Alberto Pazos critica que a nova Presidenta da Deputación de Lugo estea sustentada “no voto dun presunto acosador sexual e en 500.000 euros que o BNG repartirá entre os seus afíns”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou hoxe que a nova presidenta da Deputación de Lugo estea sustentada “no voto favorable dun presunto acosador sexual e en 500.000 euros que o BNG se axenciou das arcas de todos os lucenses para repartidos entre os seus concellos e organizacións afíns á causa nacionalista”. Respecto do novo sistema de financiamento autonómico, demandou que sexa “falado e consensuado por todas as comunidades autónomas, tendo presente as particularidades e as necesidades de todas elas”.

Alberto Pazos comezou a súa comparecencia ante os medios de comunicación dando conta dos cambios realizados no Grupo Parlamentario Popular logo da marcha de Ethel Vázquez, a quen desexou “o mellor na súa nova etapa laboral, agradecendo todo o bo traballo que desenvolveu ao longo destes case dous anos que nos acompañou como deputada neste Parlamento e como secretaria da Mesa”. En concreto, Nazareth Cendán será a nova deputada pola provincia de A Coruña e para a Secretaría da Mesa do Parlamento o Grupo Popular propuxo ao actual viceportavoz e presidente da Comisión 1ª, Julio García Comesaña.

ANSIAS DE PODER SOCIALISTA

Na súa intervención, o portavoz popular referiuse á elección no día de onte da nova Presidenta da Deputación Provincial de Lugo, que “nace logo dun vergoñento pacto, ou pacto guarro, como o ten cualificado acertadamente a nosa secretaria xeral, Paula Prado, capitaneado por un presunto acosador sexual e que demostra ás claras o pouco que lle importan as mulleres tanto a BNG como a PSdeG”.

“O esperpento chega ata tal punto que unha muller foi capaz de aceptar o voto deste presunto acosador sexual para facerse coa Presidencia da Deputación”, indicou Pazos, ante o que se cuestionou “ata que punto poden chegar as ansias de poder das mulleres socialistas, cando neste caso a nova Presidenta da Deputación é capaz de aceptar un goberno totalmente enlamado polo voto dun presunto acosador sexual?”

Respecto do BNG, a terceira pata deste Goberno tripartito na Deputación de Lugo, Alberto Pazos manifestou que “volveu demostrar o seu feminismo de pancarta, deixando a un lado a súa defensa das mulleres para conseguir manterse no Goberno da Deputación de Lugo”. Ademais, criticou “a pouca vergoña coa que desde o BNG nos xustificaron o seu apoio á nova presidenta socialista da Deputación: 500.000 euros bastaron para que os nacionalistas galegos esqueceran as falcatruadas levadas a cabo polo presunto acosador sexual sendo presidente da Deputación, pecharan os ollos e deran o seu voto favorable á nova presidenta socialista”. “Ata que punto debe chegar esta vergoñenta situación protagonizada polo BNG na Deputación de Lugo que nin a súa propia lideresa, Ana Pontón, tivo a ben asistir á toma de posesión da nova Presidenta”, indicou.

SETE PUNTOS MENOS DE FINANCIAMENTO POR HABITANTE

Por outra banda, sobre a proposta de financiamento autonómico pactada polo Goberno de España cos independentistas cataláns e a inútil reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira celebrada onte en Madrid, o portavoz popular incidiu que “Galicia non vai aceptar que o novo salvavidas que lle lanzaron os independentistas cataláns a Pedro Sánchez para manterse a frote na Moncloa se converta nunha realidade”.

“Non pode ser que este novo modelo, pensado unicamente para beneficiar a Cataluña, supoña un recorte de máis de sete puntos no financiamento por habitante de Galicia, situándose como a segunda comunidade con menor financiación por habitante; que Galicia, cando representa un 6 por cento da poboación das comunidades de réxime común, só reciba o 2,8 por cento do suposto incremento dos recursos: 587 millóns dos case 21.000 previstos; ou que se dea unha situación totalmente anómala e nunca vista con anterioridade: que Galicia reciba menos recursos do financiamento do Estado que os que aporta ao fondo común”, explicou.

Alberto Pazos demandou aos socialistas galegos “un firme rexeitamento desta proposta de financiamento, do mesmo xeito que o están a facer compañeiros de partido doutras comunidades autónomas españolas onde gobernan, como Castela A Mancha ou Asturias”, aínda que lamentou que “a súa submisión a Pedro Sánchez non lles permita enfrontarse ás directrices que lles marcan desde Moncloa, a pesar de que recoñezan que Galicia sae prexudicada e xa é necesaria unha modificación do sistema de financiamento proposto”.

Así mesmo, criticou que, “mentres os independentistas cataláns espremen todo o que poden a Pedro Sánchez a cambio do seu apoio para que se manteña no Goberno de España, o BNG segue, erre que erre, na súa eterna teima de demandar un cupo para Galicia, un modelo rexeitado por todos os expertos en financiamento autonómico, tal e como se puxo de manifesto na Comisión de Estudo que levamos a cabo neste Parlamento galego durante a pasada lexislatura”.

DIÁLOGO PARA CONSENSUAR O NOVO SISTEMA

“Galicia precisa un novo sistema de financiamento, pero non o sistema acordado entre o Goberno de España e os independentistas cataláns”, asegurou o portavoz popular, quen demandou un modelo que “supoña un incremento para Galicia moi superior ao previsto nese acordo pactado nas súas múltiples reunións entre Pedro Sánchez e Oriol Junqueras, e que permita atender todas as necesidades dos galegos, sen que existan diferencias respecto dos servizos públicos de calidade que gozan os españois que residen en comunidades máis ricas, como Cataluña ou o País Vasco”, concretou.

Deste xeito, avanzou que “desde o Grupo Popular seguiremos demandando que o Goberno central abra unha vía de diálogo con todas as comunidades autónomas para concretar este novo sistema de financiamento autonómico” e apuntou que “o mellor espazo para facelo é o propio Consello de Política Fiscal e Financeira, pero en reunións nas que se debata e se teñan en conta as posicións de todas e cada unha das comunidades autónomas”.