O portavoz do Grupo Popular no Parlamento, Alberto Pazos, destacou, hoxe, no día que se celebra o segundo aniversario da vitoria electoral de Alfonso Rueda, as políticas da Xunta que permiten que a Comunidade avance ámbitos como a vivenda, a educación, a sanidade, os servizos sociais ou o emprego. “Eu confío en que o Estilo Rueda siga vixente polo ben que lle fai a Galicia”, salientou.
Así, fixo fincapé no traballo dun presidente e de todo un equipo que “centra o foco nas prioridades das galegas e dos galegos” e incidiu na solvencia e no bo control das contas públicas, no impulso á vivenda pública ata chegas ás 10.000 antes de 2030, na aposta pola innovación e o emprendemento, así como tamén, nos investimentos para o avance das infraestruturas e mellora da mobilidade.
AS INICIATIVAS DO PRÓXIMO PLENO
De cara a próxima sesión plenaria, o Grupo Popular presentará unha proposición non de lei sobre os fondos estatais da Nova Economía da Lingua para reclamarlle ao Goberno central a transferencia da totalidade dos solicitados. Neste punto, recordou que o Executivo de Pedro Sánchez tan só fixo unha achega de 3,5 millóns de euros ao Proxecto Nós, posto en marcha pola Xunta, en colaboración coa Universidade de Santiago. Unha achega que, tal e como salientou Pazos, é “insuficiente” para unha iniciativa que aspira a situar ao galego na economía dixital.
Por outra banda, os populares galegos denuncian o ataque do Goberno central aos dereitos de máis de 12.000 dependentes. Así, a través dunha proposición non de lei, propón que a Xunta presente alegacións e recursos ante o Tribunal Constitucional para defender as competencias que ten Galicia na xestión da dependencia. E reclamarán, unha vez máis, o abono da débeda pendente e o cofinanciamento do 50% que lle corresponde, tal e como está establecido na normativa estatal.
No apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polas accións que está a adoptar a Xunta para que o Executivo de España dea información precisa sobre a modificación, sen previo aviso nin ás Comunidades nin ao sector afectado, do Regulamento Xeral de Costas. Así mesmo, preguntarán polos investimentos realizados pola Administración autonómica na muralla de Lugo, así como polas principais liñas de axuda para apoiar ás persoas traballadoras autónomas.
Alberto Pazos informou da comparecencia, a petición propia, do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes para dar conta da situación do servizo ferroviario de Galicia; ao tempo que dixo que se debaterá por procedemento de lectura única o proxecto de Lei que inclúe o pagamento en efectivo para as deducións fiscais en libros e material escolar.
Para rematar e tras un novo ataque vandálico a unha sede do PPdeG, o voceiro trasladou todo o apoio aos compañeiros de Lalín e amosou a súa preocupación polo “silencio” dos grupos da esquerda.


