O PPdeG destaca que a Xunta xa ten en marcha máis de 1.600 vivendas públicas na provincia da Coruña

Os deputados do Grupo Popular Rubén Lorenzo e Carmen Pomar destacaron hoxe que a Xunta xa ten en marcha neste momento a construción de máis de 1.600 vivendas públicas na provincia da Coruña, o mellor exemplo da política de expansión do parque público residencial que está a desenvolver ao longo da presente lexislatura.

Rubén Lorenzo e Carmen Pomar aseguraron que a Xunta “continúa dando pasos para cumprir o obxectivo de duplicar o parque público residencial nesta lexislatura, ata chegar a acadar as 8.000 vivendas públicas”. En concreto, na actualidade xa ten 3.000 vivendas públicas en diferentes fases de execución e ao longo deste ano 2026 porá en marcha as restantes ata chegar as 4.000 comprometidas para duplicar as existentes ao comezo da lexislatura.

POLÍTICA AMBICIOSA, SOSTIDA E TERRITORIALMENTE EQUILIBRADA

Durante a súa visita ás obras de construción das vivendas públicas de Lamas de Abade e Castiñeiro en Santiago, Carmen Pomar indicou que a Xunta xa ten en marcha 400 vivendas nesta cidade, das que 60 se entregarán proximamente. Ademais, esta mesma semana o Presidente Rueda presentou o concurso de ideas para construír en Santiago e A Coruña sendas residencias xuvenís de 150 prazas cada dunha, ademais de novas vivendas de promoción pública.

Pola súa banda, Rubén Lorenzo referiuse expresamente a Carballo, onde a Xunta vén de asinar un convenio co Concello para a cesión dunha parcela municipal na que construír un edificio de promoción pública de 73 vivendas. “O Goberno galego está aberto a poñer en marcha novos proxectos de construción de vivendas en calquera concello galego, para o que é necesario que os responsables municipais aporten o solo necesario”, indicou.

“A Xunta reafirma con estas actuacións, ás que se suman outras que está a emprender en A Coruña, Ferrol ou Ames, o claro obxectivo de cumprir o seu obxectivo de dotar a Galicia dunha política de vivenda ambiciosa, sostida e territorialmente equilibrada, situando á provincia de A Coruña como un dos piares fundamentais da expansión do parque público residencial”, rematou Carmen Pomar.

O PPdeG destaca en Fitur a crecente importancia que o Camiño Portugués pola costa está a ter na chegada de turistas a Vigo e a súa comarca

Os deputados do Grupo Popular Miguel Fidalgo e Felisa Rodríguez destacaron hoxe en Fitur 2026 a crecente importancia que o Camiño Portugués está a ter na chegada de turistas a Vigo e toda a súa comarca, e avogaron porque as administracións dean un paso máis na súa promoción.

En concreto, demandaron ao Concello de Vigo que “abandone dunha vez o seu sectarismo e acceda a sinalizar o traxecto do Camiño Portugués pola costa, de xeito que facilite o tránsito dos peregrinos polo municipio”.

Felisa Rodríguez puxo en valor que o incremento de peregrinos rexistrado nos últimos anos no Camiño portugués pola costa “levouno a situarse como o itinerario xacobeo que máis medrou, superando o pasado ano os 89.500 peregrinos logo dun incremento de case un 20 por cento no 2025”.

Así mesmo, subliñou que o 80 por cento destes peregrinos que percorren o Camiño portugués pola costa son estranxeiros, especialmente alemáns, norteamericanos e italianos. “Esta internacionalización debe ser unha das bazas que debemos xogar para conseguir aumentar o número de peregrinos, co conseguinte aumento dos ingresos para os nosos sectores comerciais e hostaleiros”, indicou.

MANCHA NO ESPLENDOR

Pola súa banda, Miguel Fidalgo lamentou que este impulso que está a rexistrar o Camiño Portugués pola costa “non se vexa correspondido pola atención que merece desde o Concello de Vigo, que leva moitos anos negándose a sinalizar o traxecto ao seu paso polo municipio vigués, a pesar de que unha gran parte das pernoctacións na cidade son debidas aos peregrinos que fan o Camiño, algo que o alcalde segue negando aínda que é imposible non velo”.

“Vigo non pode quedar como unha mancha no esplendor que está a vivir o Camiño Portugués pola costa, para o que é imprescindible que os peregrinos que chegan á cidade por esta ruta conten coas mesmas comodidades e servizos que se lles presta nos demais concellos, e o primeiro paso é que conten cunha sinalización correcta e completa á que neste momento no Concello se nega rotundamente”, lamentou o deputado popular.

Rueda reivindica o ensino galego como “excelente, accesible e adaptado á realidade actual” grazas ao “esforzo” do profesorado e ás políticas do PPdeG

O presidente Alfonso Rueda definiu hoxe o sistema educativo galego como “excelente, accesible e adaptado á realidade actual”, poñendo en valor o “esforzo” do profesorado e ás políticas do PPdeG para converter a Galicia na única comunidade autónoma onde, entre outros fitos, a educación é gratuíta “desde o principio ata o final”.

