O Parlamento reclama ao Goberno de España que fortaleza o diálogo social como ferramenta para elaborar políticas de emprego e benestar

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de BNG e PSdeG, a través da que se reclama ao Goberno de España que adopte as actuacións necesarias para fortalecer o diálogo social como ferramenta chave para a elaboración de políticas de emprego e benestar, implicando activamente a empresarios e sindicatos e, ao igual que o novo decreto no que está a traballar o Goberno galego, adoptar os acordos por consenso e non por imposición, tal e como ven facendo o Goberno central nos últimos tempos.

A portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez, afirmou que “so un diálogo forte, estruturado e permanente contribúe ao progreso económico, á cohesión social e á estabilidade nas relacións laborais en Galicia”, polo que asegurou que esta iniciativa “nace a favor dun modelo que Galicia está construíndo e consolidando”.

FALAR, NEGOCIAR E ACORDAR

“En Galicia levamos anos practicando o diálogo social cunha constante: a vontade de falar, de negociar e de acordar cos axentes sociais”, sinalou Noelia Pérez. En concreto, referiuse ao anteproxecto de decreto de institucionalización do diálogo social, que se atopa nestes momentos en tramitación, “co que o Goberno galego pretende darlle estabilidade, estrutura e seguridade xurídica a un proceso que xa existe e que xa funciona”.

Noelia Pérez apuntou que este futuro decreto “nace da man dos axentes sociais para ordenar o que xa se estaba a facer, e a consolidar o que está a dar resultados, evitando que o diálogo social dependa da vontade política do momento”.

“Con este decreto, daremos un paso máis e regularase unha Mesa de Diálogo Social con composición definida, con órganos internos claros, con funcións concretas e cun funcionamento regular, na que Administración, organizacións sindicais e empresarios participen en condicións de equilibrio”, explicou a portavoz popular.

Deste xeito, anotou que “o consenso será un obxectivo explícito, porque os acordos non se presentan pechados para ser ratificados, nin rematan coa súa sinatura, porque se avaliarán, se farán públicos, se medirá a súa eficacia e se asumirá colectivamente o seu cumprimento”.

O Parlamento galego demanda por unanimidade ao Goberno central a creación da especialidade de Enfermería de Urxencias e Emerxencias

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España a creación da especialidade de Enfermaría de Urxencias e Emerxencias. “Galicia leva anos formando especialistas nestas áreas e hoxe pedimos ensanchar este camiño coa enfermería, que vai permitir que o noso sistema sexa máis forte e estea máis preparado para responder ás necesidades sanitarias”, manifestou a portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo.

Na súa intervención, Amigo lembrou que “Galicia empurrou con forza para a creación da especialidade médica de Urxencias e Emerxencias, aprobando por unanimidade neste Parlamento galego unha reivindicación histórica que nos vindeiros meses de materializará co inicio da formación dos primeiros médicos especialistas en Urxencias e Emerxencias”. Porén, lamentou que Galicia acreditou sete prazas, unha en cada área sanitaria, pero o Ministerio unicamente autorizou a convocatoria de seis.

EIXO DO SISTEMA SANITARIO MODERNO

“Os mesmos argumentos diferenciais que xustificaron a creación da especialidade de Medicina de Urxencias son válidos para apostar pola creación da especialidade de Enfermería de Urxencias”, indicou a portavoz popular, quen dixo que a enfermería “é clave na sanidade do futuro e Galicia aposta por reforzala a través da especialización e da máxima capacitación profesional, situándoa como eixo dun sistema sanitario moderno”.

Neste sentido, Encarna Amigo recordou que Galicia avanzou na implantación da enfermería coa creación de máis emprego e estabilidade laboral; con innovación organizativa en recoñecemento da súa capacidade resolutiva; cunha atención máis próxima e centrada na persoa; e coa aposta pola especialización, tanto en atención primaria, como en saúde mental ou en xeriatría.

“Todas estas liñas teñen un fío común: potenciar a enfermería como profesión clave para garantir a accesibilidade, resolutividade e continuidade dos coidados”, sinalou a portavoz popular, porque concretou que “a enfermería de urxencias asume competencias de altísima complexidade: soporte vital avanzado, triaxe, manexo de situacións críticas, coordinación en catástrofes, atención a incidentes con múltiples vítimas e coidados avanzados no transporte sanitario”.

Deste xeito, concluíu que “estas funcións esixen unha formación especializada, regulada e homoxénea que garanta a mesma calidade asistencial en todo o sistema, polo que reclamamos ao Ministerio de Sanidade que asuma a súa responsabilidade activando o procedemento legal, planificando a formación, dotando de prazas suficientes e aprendendo dos erros recentes na especialidade médica de urxencias, na que Galicia solicitou máis e recibiu menos”.