O PPdeG recoñece a traxectoria de Julio García-Luengo tras dúas décadas á fronte de Crecente

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asistiu á comparecencia pública do alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, acompañada polo presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López.

Durante o acto, Julio García-Luengo anunciou que, tras 20 anos de maiorías absolutas á fronte da alcaldía, deixará paso no ano 2027, poñendo fin a unha etapa marcada pola estabilidade, o compromiso e o traballo constante polo ben dos veciños e veciñas de Crecente.

Desde o Partido Popular destacouse e agradeceuse a súa dedicación, a súa vocación de servizo público e a súa contribución á fortaleza do proxecto popular en Galicia, recoñecendo tamén que seguirá sendo unha peza clave da gran familia do PP.

O Grupo Popular esixe ao Goberno central que protexa ao sector primario galego e garanta que os produtos de terceiros países que se comercialicen cumpran os mesmos estándares que os europeos

O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Ángel Viso, esixiu hoxe no Parlamento de Galicia que o Goberno central “protexa ao sector primario, defenda as cláusulas de salvagarda no acordo de libre comercio entre a Unión Europea e Mercosur ante posibles ameazas, e garanta e intensifique os controis de fronteira co fin de que os produtos agroalimentarios de terceiros países que pretendan comercializarse no mercado comunitario cumpran os mesmos estándares de calidade, sanidade e benestar animal que os esixidos en Europa”.

Miguel Ángel Viso considerou “absolutamente comprensible a preocupación dos gandeiros e agricultores galegos ante o acordo entre a Unión Europea e Mercosur”, unha situación ante a que “a Xunta non se agocha, e por iso a conselleira do Medio Rural convocou o Consello Agrario para analizar coas organizacións profesionais o impacto da PAC e do novo escenario europeo, ao tempo que porá en marcha medidas concretas en ámbitos como a saúde animal e vexetal, para detectar enfermidades, pragas e problemas nos alimentos”.

“E todo isto cun obxectivo claro e inequívoco: defender o sector agrogandeiro galego, apostar polos produtos de calidade e estar sempre ao carón das necesidades reais do campo galego”, incidiu o portavoz popular.

SEN ESCOITAR ÁS COMUNIDADES AUTÓNOMAS

Na súa intervención, Viso explicou que o acordo Unión Europea-Mercosur “é un tratado de política comercial internacional, polo que son os estados membros os que teñen a obriga de defender os intereses dos seus territorios durante a negociación, de escoitar ás comunidades autónomas e de trasladar esas posicións á Comisión Europea”. Porén, lamentou que “en España isto non se fixo, e o Goberno de Pedro Sánchez negociou e posicionouse sen escoitar de maneira real ás comunidades autónomas, sen integrar as preocupacións específicas de territorios como Galicia, onde o sector primario é estrutural”.

O portavoz popular insistiu en que “calquera produto que entre desde países terceiros debe cumprir exactamente as mesmas esixencias que se lles impoñen aos produtores galegos”, porque demandou que “Galicia non pode ser tratada como un dano colateral aceptable dun acordo global, nin ser o territorio ao que se lle pide comprensión, paciencia e silencio mentres outros deciden”. “O sector primario galego non é un problema que xestionar, é un activo que protexer”, indicou.

Para rematar, Miguel Ángel Viso criticou a actitude do BNG porque esta situación “non se evita facendo discursos grandilocuentes aquí mentres se sostén en Madrid ao mesmo goberno que negocia estes acordos sen contar coas comunidades autónomas”. “Ultimamente semella que algúns están máis preocupados por exhibir bandeiras alleas que por defender con firmeza os intereses de Galicia onde realmente se deciden as cousas”, dixo.

