O Grupo Popular solicitará no Pleno da vindeira semana que o Goberno central respecte o autogoberno de Galicia e retire os recursos de inconstitucionalidade que presentou contra o plan de axilización da dependencia e da discapacidade, así como contra a repotenciación dos parques eólicos. Así mesmo, demandará que o Goberno de España dote de orzamento suficiente e específico a Lei da ELA, de xeito que as familias e os enfermos poidan gozar das axudas e atencións previstas.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, comezou a súa intervención ante os medios de comunicación amosando a firme condena dos actos vandálicos que sufriron no día de onte diversas sedes do Partido Popular en toda Galicia. “Desde o Grupo Popular rexeitamos este tipo de actos que non pretenden máis que amedrentar se sementar o odio e a confrontación en Galicia, seguindo estritamente as directrices que marcan os coroneis da UPG a través das súas periódicas misivas que instan á mobilización social”, indicou.
SEN CONDENA POR PARTE DA OPOSICIÓN
“Lamentablemente, botamos en falta é a máis mínima condena destes actos vandálicos por parte dos grupos da oposición: desde o BNG, xa non esperamos nada que vaia en contra do que lle marcan os coroneis da UPG, pero desde os socialistas galegos non acabamos de entender esta compracencia e resignación ante este tipo de accións vandálicas, a non ser que primen máis non molestar a quen teñen da man nos seus gobernos en concellos e deputacións, que en condenar uns actos que enturban o clima democrático e pacífico que, por sorte, vivimos en Galicia”, sinalou.
A sesión plenaria dará comezo coa votación para a elección de María Dolores Fernández Galiño como Valedora do Pobo de Galicia, ao que seguirá a comparecencia do conselleiro de Sanidade, a petición propia, sobre as medidas de reforzo impulsadas pola Xunta para mellorar a atención primaria sanitaria.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará que o Goberno central retire de inmediato os recursos de inconstitucionalidade presentados contra o plan de axilización da dependencia e da discapacidade, así como das medidas relativas á repotenciación do sector eólico galego e a obriga de ofertar e vender en Galicia parte da electricidade xerada en beneficio directo da cidadanía e da industria galegas.
“A semana pasada coñecemos que o Tribunal Constitucional aceptou tramitar estes recursos, polo que consideramos urxente que o Goberno central retire de inmediato estas propostas que atacan directamente ao autogoberno de Galicia e priva aos galegos de dúas medidas pioneiras que axilizarían a homologación automática da dependencia e da discapacidade, así como unha importante redución de ata o 80 por cento dos muíños eólicos existentes ao longo da nosa xeografía, xunto a unha rebaixa do prezo da electricidade e un incremento da xeración de enerxía renovable”, explicou.
Alberto Pazos lamentou a negativa do Goberno de Pedro Sánchez a negociar un acordo co Goberno galego o pasado mes de maio, no seo da Comisión Bilateral de Cooperación entre o Estado e a Xunta, para facilitar a implantación destas dúas medidas e a súa decisión posterior de presentar estes recursos de inconstitucionalidade, que, coa aceptación realizada polo Tribunal Constitucional, paralizan estas dúas medidas impulsadas pola Xunta e que, paradoxicamente, foron imitadas posteriormente por outras administracións e, incluso, polo Goberno de Pedro Sánchez”.
ORZAMENTO PARA A ELA
A segunda das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular no Pleno ten que ver co déficit de financiamento do Goberno de España en todo o relacionado coa atención aos nosos maiores e á dependencia, pero neste caso na falta de financiamento para as persoas que padecen esclerosis lateral amiotrófica.
Neste sentido, o portavoz popular lembrou que “Galicia foi pioneira en España en 2018 en axilizar a atención ás persoas con ELA, fito ao que sumou, en 2023, a posta en marcha dunha axuda directa para estas persoas e as súas familias, unha medida que posteriormente foi copiada por outras comunidades autónomas”. “Estamos a falar dunha axuda universal de 12.000 euros para facer fronte á compra de produtos básicos para o coidado dos enfermos, así como produtos sanitarios ou a adaptación dos fogares para mellorar a súa comodidade”, concretou.
“Por desgraza, esta axuda da Xunta é a única da que neste momento dispoñen as familias e os enfermos, xa que o Goberno de España, logo de que xa pasara máis dun ano desde a entrada en vigor da Lei ELA, aínda non dispón do financiamento necesario para facer fronte ás axudas estatais previstas”, manifestou Alberto Pazos.
Neste sentido, recordou que o Goberno de Pedro Sánchez anunciara no mes de outubro a aprobación de 500 millóns de euros para reforzar o sistema de atención á dependencia e dar resposta á Lei ELA, “pero descoñecemos cal foi o destino final deses cartos, porque tanto as familias como os enfermos aínda seguen esperando que esa axuda se faga realidade”.
TRANSPORTE FERROVIARIO, FONDO PARA O CLIMA E SAF
Polo que respecta ás preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase se o Ministerio de Transportes informou á Xunta das razóns técnicas e operativas que motivaron a imposición da limitación de velocidade no tramo Ourense-Santiago de Compostela, así como se o Goberno galego ten constancia de que controis de seguridade e mantemento se realizaron neste tramo desde a súa posta en servizo e con que resultados concretos.
Tamén cuestionará pola información facilitada polo Goberno central respecto das xestións realizadas ante a Unión Europea para acceder ao Fondo Social para o Clima, ao que a Xunta ten presentado 62 proxectos por case 2.000 millóns de euros; así como pola valoración do Goberno galego sobre o recente acordo coa Federación Galega de Municipios e Provincias para incrementar un 50 por cento a achega autonómica que financia o servizo de axuda no fogar que reciben en Galicia máis de 23.000 persoas.
