das medidas que desde a Xunta se están tomando neste sentido, como: a reserva do 40% da vivenda social en alugueiro e do 25% en venda para menores de 35 anos, os avais para conseguir unha hipoteca ou as rebaixas fiscais destinadas a facilitar a compra e o aluguer dunha primeira vivenda.

Trátase de medidas complementadas á súa vez por unha folla de ruta integral pensada por e para a mocidade en diferentes eidos e na que se inclúen os programas de ‘mentoring’, os incentivos ás empresas para a contratación de xente nova ou a Estratexia Retorna para favorecer a volta de mozos e mozas doutros países e de orixe galego para empezar unha nova vida en Galicia.

AS DIFERENTES FORMAS DE FACER POLÍTICA

Todo isto contrasta, segundo subliñou o presidente do PPdeG, coa “locura” na que se ten convertido a política en España, cun goberno socialista “ocupado en todo menos gobernar” e que “vai a escándalo por día e pretende sobrevivir tapando o escándalo do día anterior co escándalo do día seguinte”.

Uns escándalos que, lamentou, tamén chegaron a Galicia –e máis concretamente á provincia de Lugo– da man do PSdeG e coa “complicidade absoluta” dun BNG que “goberna con todos eles e prefire mirar cara outro lado antes que reaccionar coa contundencia que os feitos requiren”.

“Alégrame que a xente poida percibir as diferentes formas de facer política e que nós esteamos a outra cousa”, afirmou Rueda ao tempo que destacaba a contribución da política “feita desde o sentidiño, a xestión e a preocupación polos problemas reais da cidadanía” á consolidación do que se percibe como “Galicia Calidade”.

Para o líder dos populares galegos, todos os alcaldes e alcaldesas reunidos hoxe en Oroso “representan ben esa maneira que ten o PPdeG de facer as cousas e de facelas ben, ocupándose do que verdadeiramente importa e desprezando a mala política dos escándalos, de mirar cara outro lado cando hai que actuar con contundencia e de crear tensión como ferramenta para conseguir fins políticos”.

“A política boa e de verdade é o día a día do traballo desde os concellos. Por iso me alegro de que teñamos tanta xente nova que sexa un exemplo de todo iso e doulles as grazas pola valentía que demostran ocupando estes postos e entendendo que a mellor política é a que se fai desde os concellos”, concluíu.

A MOCIDADE QUE GOBERNA

No encontro estiveron presentes a maioría dos 15 alcaldes e alcaldesas do PPdeG menores de 40 anos: Ángel Pérez (Guntín), Gonzalo Louzao (A Estrada), Manuel Fernández (Baños de Molgas), Fernando Couce (Cabanas), Luis Insua (Fisterra), Pablo Graña (Xunqueira de Espadanedo), Álex Doval (Oroso), Melisa Macía (Vilariño de Conso), Pablo Barcia (Mondariz), Pablo Rivas (Portomarín), Jorge Cubela (Cerdedo-Cotobade), Esteban Ares (Lousame), María Sampedro (Ribeira) e Rebeca Sotelo (Cenlle). Aos que habería que engadir ao alcalde de Baralla, Miguel González.

Xunto a eles estaba tamén Nicole Grueira, presidenta de Novas Xeracións de Galicia e que, con 21 anos, foi a candidata máis nova nas eleccións de 2023 e, meses despois, converteuse na primeira deputada autonómica nada no século XXI.

Álex Doval, que exerceu de anfitrión, quixo salientar o que, a pesar das diferentes procedencias “desde o concello máis rural ata o máis urbano”, une a todos eles: “Somos persoas novas que decidimos dar un paso adiante para liderar os nosos concellos, non sen dificultades nin atrancos, pero sempre co apoio do partido”.

De feito, e en contraposición a quen considera que o PPdeG é “o partido da xente maior”, considera que a reunión de hoxe é “a mellor demostración de que o PPdeG non só é o partido que máis se parece a Galicia, senón tamén o partido que máis se parece á mocidade galega”.

O alcalde de Oroso explicou que tanto el como o resto de alcaldes menores de 40 anos ao final o único ao que aspiran é a “gobernar con cabeza, facendo as cousas ben, con proximidade, con rigor e sendo capaces de chegar á xente”.

O PPdeG insta ao BNG a “abandonar” o Goberno provincial de Lugo e “romper” co PSOE polo caso Tomé

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, subliñou hoxe que o BNG “ten que abandonar” o goberno da Deputación de Lugo, do que forma parte xunto ao PSdeG, e “deixar a un lado a hipocrisía e o cinismo e romper cos gobernos do PSOE en Galicia e España” polas denuncias por suposto acoso sexual contra José Tomé.