O Parlamento de Galicia demanda ao Goberno de España un maior nivel de cogobernanza na execución dos fondos europeos

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG e a abstención do BNG, a través da que se demanda ao Goberno de España que aplique, en colaboración coas comunidades autónomas, un maior nivel de cogobernanza na execución dos recursos previstos no Mecanismo para a Recuperación e a Resiliencia (MRR), nomeadamente, aqueles dirixidos a unha xestión forestal sostible, incluída a loita contra os lumes, chegando incluso a transferir a Galicia os recursos correspondentes, de tal xeito que se favoreza un impacto máis positivo sobre o territorio e sexa posible acadar un maior nivel de execución.

A deputada popular Nicole Grueira lamentou que o Goberno central “optara por un modelo excesivamente centralizado para a xestión dos fondos do Plan Nacional de Recuperación e Resiliencia, uniformizando criterios e procedementos sen ter en conta a diversidade territorial”. “E isto fíxose sen unha cogobernanza real e efectiva coas comunidades autónomas, que son as que ostentan as competencias, dispoñen do coñecemento directo do territorio e teñen capacidade contrastada de execución en moitos dos ámbitos clave deste plan”, indicou.

PROBLEMAS DE DECISIÓNS MAL TOMADAS

Deste xeito, manifestou que, “cando as decisións se toman mal, aparecen os problemas, como convocatorias excesivamente ríxidas que non se adaptan ás necesidades do medio rural, distintos criterios segundo o ministerio que publique a orde de axudas, unha falta absoluta de claridade sobre o réxime de reintegro dos fondos ou a falta dun marco plurianual claro, que non permite ás comunidades autónomas coñecer con antelación os fondos dos que van dispoñer e impide unha planificación estratéxica seria”.

Nicole Grueira reclamou “máis respecto e participación das comunidades autónomas na planificación, deseño e xestión dos fondos europeos, de xeito que respondan realmente ás necesidades reais dos territorios”. Así mesmo, pediu que o Goberno de Pedro Sánchez “mellore os mecanismos de coordinación e garantía xurídica destes fondos europeos ou, no seu defecto, transfira os recursos á Xunta, que xa demostrou capacidade, coñecemento do territorio e solvencia técnica para xestionalos con maior eficacia e impacto positivo”.

O Parlamento galego pide ao Ministerio de Agricultura que axilice a autorización de produtos fitosanitarios, en especial os que xa están autorizados noutros países da Unión Europea

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio de BNG nin de PSdeG, a través da que se demanda ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que axilice a autorización de produtos fitosanitarios de eficacia contrastada, especialmente os que xa están autorizados noutros países da Unión Europea. Así mesmo, pídese que se fomente a investigación na industria fitosanitaria para desenvolver novos principios activos e ínstase a que continúe a produción de produtos autorizados de eficacia contrastada.

O deputado popular Juan Casares manifestou que “a produtividade agrícola decae por diversas razóns, entre as que destaca o cambio climático e a actual política ambiental, que propicia a prohibición de produtos fitosanitarios necesarios para garantir uns rendementos mínimos nos cultivos”.

REVISIÓN CONSTANTE

“Para evitar danos ambientais e na saúde pública é necesaria unha revisión constante da efectividade, dos protocolos de uso e dos efectos sobre as persoas e o medio ambiente destes produtos químicos”, sinalou Juan Casares, quen apuntou que “como resultado destas revisións deben ser prohibidos aqueles que resulten perniciosos”. Porén, sinalou que esta prohibición “debe acompañarse da autorización de novos produtos que non teñan efectos negativos co gallo de non deixar desprotexidos aos nosos produtores”.

Neste sentido, segundo os datos do Rexistro Oficial de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, nos últimos cinco anos canceláronse 540 produtos, mentres que só se rexistraron 120 novos. A este balance sumáronse tres cuestións: hai produtos eficaces que non se comercializan pola súa escasa marxe comercial; algúns produtos novos autorizados non contan coa efectividade dos anteriores; e existe o compromiso do Pacto Verde Europeo que prevé a redución do uso de fitosanitarios.

