O Parlamento de Galicia solicita ao Goberno central que defenda en Europa a flexibilización e adaptación do Regulamento de Pesca á flota costeira artesanal

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio dos deputados do BNG, a través da que se demanda ao Goberno de España que defenda ante a Comisión Europea a necesidade de establecer períodos de adaptación razoables e medidas de flexibilidade para o cumprimento por parte das flotas de pequena escala do Regulamento que revisa de maneira profunda o réxime de control da Política Pesqueira Común e impón novas obrigas en materia de seguimento, notificación electrónica, localización, trazabilidade dixital e control das actividades pesqueiras, particularmente en territorios como Galicia onde a pesca artesanal ten un peso estrutural no tecido económico e social.

A iniciativa inclúe, ademais, a solicitude ao Goberno central para que poña en marcha con carácter inmediato un programa de apoio específico, que inclúa financiamento para a adquisición de equipos electrónicos, formación e asistencia técnica, dirixido ás embarcacións de pequena eslora, garantindo que ningunha quede excluída por falta de medios económicos ou tecnolóxicos.

OBRIGAS PENSADAS PARA A FLOTA INDUSTRIAL

A deputada popular Nazareth Cendán lembrou que o novo regulamento europeo de control da pesca obriga aos barcos de entre 12 e 15 metros de eslora a estar xeolocalizados e a rexistrar no diario electrónico os transbordos de peixe entre buques, así como as artes ou aparellos perdidos; a rexistrar e pesar todos e cada un dos peixes, sexa cal sexa a cantidade de produto que leven a bordo; e a avisar da súa chegada a porto, coa anotación das súas capturas, nun principio, con dúas horas e media de antelación.

“Aínda que este regulamento entrou en vigor hai dous anos, o Goberno central non dispuxo ata o día de onte dun plan operativo público que garante a súa correcta aplicación”, lamentou Nazareth Cendán, quen subliñou que esta nova norma europea “impón obrigas á flota artesanal que están pensadas para a flota industrial, o que conleva graves consecuencias porque xera inseguridade xurídica e marítima, aumenta a presión burocrática sobre o sector e pon en risco a súa viabilidade”.

Deste xeito, afirmou que “queremos defender o que é de noso, e marcar o que consideramos que debería ser a folla de ruta a seguir polo Goberno central ante a plena aplicación dunha norma que revisa en profundidade o réxime de control da política pesqueira común”.

CONTROL E TRAZABILIDADE, NECESARIOS

“Iso é o que estamos a facer a través desta iniciativa parlamentaria: reclamar ao Estado que adopte fórmulas para flexibilizar e adaptar a aplicación do regulamento á frota costeira artesanal e que desenvolva e aplique todas as exencións e períodos transitorios previstos na normativa europea, co fin de evitar cargas administrativas desproporcionadas que poidan afectar á súa operativa diaria e á súa seguridade na navegación, así como riscos innecesarios de sanción”, concretou a deputada popular.

Nazareth Cendán recoñeceu que “o control e a trazabilidade son necesarios, pero deben implantarse con sistemas sinxelos, seguros e axeitados ás condicións reais de traballo no mar”, e amosou o apoio do PPdeG ás protestas realizadas polo sector, sumándose “á súa indignación e tamén ao seu medo, porque temos un Goberno central que non é fiable nin confiable”.

O Parlamento galego demanda ao Goberno de España que recoñeza a exención tributaria aos tripulantes españois que traballan en buques de bandeira nacional fóra de augas españolas

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que amplíe a exención tributaria do artigo 7.p da Lei 35/2006, do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e de modificación parcial das leis dos Impostos sobre Sociedades, sobre a Renda de non Residentes e sobre o Patrimonio, aos tripulantes españois que traballen en buques de bandeira española que faenan fóra das augas españolas co fin último de estimular a substitución xeracional.

