O Parlamento galego demanda ao Goberno de España que defenda ante a Comisión Europea a inclusión do hidroxenoduto A Coruña-Zamora na lista de proxectos de interese común

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición no de lei, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, a través da que se insiste na demanda ao Goberno de España para que defenda ante a Comisión Europea a inclusión do hidroxenoduto A Coruña–Zamora na lista de proxectos de interese común. Así mesmo, no caso de que finalmente non se abra ou se peche a vía para a súa incorporación a dita lista europea, pídese que a Xunta manteña o seu compromiso de defender este proxecto estratéxico desde Galicia por todas as vías dispoñibles.

O portavoz popular de Industria, Rubén Lorenzo, sinalou que o hidroxenoduto Guitiriz-Zamora “representa una oportunidade estratéxica para Galicia, porque falamos da posibilidade de que a nosa comunidade autónoma se sitúe no mapa europeo de transición enerxética, da descarbonización e da nova economía industrial vencellada ao hidróxeno verde”.

PROXECTO TRANSVERSAL

“Reclamamos ao Goberno de España que defenda este proxecto en Europa e que leve a voz de Galicia a Bruxelas presentando este hidroxenoduto como estratéxico para o conxunto do país, porque este proxecto representa a posibilidade de que nos coloquemos no mapa europeo da transición enerxética, unha garantía de que o noso potencial renovable se converta en industria, emprego e futuro”, indicou Rubén Lorenzo.

Ademais, reclamou que este proxecto “debe ser transversal a toda a comunidade e non pode quedar reducido á provincia de Lugo: debe partir de A Coruña, atravesar toda Galicia, conectar os nosos polos industriais e chegar a Zamora como porta de saída cara a rede española e europea”. “Deste xeito, poderemos atender todos os proxectos estratéxicos de xeración de hidróxeno en Galicia que están repartidos polo territorio, porque o futuro val do hidróxeno galego necesita unha infraestrutura que recolla todo o potencial”, indicou.

Por outra banda, Rubén Lorenzo cualificou de “paradóxico que o BNG, sendo un partido que pon trabas constantemente ao desenvolvemento eólico e a proxectos de renovables en Galicia, sexa o que pida agora impulsar o sector do hidróxeno verde, porque esta enerxía xérase mediante electrólise da auga empregando electricidade renovable”. “Se non se fai así, xa non podemos falar de hidróxeno verde”, asegurou.

“Para que ese potencial se converta en realidade, precisamos unha infraestrutura que conecte a produción coa demanda e que nos conecte á rede española e á rede europea, polo que sen hidroxenoduto o hidróxeno galego quedará atrapado”, rematou o portavoz popular.

Paula Prado felicita ao PP de Padrón polo traballo para “consolidarse como unha alternativa fiable”

A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, felicitou hoxe ao PP de Padrón polo bo traballo realizado ao longo deste ano 2025 para “levar a iniciativa na política municipal e consolidarse como unha alternativa fiable con moitas opcións de recuperar o goberno en 2027”.

“Cónstame que estades a revitalizar o partido e a traballar no bo camiño para poder levar unha gran alegría dentro de ano e medio nas eleccións municipais. Non teño ningunha dúbida de que se seguides como ata agora, escoitando á veciñanza, fiscalizando a nefasta xestión do goberno local e propoñendo ideas para mellorar Padrón, o PP vai recuperar o liderado neste concello e imos volver gobernar”, asegurou Prado, acompañada do líder local, o tamén deputado autonómico Ángel Rodríguez Conde, durante o pincho de Nadal dos populares de Padrón, que reuniu a máis de 150 persoas entre afiliados, colaboradores e simpatizantes.

A número dous do PPdeG, “encantada” de volver a este municipio, lamentou que o alcalde socialista e o seu goberno “anden máis preocupados das luces do Nadal e da pista de xeo que de explicar, por exemplo, por que neste ano que remata perderon máis de 700.000 euros de axudas concedidas pola Xunta de Galicia para o arranxo da escola infantil e da praza de abastos”.

Pola súa banda, Ángel Rodríguez Conde agradeceu a presenza de todos os asistentes e resaltou que o ano 2025 “marcou un punto de inflexión na dinámica do PP de Padrón, que está moito máis vivo e forte do que algúns pensan”. O voceiro municipal comprometeuse a seguir traballando arreo para “desenmascarar a un alcalde que vive do pasado e que se preocupa máis das redes sociais que dos problemas dos veciños”.

O PPdeG márcase como obxectivo ter designados un ano antes aos candidatos das sete cidades para as eleccións municipais

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, marcou hoxe ao seu partido o obxectivo de ter designados en maio de 2026, un ano antes das eleccións municipais, aos candidatos das sete cidades e das vilas de máis de 20.000 habitantes e así aspirar a conseguir o mellor do partido nunhas eleccións municipais.

Na súa intervención durante a reunión da Xunta Directiva do partido que esta mañá encabezou xunto ao secretario xeral do Partido Popular, Miguel Tellado, e na que tamén interveu a secretaria xeral Paula Prado; o líder dos populares galegos quixo facer balance dos obxectivos cumpridos ao longo deste ano.