“En Galicia pódese estudar de xeito gratuíto, desde o principio ata o final, na educación pública, para aqueles que se esforzan e grazas ao esforzo dos galegos”, salientou hoxe no acto do PPdeG de conmemoración do Día Internacional da Educación, cunha visita ao Polo Creativo da Facultade de Ciencias da Educación da USC, en Santiago de Compostela. Tamén participaron a secretaria xeral, Paula Prado; o responsable de Educación no Goberno galego, Román Rodríguez; o presidente do PP de Santiago, Borja Verea; o coordinador de Educación, Ovidio Rodeiro; os integrantes da Comisión de Educación do PPdeG e deputados.

O líder dos populares galegos cualificou o sistema educativo galego como “o máis inclusivo de España”, citando recoñecementos como o índice PISA —Galicia é líder en España en Ciencias, pensamento creativo e equidade—, a redución das taxas de abandono escolar ou a chamada “revolución silenciosa” da Formación Profesional, en constante crecemento en Galicia.

“Nas aulas de hoxe estase formando a ‘Galicia Calidade’ de mañá, por iso é relevante que a formación das persoas que dirixirán a sociedade no futuro evolucione ao ritmo dunha realidade actual cambiante”, destacou.

Trala visita ao Polo Creativo, o presidente dos populares galegos subliñou a “excelencia” deste espazo, cuxo prantexamento se reproduce en máis de mil centros educativos de Galicia, funcionando como elementos clave para a transformación dixital das aulas e para o fomento da creatividade do alumnado. “Todos estes aparellos son a base para coñecer a tecnoloxía actual. Pode que existan noutras comunidades autónomas, pero o sistema é deseñado aquí e só existe en Galicia con esta intensidade”, manifestou.

Tamén puxo en valor o Plan de benestar dixital do Goberno galego, para fomentar hábitos saudables nesta era dominada polas tecnoloxías, e agradeceu ao profesorado que se forma continuamente nestes proxectos.

“Todo isto non sería posible sen o profesorado, os mestres e as mestras que poñen en práctica cada día as medidas que deseñamos desde o Goberno; traballan na aula dun xeito responsable e profesional, pensando no benestar e na formación dos alumnos e alumnas; e que, en definitiva, converten os centros docentes, desde o máis pequeno ao máis grande, desde a formación máis básica á máis especializada, no motor do desenvolvemento do futuro de Galicia”, remarcou.

Por último, Rueda agradeceu o traballo da Comisión de Educación dos populares galegos, por “facer as propostas que despois poñen en valor o ensino en Galicia”.

O PPdeG esixe explicacións ao Goberno central por ignorar ao Congreso durante case dous anos en materia de control pesqueiro

O Partido Popular de Galicia esixe ao Goberno central explicacións por ignorar ao Congreso dos Deputados durante case dous anos en materia de control pesqueiro.

O PPdeG vén de rexistrar unha pregunta escrita no Cámara Baixa para esixir ao Goberno de Sánchez que explique por que ignorou durante meses o mandato parlamentario aprobado o 29 de maio de 2024, que instaba a aplicar as medidas de flexibilización previstas no Regulamento comunitario de control da pesca, e por que só rectificou tras as mobilizacións do sector pesqueiro e a presión dos populares.

A iniciativa parlamentaria aprobada hai case dous anos pedía unha aplicación das medidas de flexibilización que prevé o propio Regulamento comunitario. Esa normativa, que entrou en vigor o pasado 10 de xaneiro deste ano, esixía unhas medidas que o sector advertira que resultaban difíciles de aplicar e que eran prexudiciais para a actividade diaria da frota.

Con todo, o Goberno central optou por non actuar, mantendo unha situación de inseguridade xurídica e malestar crecente na xente do mar.

Agora, sen que se producira ningún cambio normativo nin se fixera pública a existencia de novos informes técnicos ou xurídicos, o Ministerio publicou unha resolución aceptando algunha das flexibilidades que xa foran reclamadas polo Congreso e polos profesionais.

O PPdeG considera que este cambio de criterio “evidencia que si existía marxe legal para flexibilizar a aplicación dos controis” e que “a negativa mantida ata o de agora non respondía a razóns técnicas, senón a unha falta de vontade política”.

“O grave non é só que o Goberno rectificase tarde, senón que o fixera ignorando ao Congreso e reaccionando unicamente cando o sector saíu á rúa e cando insistimos desde o PPdeG”, sinala Rosa Quintana, encargada de pesca no PP nacional, que reclama explicacións claras sobre os motivos do atraso e sobre o impacto que esta situación tivo na frota.

O PPdeG remata subliñando que o sector pesqueiro necesita “seguridade xurídica, diálogo e respecto institucional” e advirte, así mesmo, de que “gobernar de costas ao Parlamento e ao sector só xera conflitos evitables e prexuízos innecesarios para unha actividade estratéxica”.