O portavoz popular do Mar, Miguel Fidalgo, explicou que o artigo 7.p da Lei do IRPF establece unha exención fiscal de ata 60.100 euros anuais para os rendementos do traballo realizados efectivamente no estranxeiro, sempre que cumpran determinados requisitos. Porén, lamentou que esta exención “si se aplica a mariñeiros españois que traballan en buques de bandeira estranxeira ou para empresas non residentes, mesmo cando a empresa contratante é española; pero quedan excluídos os tripulantes de buques de bandeira española que faenan en augas internacionais ou estranxeiras quedan excluídos, ao considerarse estes buques como extensión do territorio nacional”.

TRIBUTACIÓN DISTINTA PARA UN MESMO TRABALLO

“Esta situación xera unha discriminación fiscal evidente, xa que mariñeiros que realizan o mesmo traballo, nos mesmos caladoiros e en idénticas condicións tributan de forma moi distinta en función da bandeira do buque”, sinalou Miguel Fidalgo.

Neste sentido, o portavoz popular apuntou que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia “leva anos recoñecendo a exención cando o traballo se realiza en augas estranxeiras, pero unha sentenza recente do Tribunal Supremo do pasado mes de abril déixao moi claro: recoñece a aplicación da exención do artigo 7.p a tripulantes da Armada Española embarcados en buques de bandeira española en augas internacionais”.

“Lamentablemente, a negativa do Goberno de España a adaptar a normativa está a provocar a fuga masiva de mariñeiros cara a buques de bandeira francesa, irlandesa ou británica, cun aforro fiscal estimado de entre 30.000 e 35.000 euros anuais, unha situación que agrava a falta de persoal cualificado e facendo inviable o relevo xeracional na frota española, especialmente en Galicia”.

Os alcaldes e alcaldesas do PPdeG salientan o acordo entre a Fegamp e a Xunta para reforzar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar

Os alcaldes e alcaldesas do Partido Popular de Galicia poñen en valor o acordo acadado esta mañá entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Xunta de Galicia para incrementar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo esencial para milleiros de familias galegas.

O voceiro dos populares e vicepresidente da Fegamp, Ángel Moldes, destacou que “este é un acordo que dá resposta a un dos grandes problemas que tiñan os concellos, xa que se trataba dun servizo que estaba comprometendo de xeito directo as contas municipais”.

Neste sentido, o tamén alcalde de Poio subliñou a importancia dun entendemento que permite aumentar de xeito importante o financiamento que reciben os municipais para, deste xeito, garantir a continuidade e a calidade do SAF sen poñer en risco a estabilidade financeira das administracións locais.

Moldes quixo tamén agradecer “o diálogo, o entendemento e a disposición da conselleira de Política Social, Fabiola García, para chegar a un acordo que é bo para todos: para os concellos, para a Xunta e, sobre todo, para a cidadanía que precisa deste servizo”.

Así mesmo, desde o PPdeG salientaron que este acordo exemplifica o papel que debe xogar a Fegamp: “Ser un instrumento útil en beneficio da cidadanía e do municipalismo, e non un instrumento para a confrontación”. Unha institución, engadiron, “pensada para chegar a acordos e avanzar, non para bloquealos”.

O Grupo Popular pedirá no Pleno que o Goberno de España rexeite calquera proposta que implique unha redución dos fondos europeos destinados aos sectores agrícola e gandeiro

O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana que o Goberno central rexeite calquera proposta que implique unha redución substancial dos fondos europeos destinados aos sectores agrícola e gandeiro, ao tempo que pedirá consenso e participacion efectiva das comunidades autónomas na reforma do Estatuto Marco do persoal sanitario.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, comezou a súa comparecencia ante os medios trasladando o máis sentido pésame ás familias dos máis de 40 falecidos no accidente ferroviario acontecido este domingo en Adamuz, desexando unha pronta recuperación a todos os feridos neste lamentable sinistro e agradecendo a todos os membros do operativo de emerxencia e sanitarios que están traballando neste lamentable sinistro.