Salientou así os mínimos históricos de paro, a asunción da competencia de xestión do litoral, o avance no compromiso de duplicar o parque público de vivenda ou a consolidación da educación gratuíta desde a gardería ata a universidade. Así mesmo, destacou fitos como os que supón para Galicia ser a primeira comunidade en contar cun centro público de protonterapia ou ter sido elixida para albergar unha das poucas factorías de Intelixencia Artificial de toda Europa.

“Tamén repetimos algo que para nós é rutina pero para o resto de España é unha excepción: aprobar os Orzamentos”, engadiu en referencia ás contas ás que se lle deu luz verde no Parlamento esta semana, facendo de Galicia ademais a primeira comunidade en aprobalos.

A nivel orgánico, o presidente tamén puxo en valor as novas alcaldías conseguidas polo PPdeG este ano e, coa vista posta nas eleccións municipais, animou a estes novos rexedores a “demostrar que os cambios merecían a pena e que se notan para ben nos concellos”.

“O resumo é que rematamos o 2025 cun partido unido e forte, cun Goberno estable e eficaz e cunha Galicia cada vez máis grande, cada vez máis próspera e con cada vez máis razóns para o optimismo”, concluíu insistindo ao mesmo tempo en que o partido non debe “caer na autocomplacencia e menos co que temos enfronte”.

A IRRESPONSABILIDADE DO GOBERNO CENTRAL E DA OPOSICIÓN

En referencia á situación nacional, Alfonso Rueda catalogou de “goberno podrido” ao Executivo que encabeza Pedro Sánchez e criticou que “o presidente está rodeado de presuntos delitos que abarcan case todo o Código Penal e practicamente ninguén dos que lle rodea está libre de sospeita”.

“Non nos podemos resignar a que isto sexa algo cotián ou inevitable. Porque, por moito que queiran negar a realidade e pretender tapar un escándalo con outro, isto é insostible e tense que acabar canto antes”, sentenciou.

Na mesma liña e apuntando agora cara aos partidos da oposición, o presidente definiu ao PSdeG como “un partido sumido nunha espiral de autodestrución que os leva camiño da irrelevancia máis absoluta” e criticou a actitude hipócrita dun BNG que “mira cara outro lado e non é capaz de pasar das proclamas ás decisións ante situacións que eles mesmos aseguran que supostamente non lle gustan e consideran insoportables”.

Fronte a todo isto, Rueda considera que o PPdeG ten que “traballar o dobre, facer por dous e asumir o dobre de responsabilidade para compensar a irresponsabilidade tanto do Goberno central como dos partidos da oposición en Galicia”.

RESISTIR É UNHA COUSA E GOBERNAR É OUTRA

Como remate da súa intervención, o líder dos populares galegos chamou aos seus a seguir traballando con humildade, con responsabilidade, sen distraccións e sen ceder ás provocacións: “Traballemos como a xente espera que temos que traballar e como así nos recoñece”.

Apelando á “boa política” pola que os galegos e galegas confían maioritariamente no PPdeG, o presidente rematou subliñando que “resistir é unha cousa e gobernar é outra”. E, neste sentido, asegurou que a ninguén lle pode “rentar” estar no Goberno só polo feito de estar e non para servir aos cidadáns: “Eu nunca presidirei un goberno que non lle mereza a pena aos cidadáns”.

UN GOBERNO QUE GOBERNA E UN PARTIDO QUE SERVE

Pola súa banda, o secretario xeral do Partido Popular, Miguel Tellado, reivindicou a “gran familia” que constitúe o PPdeG e máis en comparación coas “liortas” que día a día protagonizan o PSOE e o BNG.

“Os galegos e galegas confían en nós porque teñen a súa disposición a un Goberno que goberna e a un partido disposto a servilos”, asegurou subliñando que o PPdeG é o único partido capaz de “defender aos galegos cada día e darlles boas noticias cada semana”.

A última destas noticias foi a aprobación dos Orzamentos de 2026 esta mesma semana. “Canto lle tería gustado a Pedro Sánchez dicir que ten uns Presupostos aprobados este ano e o anterior”, ironizaba Tellado celebrando que estas novas contas suporán para Galicia “novas rebaixas fiscais e mellores servizos públicos”.

O secretario xeral do Partido Popular tampouco deixou pasar a oportunidade de poñer en evidencia aos socios de Pedro Sánchez, citando en concreto a un PSdeG que “nas próximas eleccións autonómicas sacará tan poucos deputados que caberán no Peugeot das primarias”, a unha Yolanda Díaz que “ameaza con quedarse” e a un BNG que é “un satélite que nunca se vai despegar do planeta de corrupción masiva que é Pedro Sánchez”.

“Son un bloque, si, pero de cinismo e de formigón armado adherido a un Pedro Sánchez que se está afundindo e ao que van a acompañar ata o último momento na súa caída ata os infernos”, concluíu.