O Parlamento de Galicia pide que Europa informe sobre a xestión de España en relación coa solicitude do Fondo Social polo Clima

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de BNG e PSdeG, a través da que se insta á Xunta de Galicia a que insista ante Europa na reclamación de información sobre a xestión de España co Fondo Social polo Clima, logo de que a Comisión Europea confirmara que o Goberno de Pedro Sánchez non presentou aínda o seu Plan Social polo Clima, que mobilizaría nos próximos anos 9.000 millóns de euros en proxectos relacionados co cambio climático en todo o país.

A deputada popular Kati Varela lamentou o incumprimento do Goberno central para presentar antes do pasado 30 de xuño as medidas e actuacións que se financiarán en España ao abeiro do Fondo Social para o Clima, así como a forma de facer a repartición entre as comunidades autónomas. En total, este Fondo Social está dotado con 86.700 millóns de euros para o período 2026-2032, dos que a España lle corresponden 9.000 millóns de euros, cofinanciados nun 75 por cento con fondos europeos e nun 25 por cento con achegas estatais.

TRANSICIÓN ENERXÉTICA XUSTA

A través deste Plan Social polo Clima preténdese garantir unha transición enerxética xusta para os sectores máis vulnerables da sociedade. En concreto, a través destes plans sociais establécense axudas temporais e directas que permitan reducir a dependencia dos combustibles fósiles dos usuarios dos distintos medios de transporte, micro empresas e fogares vulnerables.

“Galicia reclamou ao Goberno de Pedro Sánchez en marzo de 2025 a participación activa das autonomías no Plan Social polo Clima, no que se plasmarían as actuacións a financiar a cargo do Fondo Social polo Clima, pero non houbo contestación algunha a este requirimento”, sinalou a deputada popular.

Diante desta falta de transparencia e comunicación por parte do Goberno central, a Xunta presentou un total de 58 proxectos de sete consellerías por un importe de 2.000 millóns de euros. “Dese total, arredor de 1.460 millóns de euros corresponden a iniciativas relacionadas coa mellora da eficiencia enerxética en vivendas, aínda que tamén se incorporaron proxectos relacionados coa mobilidade cidadá; o saneamento e depuración de augas; a xeración de biogás; ou a formación e o emprego no ámbito da eficiencia enerxética e a mobilidade sostible.

O Parlamento de Galicia insiste na demanda ao Goberno central para que traslade toda a documentación sobre o expediente aberto pola Comisión Europea en relación coa AP-9

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que dea traslado de toda a documentación relativa ao expediente aberto pola Comisión Europea en relación coa AP-9 e das comunicacións mantidas pola administración do Estado con este obxecto, ao tempo que adopte cantas iniciativas sexan precisas para facer efectivo o rescate da concesión da AP-9, por ser esta a alternativa máis vantaxosa para o interese público, e acordar a eliminación das peaxes.

“Non pedimos privilexios, senón que Galicia deixe de ser tratada como unha excepción incómoda e que se respecte o que este Parlamento galego leva anos reclamando por unanimidade”, manifestou o deputado popular Rubén Lorenzo, quen apuntou que “o rescate da AP-9 non é unha batalla partidista, é unha cuestión de dignidade territorial, de eficiencia económica e de xustiza social”.

OPORTUNIDADE HISTÓRICA

Rubén Lorenzo lembrou que a Comisión Europea foi clara: as prórrogas da concesión da AP-9 presentan irregularidades. “Ese ditame abría unha oportunidade histórica para que o Goberno de España actuase con responsabilidade e puxese fin a unha situación que prexudica aos galegos desde hai décadas, pero atopámonos con que o Goberno de Pedro Sánchez non fixo nada: nin transparencia, nin explicacións, nin acceso ao expediente europeo, malia ser solicitado pola Xunta en reiteradas ocasións”, indicou.

“Mentres tanto, Galicia fixo os deberes e a Xunta actualizou o estudo económico sobre o rescate da AP-9, que cuantifica esta decisión en 2.356 millóns de euros, un custo practicamente equivalente ao que o Estado terá que asumir en bonificacións ata o final da concesión”, destacou.

Ademais, o deputado popular recordou que Galicia, Asturias e Castela e León xa constituíron unha fronte común para reclamar o rescate da AP-9 e da AP-66, “tres gobernos que coinciden na mesma conclusión de que o rescate é ineludible, pero ante a que o Ministerio de Transportes segue sen responder ás cartas, ás solicitudes de reunión e ás peticións de información”.

Rubén Lorenzo lamentou, por último, que “Galicia segue a pagar as peaxes máis caras de España, mentres o Goberno central libera outras autoestradas en territorios gobernados polo PSOE”. En concreto, dixo que “nos últimos meses o Goberno de Pedro Sánchez cedeu a titularidade da AP-68 a Navarra, sen dilación nin escusas; liberou as peaxes na AP-7 en Alacante; e mantén bloqueada no Congreso o debate sobre a transferencia da AP-9, recorrendo ao filibusterismo parlamentario máis descarado”.

O PPdeG afirma que a Xunta está definindo os novos contratos do servizo de autobús interurbano no sur de Pontevedra para mellorar a resposta ás necesidades de mobilidade actual

O deputado do Grupo Popular Moisés Rodríguez asegurou hoxe no Parlamento galego que a Xunta está definindo os novos contratos de explotación do servizo de autobús interurbano no sur da provincia de Pontevedra para dar mellor resposta á mobilidade actual. “O Goberno galego é consciente de que existe unha necesidade de mellora en determinadas conexións neste área, principalmente pola evolución da demanda de transporte público, que rexistrou un crecemento moi importante nos últimos anos”, sinalou.

