O PPdeG denuncia en Redondela a manipulación do goberno municipal sobre o Bono Coidado da Xunta de Galicia

Os deputados autonómicos Julio García Comesaña e Moisés Rodríguez visitaron este sábado Redondela xunto aos concelleiros do Partido Popular no Concello, Javier Bas, Sandra Bastos e David Muiños, para amosar o seu apoio ao grupo municipal do PP fronte ás reiteradas falsidades difundidas polo goberno local sobre o Bono Coidado da Xunta de Galicia.

O obxectivo da visita foi denunciar publicamente o grave intento de engano á veciñanza por parte dunha concelleira do goberno municipal, co apoio directo da alcaldesa, que afirman falsamente que a percepción do Bono Coidado supón a saída das listas de espera para acceder a unha praza nunha residencia pública ou aos servizos de axuda no fogar.

Desde o Partido Popular insistiron en que esta afirmación é rotundamente falsa. Para as persoas que teñen preferencia por un servizo como residencia, centro de día ou o Servizo de Axuda no Fogar, e non se lles pode prestar de forma inmediata, achégaselle o Bono Coidado, de carácter temporal, destinado a apoiar ás persoas dependentes mentres non se fai efectiva a asignación dunha praza pública ou dun servizo. En ningún caso implica a exclusión das listas de solicitude, tal e como acreditan as comunicacións oficiais remitidas pola Xunta de Galicia ás persoas beneficiarias.

A pesar de que desde o PP de Redondela se aclarou esta cuestión en repetidas ocasións, no último pleno municipal, a concelleira e a alcaldesa volveron insistir nesta falsidade, persistindo nun intento de manipulación especialmente grave ao afectar a un ámbito tan sensible como a atención ás persoas dependentes e ás súas familias.

Desde o Parlamento de Galicia coñécese perfectamente as características e o funcionamento do Bono Coidado, polo que os representantes populares denunciaron que o goberno local de Redondela utiliza a súa posición institucional para desinformar deliberadamente á poboación, xerando medo e incerteza entre as persoas que atravesan situacións especialmente delicadas.

O Partido Popular considera inadmisible que se xogue politicamente coas axudas á dependencia e esixe ao goberno municipal que rectifique de inmediato, pida desculpas públicas e deixe de enganar á veciñanza de Redondela.

Durante a visita, os representantes do PP explicaron con detalle o funcionamento real do Bono Coidado, cun importe de 5.000 € que se pode utilizar a criterio do propio beneficiario, e reiteraron o seu compromiso cunha información veraz, transparente e responsable, sempre en defensa dos dereitos das persoas dependentes e das súas familias.

Por último, criticaron a dobre vara de medir do goberno municipal, que menospreza unha prestación de gran éxito en Galicia, pero non condea con rotundidade que o Goberno central siga sen cumprir a Lei de Dependencia, ao non achegar o 50% dos fondos, senón só o 34%, como fai agora. Os populares recordaron que isto supón unha falta de financiamento moi grave e un agravio comparativo con outros territorios como o País Vasco, que si se comprometeu a achegar ese 50% que marca a Lei.

O PPdeG critica que Pedro Sánchez inicie o 2026 cun “novo castigo” a Galicia a través da “esaxeradamente inaceptable” suba das peaxes da AP-9

O PPdeG critica que Pedro Sánchez optase por iniciar o novo ano 2026 cun “novo castigo” a Galicia a través dunha suba das peaxes da AP-9 que consideran “esaxeradamente inaceptable” na medida en que non só penaliza aos seus usuarios, senón que afonda aínda máis no agravio comparativo que sofre esta autoestrada respecto a outras.

Refírense así ao feito de que a Autoestrada do Atlántico inicia este 2026 cunha suba das súas peaxes que acada o 5% e consolidándose, ademais, como “a máis cara de España”. Ao que se engade a suba experimentada tamén pola AP-53 entre Santiago e Lalín, cuxas tarifas se incrementan este ano nun 3,6%.

Os populares galegos culpan integramente desta situación ao Executivo que encabeza Pedro Sánchez na medida en que “podería ter evitado esta situación” pero “decidiu que o 2026 tamén vai ser un ano de castigo a Galicia”. De feito, recordan que o pasado ano se consolidou como “o ano do boicot” no relativo á transferencia da AP-9 a Galicia, xa que en 2025 se acadaron as 60 prórrogas ao debate desta iniciativa no Congreso desde que Sánchez chegou á Moncloa.

Aínda así, fan cómplices da situación aos partidos que, na súa opinión, son xa as “sucursais do sanchismo en Galicia”. Por unha banda, un PSdeG que “só por compracer ao seu líder é capaz de dicir unha cousa e á contraria ao mesmo tempo”; e, por outra, un BNG que “prefire seguir contando moedas para pagar as peaxes antes que retirarlle o seu infrutuoso apoio a Sánchez”.

Poñen en valor, pola contra, que o Goberno de Alfonso Rueda “si que ten sempre na súa lista de desexos aos galegos” e que mostra disto é que vén de conxelar as peaxes das autoestradas autonómicas AG-55 e AG-57, que “seguirán a ser das máis baratas de España”.