O PPdeG reitera o seu apoio aos autónomos fronte ao Goberno de Sánchez que “xera máis trabas, máis impostos e máis burocracia”

O Partido Popular de Galicia subliña a súa aposta polos autónomos e o comercio local, colectivo que “quere dedicarse a traballar e non a loitar contra máis trabas, máis impostos e máis burocracia, como pretende Sánchez”.

Nun percorrido por negocios da cidade de Santiago de Compostela, a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, lembrou o compromiso das políticas populares cos autónomos en Galicia, con Alfonso Rueda á fronte da Xunta, e que implican que en 2026 se destinen máis de 42 millóns de euros ao sector, con achegas para iniciar ou consolidar a súa actividade.

“Nós queremos un Goberno de España como o de Galicia, que protexe aos seus máis de 210.000 autónomos”, subliñou, acompañada polo vicesecretario nacional de Facenda, Vivenda e Infraestruturas do PP, Juan Bravo, o líder local do partido, Borja Verea, e o coordinador de Emprego do PPdeG, Pablo Fernández López.

Durante unha visita á tenda Chimpos, puxo en valor a “valentía” de emprendedores como Bety, ao fronte deste comercio local. “Galicia non se explica sen xente coma ela, que emprega os seus cartos e o seu tempo para xerar riqueza e oportunidades”, destacou Prado, que lamenta que a Sánchez e ao seu Goberno “non lles preocupen os traballadores”.

BORJA VEREA LEMBRA A PERDA DE 100 COMERCIOS

Pola súa banda, Borja Verea referiuse á “inacción” do goberno de BNG e Compostela Aberta en Santiago, lembrando que no último ano se perderon 100 comercios e 700 empresas. “Isto é síntoma dun goberno que ten á cidade en caída libre”, apuntou, fronte á alternativa do PP que “aposta por unha estratexia de remuda xeracional, bonificacións no IBI ou aluguer de locais aos mozos”.

Verea tamén aproveitou o percorrido para lembrar que a emblemática tenda A Reixa anunciou recentemente o seu peche porque o seu edificio foi adquirido por un fondo de inversión para implantar vivendas de uso turístico. “Esiximos ao goberno que nos aclare que está a pasar en Santiago con esas licenzas: por que un pequeno propietario non pode ter unha vivenda de uso turístico pero un fondo de inversión pode transformar 40 ou 50 vivendas de golpe, como é o caso do edificio da Reixa, en apartamentos turísticos?”, pregúntase o líder do PP en Santiago.

O PLAN DO PP, O PLAN DE TODOS OS AUTÓNOMOS

Por último, Juan Bravo fixo referencia a problemas manifestados polos autónomos, como é o caso da excesiva carga fiscal ou a burocracia, e para os que Alberto Núñez Feijóo “ten un plan que pretende ser non só o plan do PP, senón o plan de tódolos autónomos” que, no caso dos populares, “son unha prioridade porque supoñen o 25% do noso tecido traballador e hai que ter resposta porque son os que se xogan o seu patrimonio e teñen que levantar a persiana”.

Falou tamén da “inseguridade” e a “incerteza” xerada polo Goberno aos autónomos, afeando que Sánchez pretenda subir as cotizacións en 2026.

VANDALIZACIÓN DAS SEDES POPULARES

Paula Prado aproveitou a visita a unha tenda de disfraces para asegurar que PSdeG e BNG “quitaron xa a careta” trala vandalización de varias sedes do PP en Galicia esta semana, sendo unha delas a de Santiago, que xa sufrira outros ataques.

“Estamos ante un ataque coordinado da oposición”, afirmou, criticando que nin PSdeG nin BNG “tiveron aínda tempo para condenar os feitos”.

Para a secretaria xeral, estes actos vandálicos son “froito da polarización e a conflitividade social na que nos intenta meter o independentismo galego”. Pola contra, o PPdeG comprométese a “seguir mantendo un clima positivo e de responsabilidade” para Galicia.