RETO DA NEUTRALIDADE CLIMÁTICA EN 2040

A sesión plenaria dará comezo coa xura ou promesa de Nazareth Candán como nova deputada pola provincia de A Coruña en substitución de Ethel Vázquez, acto ao que seguirá a votación para a elección do novo secretario da Mesa do Parlamento de Galicia, posto para o que o Grupo Popular proporá ao actual viceportavoz e Presidente da Comisión 1ª, Julio García Comesaña.

A continuación, terá lugar o debate para a súa aprobación do proxecto de Lei do clima de Galicia, “unha norma coa que nos situaremos como a primeira Comunidade Autónoma en fixar por lei o reto da neutralidade climática, co obxectivo de conseguir o equilibrio entre as emisións de gases de efecto invernadoiro e as absorcións en 2040: 10 anos antes do prazo fixado pola Unión Europea”, destacou Alberto Pazos.

O seguinte punto na orde do día da sesión plenaria será a comparecencia do conselleiro de Facenda e Administración Pública para dar conta do último Consello de Política Fiscal e Financeira, celebrado o pasado 14 de xaneiro, e no que o Goberno de Pedro Sánchez puxo enriba da mesa o acordo acadado cos independentistas cataláns en materia de financiamento autonómico. “Un modelo no que a Galicia lle corresponde a cifra irrisoria de 587 millóns de euros, dun total de case 21.000 millóns que se reparten entre todas as comunidades autónomas, coa que pasamos a estar financiados moi por debaixo da media, algo que os galegos xa anunciamos que non imos aceptar porque Galicia precisa recursos adicionais nas mesmas condicións que as demais comunidades autónomas para financiar o incremento de custo da sanidade, da educación e da dependencia”, subliñou o portavoz popular.

SECTOR AGROGANDEIRO E ESTATUTO MARCO SANITARIO

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular defenderá no Pleno dúas iniciativas de importancia para o futuro do sector agrogandeiro galego e para a prestación dun servizo sanitario acorde coas necesidades de todos os galegos.

En primeiro lugar, esixirase ao Goberno de España que, nas negociacións que se están a levar a cabo da nova Política Agraria Común no marco da Unión Europea, rexeite calquera proposta que implique unha redución substancial dos fondos europeos destinados ao sector agrícola e gandeiro no próximo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034.

En concreto, Pazos demandou que “se manteña un orzamento específico e suficiente, con recursos equivalentes e homologables á actual PAC e aos fondos FEAGA e FEADER, de forma que se garanta a competitividade, modernización e viabilidade futuro do sector agrogandeiro galego, sen esquecernos de algo que consideramos esencial: que o Goberno de España active mecanismos de interlocución permanentes coas comunidades autónomas e coas organizacións profesionais agrarias”.

A segunda das proposicións non de lei do Grupo Popular tamén demanda ao Goberno de Pedro Sánchez que teña en conta ás comunidades autónomas, neste caso no relativo á reforma do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde. “Consideramos imprescindible que esta modificación se realice co consenso e participación efectiva das comunidades autónomas e dos sectores profesionais implicados”, dixo Alberto Pazos. Así mesmo, pídese que as modificacións deste Estatuto Marco contribúan a dar resposta ao déficit de profesionais sanitarios, especialmente en atención primaria e nos postos de difícil cobertura.

Por último, dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase por como ten previsto defender a Xunta os intereses do sector primario galego no novo escenario económico xurdido trala recente sinatura do acordo entre a Unión Europea e Mercosur; sobre a implantación do programa estatal de vivenda Casa 47 no concello de Vigo, que pon a disposición dos cidadáns vivendas a un custo superior á media do prezo libre nesta cidade; e sobre os traballos que se están a desenvolver para a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega, no que se leva traballando varios meses da man de máis de 100 profesionais de diferentes ámbitos e logo de escoitar a todos os grupos parlamentarios.