Paula Prado asegura que a mensaxe de Alfonso Rueda reflexa o seu compromiso con “seguir construíndo unha Galicia con futuro”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegura que a mensaxe trasladada hoxe por Alfonso Rueda no seu tradicional discurso de Fin de Ano é a dun presidente “comprometido con seguir construíndo unha Galicia con futuro” desde a estabilidade, a xestión e o sentidiño.

Para a número dous dos populares galegos, as palabras do presidente demostran que “Galicia ten un Goberno centrado no importante e afastado tanto do escándalo permanente do Executivo central como dunha oposición máis interesada en promover a confrontación que en achegar solucións”.

“Fronte ao ruído e a crispación, Galicia seguirá ofrecendo un ano máis estabilidade, xestión e sentidiño”, explicou ao tempo que poñía en valor o coñecemento de Rueda da realidade do país. Algo que, na súa opinión, constata o feito de que “fala das preocupacións reais dos galegos en primeira persoa e co coñecemento de quen traballa por ofrecer solucións”.

Destacou así as referencias que se fixeron no discurso á vivenda, co compromiso de duplicar o parque público; á innovación, cun investimento histórico que sitúa a Galicia na vangarda tecnolóxica; ao emprego e á economía, cunha aposta por un crecemento sostible e xusto; e ao reforzo de servizos públicos como a sanidade, a educación e a protección social.

Medidas todas elas que, segundo Paula Prado, son o resultado da convicción de que “gobernar é traballar con seriedade e previsión”, tal e como demostra que Galicia vaia empezar 2026 cuns Orzamentos xa aprobados e en vigor desde o primeiro día do ano”. “Ese é o modelo de Alfonso Rueda: serenidade, compromiso e solucións para seguir construíndo unha Galicia con futuro”, concluíu.