Moisés Rodríguez destacou que “o incremento dun 37 por cento do número de viaxeiros nos últimos tres anos derivou en novas necesidades que requiren introducir cambios na prestación do servizo de transporte público por estrada”. Diante desta situación, a Xunta acordou co operador resolver os cinco contratos de transporte que tiña nesta zona co obxectivo de que “a renovación conxunta destes contratos permita levar adiante unha reestruturación integral do transporte público na zona cunha oferta máis coherente, eficiente e integrada”.

“A Xunta ten moi en conta todas as demandas e propostas de mellora realizadas tanto polos usuarios como polos concellos á hora de definir os novos proxectos de explotación, co obxectivo de configurar unha oferta de servizos adaptada ás necesidades reais da poboación”, indicou. En concreto, o deputado popular avanzou que, xunto coa revisión xeral dos servizos que atenden á comarca do Baixo Miño, tamén se está a avaliar a mellora da oferta de servizos ao campus da Universidade de Vigo e aos hospitais.

Na actualidade, a comarca do Baixo Miño conta con 63 liñas de transporte de viaxeiros por estrada, que atenden 1.043 paradas funcionais e prestan máis de 35.000 servizos ao ano. Durante o pasado ano, máis de 530.000 usuarios utilizaron estas liñas de transporte, o que representa un incremento do 3 por cento respecto ao 2024.

O PPdeG ofrece “alternativas serias” ao empresariado vigués fronte a un alcalde “máis preocupado do show” e un Goberno central “ocupado na corrupción”

O Partido Popular de Galicia comprometeu hoxe o seu apoio ao empresariado vigués, fronte a un alcalde “máis preocupado do seu show” e un presidente do Goberno central “máis ocupado da corrupción” que das inquedanzas do tecido empresarial. Fronte a isto, os populares reivindican “alternativas serias”, como é Luisa Sánchez para a alcaldía de Vigo e Alberto Núñez Feijóo para “sacar a España do burato no que o meteu este desastroso Goberno”.

Nun encontro con empresarios de Vigo e do resto da provincia de Pontevedra, a secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, e a presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, estiveron acompañadas polo vicesecretario de Economía e Desenvolvemento Sostible do PP, Alberto Nadal, así como pola deputada e coordinadora de Economía do Partido Popular, Irene Garrido, e deputados autonómicos e nacionais. Exerceu como anfitrión o presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, José García Costas.

“O PP ten alternativa. Preocupámonos da xente, de coñecer de primeira man ao empresariado e trasladarlle as nosas iniciativas”, sinalou Prado, que sacou músculo das políticas do PPdeG, con Alfonso Rueda á fronte, para ofrecer ferramentas ao empresariado e que “poidan medrar, ter futuro, que haxa máis industria e máis emprego de calidade en Galicia”.

Na mesma liña, a número dous dos populares galegos puxo en valor a Luisa Sánchez como alternativa popular que “ten perfectamente diagnosticados” os problemas do empresariado vigués.

LUISA SÁNCHEZ AVOGA POR RECUPERAR A “ESENCIA INDUSTRIAL”

Por outra banda, Luisa Sánchez avogou por que Vigo recupere a súa esencia industrial e que o sector económico “regrese ao centro da política municipal”.

“Desde o PP queremos estar ao lado de todos, dos sectores máis emerxentes, os tradicionais e toda aquela actividade económica que poida xerar un gran valor engadido”, precisou.

Insistiu en que son necesarias “unhas infraestruturas potentes que axuden ás nosas empresas na conectividade e na competitividade”, así como “desenvolver solo industrial e non só para atraer novos proxectos”.

“Tamén é competencia municipal a fiscalidade”, sinalou a presidenta do PP de Vigo, que lembrou que nos últimos tres anos se produciu una suba de 12 puntos no IAE, ademais de que os vigueses tiveron que afrontar o “taxazo do lixo” e “pagar a auga máis cara de Galicia”.

ÁBALOS, NO LIBRO DE HONRA DO CONCELLO DE VIGO

Ademais, a secretaria xeral do PPdeG referiuse á recente dimisión de José Luis Ábalos como deputado no Congreso, destacando que “empezou a lexislatura como deputado e rematou no cárcere”.

Prado tamén se pregunta “a cambio de que e de canto renunciou á súa acta” o exministro, argumentando que Sánchez “non fai as cousas a cambio de nada”. Lembra que o presidente do Executivo central “non se preocupa dos problemas reais da xente: as súas iniciativas son para estar un día máis na Moncloa”.

Ademais, desde o PPdeG lembran que Ábalos “grazas a Abel Caballero, puxo a súa sinatura no libro de honra do Concello de Vigo”. “Igual que lle puxeron —e manteñen— unha Medalla de Ouro a Isabel Pardo de Vera, que agora coñecemos que tivo moito que ver coa obra do tramo do accidente ferroviario de Andalucía”, engaden os populares.

Neste sentido, subliñaron que o Ministerio que dirixía Ábalos “tiña cartos para ‘señoritas’ e comisións, pero non para obras e seguridade”. En resumo, lamentaron que nos últimos anos o PSOE de Vigo lle puxera “alfombra vermella á corrupción sanchista e ao seu machismo”.