“Como resultado desta constelación causal, moitas pragas e enfermidades son máis difíciles de controlar, unha cuestión que compromete non só a viabilidade económica de moitas explotacións, senón tamén a súa capacidade de competir cos produtos procedentes de terceiros países”, sinalou o deputado popular.

MARXE DE MANOBRA

Por este motivo, asegurou que “o Goberno de España ten marxe de manobra para mellorar a situación axilizando as autorizacións, posto que hai produtos autorizados na Unión Europea que en España non se poden usar”, e puxo como exemplo principios activos que están autorizados no norte de Portugal que os produtores galegos non poden utilizar.

Juan Casares pediu, ademais, que “se dote de máis recursos ao Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria, co fin de axilizar as liñas de traballo en produtos fitosanitarios, impulsar a investigación na loita biolóxica de pragas e abrir o campo á obtención de novas variedades de cultivo máis resistentes ás pragas e enfermidades”.

“De xeito paralelo, o Goberno de España debe apoiar o mantemento da produción dos fitosanitarios pouco rendibles para a industria química, pola súa escasa marxe comercial, ao tempo que se implementan medidas complentarias como a mellora dos controis nas fronteiras, co gallo de evitar a entrada de pragas procedentes doutros países; apoiar a agricultura de precisión, posto que fai máis eficiente o uso de fitosanitarios; e aumentar o nivel de aseguramento dos cultivos a través da Entidade Estatal de Seguros Agrarios, en colaboración coas comunidades autónomas”, rematou.

Paula Prado anuncia que o PP esixirá no Parlamento de Galicia a dimisión de Tomé de todos os seus cargos tralo “pacto guarro”, que supón “unha vergoña para todos os galegos”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, anunciou hoxe que esixirá no Parlamento de Galicia a dimisión de José Tomé de todos os seus cargos. “Veremos, unha vez máis, que queda do falso feminismo do PSOE e do BNG, máis ocupados en darlle normalidade a este tipo de acordos”, dixo en referencia á postura dos socialistas e independentistas, que aceptaron o voto necesario dun presunto acosador sexual para manterse no goberno na Deputación de Lugo, o que supón “unha vergoña para todos os galegos”.

Defendeu ao PPdeG como “un partido sen líos”, fronte a xestión de PSOE e BNG, encabezados por Xosé Ramón Gómez Besteiro e Ana Pontón, que “pretenden darlle normalidade a este tipo de acordos, pero en ningún caso pode ser normal que unha Deputación conte co apoio dun presunto agresor sexual e que un concello como Monforte teña de alcalde un presunto agresor sexual”. Ademais, subliñou o apoio do PP as vítimas, que anunciaron que acudirán á Fiscalía “porque o socialismo non quere saber delas”.

“Queda claro que, como en Leiro e no conxunto de Galicia, o lugar común da gran maioría, onde se sente máis identificada, segue sendo o Partido Popular”, sinalou durante un percorrido por este municipio de Ourense. Estivo acompañada pola secretaria xeral provincial do PP, Sandra Quintas, e o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández.

Reivindicou o PPdeG como “o partido do rural”, centrado “nas preocupacións da xente” e cunha xestión “pensada por e para o rural, desde a estabilidade e coas medidas do Goberno de Alfonso Rueda para facilitar o asentamento de poboación”. Así, despois de poñer como exemplo e visitar o centro de día de Leiro, lembrou que o PP goberna en Galicia no 60% dos concellos de menos de 5.000 habitantes, como é o caso deste municipio.

FRANCISCO JOSÉ FERNÁNDEZ: “TRABALLAR PARA ACHEGAR SERVIZOS AO RURAL”

Pola súa banda, o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, fixo fincapé na xestión do Partido Popular para “traballar por achegar servizos ao rural”.

Así, sacou peito do centro de día do seu municipio, que supón “un servizo fundamental para a veciñanza” e que, ademais, conta cunhas expectativas de crecemento “espectaculares”.