O PPdeG augura un “extenso libro de éxitos colectivos” para Ribeira da man de María Sampedro e a veciñanza do concello

A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, asegura que o cambio experimentado en Ribeira en 2025 é tan só “o primeiro capítulo do extenso libro de éxitos que María Sampedro comezou a escribir man a man cos seus veciños e veciñas” e que terá a súa continuación neste 2026.

Así o manifestou esta tarde acompañada polo secretario xeral do PP da provincia da Coruña, Evaristo Ben, e da propia alcaldesa no brinde de Aninovo organizado polo PP de Ribeira. Un evento no que animou a todos os afiliados do partido a nivel local a seguir traballando e sumando esforzos para consolidar o cambio iniciado e acadar os mellores éxitos nas próximas eleccións municipais de 2027.

María Sampedro, pola súa banda, apelou tamén á unión, o traballo e o esforzo para acadar todos os obxectivos neste 2026 no que Ribeira seguirá a dar pasos para  acadar ser referente económico, social e cultural do Barbanza.

Tamén agradeceu a axuda, o compromiso e a man tendida que sempre tivo no partido en todos os seus ámbitos: “Demostramos que traballando xuntos, apartados das liortas e da confrontación, contamos coa mellor receita para achegarnos e conseguir os desexos de todos ribeirenses”.

Nazareth Cendán substitúe a Ethel Vázquez como nova deputada do PPdeG no Parlamento de Galicia

Nazareth Cendán Gayoso tomará posesión na próxima sesión plenaria como deputada do PPdeG no Parlamento de Galicia, ocupando o lugar de Ethel Vázquez Mourelle, quen recentemente presentou a súa renuncia por motivos persoais.

A carreira de Nazareth Cendán, licenciada en Dereito pola Universidade da Coruña, abrangue diversos sectores, destacando especialmente o seu paso polo ámbito bancario e pola consultoría en Responsabilidade Social Corporativa (RSC), onde se implicou en proxectos de impacto social e desenvolvemento económico.

Desde 2017, desenvolve o seu labor no Gabinete da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, onde participou activamente na planificación e xestión de políticas vinculadas ao sector pesqueiro e ao desenvolvemento sostible das zonas costeiras. Ademais, foi concelleira do Partido Popular no Concello da Coruña durante o mandato 2019-2023, onde exerceu como responsable das áreas de Turismo, Comercio, Mercados e Festas, e estivo moi involucrada na área de Cultura.

A nova deputada amosa a súa gratitude pola confianza depositada nela e subliña que continuará a traballar con dedicación para mellorar as condicións de vida e benestar das galegas e galegos, co obxectivo de seguir coas liñas de traballo iniciadas polo Partido Popular e impulsar novas iniciativas de benestar e progreso para a nosa terra.