Rueda celebra desde A Mariña lucense que o PPdeG pecha o ano “forte” e “nun bo momento”

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, celebrou hoxe desde A Mariña lucense que o PPdeG peche o ano 2025 “forte” e “nun bo momento”, como puido comprobar nas diferentes reunións de Nadal. “Nun bo momento por nós mesmos e non por demérito do resto”, apuntou.

Rueda encabezou este mediodía en Viveiro unha reunión con alcaldes e portavoces da comarca, acompañado da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e da presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, ademais doutros representantes do partido na provincia, coa alcaldesa Mariña Gueimunde como anfitrioa.

O líder dos populares galegos agradeceu aos alcaldes e portavoces que formen parte dun equipo do perfil que quere a xente en Galicia: “traballador e cos principios claros, sen montar líos innecesarios”.

Neste sentido, pediulles “seguir así”, tendo “capacidade de traballar moito” e “sendo serios cando hai que selo”, en comparación cun PSOE que “está dando un espectáculo sobre todo nesta provincia” e un BNG que “despois de dar tantas leccións, é incapaz de actuar en consecuencia”.

De cara ao 2026, Rueda instou aos representantes do PPdeG a “traballar unidos”, “facer as cousas o mellor posible” e “estar preparados para o que teña que pasar”, tendo en conta a incógnita respecto das eleccións xerais. “Pechamos un bo ano e collemos con moitas forzas para o 2026”, resumiu.

Por último, agradeceu o apoio que lle dan sempre, trasladoulles o seu apoio no ano e medio que resta de cara ás eleccións municipais e asegurou estar “encantado” de participar nesta reunión: “É imprescindible vervos, escoitarvos e que me digades as cousas con sinceridade e claridade”, concluíu.