O Partido Popular de Galicia estrea hoxe o seu vídeo de Nadal, no que o presidente Alfonso Rueda pon o mandil para cociñar, na cea de Noiteboa, a receita do que Galicia sabe facer mellor: “Tratar o noso con respecto e cariño, e intentando facer as cousas ben para todos os galegos e galegas”.
Logo de percorrer Galicia en moto e en autobús e de poñerse á fronte dunha coral nos vídeos de anos anteriores, nesta ocasión o líder dos populares galegos decidiu asumir a tarefa de cociñar para toda Galicia e así escenificar ese momento de encontro no que as familias se reúnen en torno a unha mesa para degustar os mellores pratos da nosa terra e brindar por todo o bo que deixa o ano que remata.
Como non podía ser doutro xeito, a decisión do presidente de poñerse o mandil e manexar os fogóns suscita unha gran expectación e sobre todo sorpresa entre aqueles que mellor o coñecen. Así, mentres as súas fillas recordan que “os bocadillos saíanlle ben”, o presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, amósase convencido do éxito: “Mellor a cociña de Rueda que a cociña do CIS”.
O presidente de honra do PPdeG, Mariano Rajoy, aínda que non o pareza, ofrécese como “un bo pinche de cociña” para que Rueda poida triunfar e o secretario xeral do Partido Popular, Miguel Tellado, pola súa banda, propuxo vir a Galicia para “apaciguar o clima” ante a tormenta que xerou a nova de que o presidente Rueda ía cociñar polo Nadal.
Decidido a materializar esta cea con éxito, Alfonso Rueda conta coa axuda da secretaria xeral Paula Prado e dos presidentes provinciais do partido, que son os encargados de complementar o menú da noite: Diego Calvo (A Coruña) aporta un rape da lonxa de Ribeira, Elena Candia (Lugo) un capón de Vilalba, Luis López (Pontevedra) pan de Rodeiro e Luis Menor (Ourense) unha bica de Trives. De feito, este último elemento non podía faltar, xa que logo dos incendios deste verán, Ourense ten que seguir estando na mente e no corazón de todos.
UN ANO DE ESTREAS
Xunto a todos eles hai outras caras coñecidas que, ademais, se estrean por primeira vez neste tradicional vídeo dos populares galegos. É o caso, ao igual que Miguel Tellado, da deputada nacional Ana Vázquez, o coordinador de Medio Rural do PPdeG, Avelino Souto, e mesmo a nai do presidente, Lola de Valenzuela, que non está disposta a perderse o ‘debut’ do seu fillo como cociñeiro.
Pero como ningún proceso de cociñado está exento de imprevistos, Alfonso Rueda ten que facer fronte a problemas como un Peugeot mal aparcado, un Ábalos que quere apuntarse á festa no piso número ‘Uno’ coas súas chistorras e, por se isto non bastase, mesmo a un apagamento como o que España sufriu en abril.
Nada disto consigue frear a determinación do presidente de acoller na súa mesa a todos os galegos e galegas: pais, nais, nenos pequenos, avós, mozos e mesmo un ‘perro’. No caso deste último, unha cadela moi querida pola familia dos populares galegos: Pipa. Xunto a eles, finalmente, logo de superar con éxito a tarefa que se propuxo, decide propoñer un brinde.
“Pode que non sexa o mellor cociñeiro do mundo, pero o que si é verdade é que trato o noso con respecto, cariño e intentando facer as cousas ben, por todos os galegos e galegas. E isto é algo que aquí sabemos facer moi ben”, asegura ao tempo que desexa a todos un Bo Nadal, unhas Felices Festas e un moi Próspero Ano 2026.