Así o manifestou ante os medios de comunicación nunhas declaracións que se suman ás da súa compañeira de partido e presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, quen reprochou onte ao BNG siga no goberno da Deputación mentres Tomé “segue exercendo de presidente”.

Todo isto despois de que na tarde do venres, o secretario xeral do PSdeG, José Gómez Besteiro, asegurase que coñeceu “por unha terceira persoa” en outubro un suposto caso de acoso contra o que era presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; aínda que dixo descoñecer se se trata do mesmo que figura na denuncia recibida no canal interno antiacoso habilitado polo PSOE.

Tamén o mesmo día, Tomé formalizou a súa renuncia á presidencia da Deputación, que deberá ser aceptada no pleno do 30 de decembro. Pero non será ata a sesión do 14 de xaneiro cando se elixa ao seu sucesor no cargo.

Neste contexto, Prado afeou ao BNG que se manifeste “pero non contra quen se ten que manifestar”. En referencia a que este domingo os independentistas galegos convocaron unha manifestación contra o proxecto de Altri en Santiago de Compostela.

“A manifestación real que tiña que liderar a señora Ana Pontón era contra un goberno no que hai presuntos acosadores sexuais, contra un goberno onde está instalada a corrupción e contra un goberno que está destrozando as políticas que impulsan o futuro de Galicia”, reprochou.

Así mesmo, sinalou ao Goberno central por “estar en contra da industrialización de Galicia” logo de “provocar a desconexión eléctrica de Lugo” e “non aportar absolutamente nada ao avance do ferrocarril en Galicia”. “Sobre todo na provincia máis abandonada que é Lugo”, concluíu.

O PPdeG salienta que a Xunta amosa o seu compromiso coa construción de vivenda en Vigo cos 6.200 pisos previstos en Navia, Ofimático e Ramón Nieto

As deputadas do Grupo Popular Patricia García e Loli Hermelo subliñaron hoxe a aposta da Xunta de Galicia pola construción de vivenda pública, que na cidade de Vigo se manifesta na construción de 6.200 vivendas nos ámbitos de Navia, o Ofimático e Ramón Nieto.

“O Goberno galego está a cumprir en Vigo o compromiso do Presidente Alfonso Rueda de duplicar a vivenda pública existente ao longo da presente lexislatura, cunha actuación se precedentes que se traduce nas 1.600 vivendas previstas en Navia, as 3.200 no ámbito do Ofimático e as 1.400 vivendas proxectadas en Ramón Nieto”, sinalou Patricia García.

Nunha visita ás promocións de vivendas que a Xunta está a construír en Navia, acompañadas da presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, as deputadas populares destacaron a “clara implicación da Xunta coa construción de vivendas de Navia” e lembraron que os gobernos do PPdeG “promoveron as primeiras vivendas públicas neste barrio, impulsando desde o inicio o seu desenvolvemento residencial e sentando as bases do crecemento posterior da zona”.

O 60% DAS VIVENDAS XA EN CONSTRUCIÓN

Das 1.600 vivendas que na actualidade impulsa a Xunta en Navia, cun investimento total de 248 millóns de euros, 924 xa están en marcha e 134 millóns de euros xa están licitados, “o que pon de manifesto un alto grao de execución e cumprimento dos compromisos adquiridos”.

A estas actuacións en Navia súmanse as 3.200 vivendas previstas no ámbito do Ofimático e as 1.400 proxectadas en Ramón Nieto, configurando a Vigo como unha das cidades con maior impulso de vivenda pública de Galicia. “Un compromiso que contrasta coas palabras baleiras da ministra de Vivenda na súa visita á cidade, vendendo como un gran éxito o prezo de 8,8 euros por metro cadrado das vivendas, cando o prezo medio na cidade xa está moito por baixo”, indicou Patricia García.

“O compromiso da Xunta coa cidade de Vigo non se limita só ao ámbito da vivenda, e para testificalo só temos que botar unha ollada aos seus orzamentos para 2026, nos que se recollen investimentos por máis de 690 millóns de euros destinados a vivenda, educación, sanidade, infraestruturas e servizos públicos”, destacou a deputada Loli Hermelo.

En concreto, Patricia García puxo como exemplo o construción do novo instituto de ensino secundario Domingo Villar, exemplo de arquitectura moderna e da estratexia de modernización pedagóxica da Xunta, aliñada cos novos modelos educativos e coas necesidades reais do alumnado.