Adrián Vázquez organizará unha pulpada no Parlamento Europeo para “ensinarlles en Bruxelas como facemos polbo os galegos”

O eurodeputado do PPdeG Adrián Vázquez anunciou hoxe no Carballiño a organización dunha gran pulpada en Bruxelas. “Para que non volvan a dubidar nunca máis de como se come o polbo na nosa terra, Galicia”, dixo, en referencia ao polémico suceso que lle aconteceu hai unhas semanas no comedor do Parlamento Europeo, cando denunciou que vendesen como “polbo á galega” un prato que non se parecía en nada á receita tradicional.

Así o manifestou nun encontro con membros da Asociación de  Pulpeiros do Carballiño, na que participaron tamén o presidente do PP de Ourense, Luis Menor, a secretaria xeral provincial, Sandra Quintas, e o portavoz do PP local, José Castro.

O representante lalinense explicou que a pulpada, á que estarán invitados os eurodeputados e eurodeputadas, se celebrará esta primavera na capital belga, a onde se desprazarán un grupo de polbeiros e polbeiras de Carballiño, “o lugar máis icónico” deste produto, para que tamén se reúnan cos responsables do cátering do Parlamento “e lles ensinen como o preparamos os galegos”.

En referencia ao prato que lle serviron a Adrián Vázquez na Eurocámara como “polbo á feira” e que criticou nas súas redes sociais, sinalou: “A nosa denuncia ía en serio. Non se pode vender, nun escaparate internacional tan concorrido como o cátering do Parlamento Europeo, catro argolas de lura con patacas, cebola e brócoli, como se iso fora polbo á galega”.

Tamén reivindicou que esta “anécdota” sirva igualmente para reivindicar as axudas europeas ao sector pesqueiro e a eliminación das trabas burocráticas que “están afogando á xente do mar”.

DESAGRAVIO EN BRUXELAS

Pola súa banda, Luis Menor tildou de “desagravio e adefesio” o menú presentado en Bruxelas e que “restou valor a unha tradición centenaria, que forma parte da nosa cultura gastronómica e ten recoñecida á Festa do Polbo de Carballiño como de Interese Turístico Internacional”. Ademais, sinalou a importancia que ten para a vila e para a súa economía a promoción deste produto.

Menor puxo en valor o “apego á terra” do eurodeputado á hora de “defender os intereses de Galicia e, neste caso, do Carballiño, en Europa”, polo que reivindicou o voto popular en Bruxelas. Criticou que as outras forzas políticas “non se mollan como se molla o PP” en cuestións de relevancia para os galegos, como é o caso da promoción dos produtos gastronómicos.

Por último, José Castro destacou a importancia do anuncio de Adrián Vázquez para “poñer en valor o polbo de Carballiño e que a xente saiba o que é o polbo á galega”. Ademais, agradeceu a presenza do eurodeputado e do presidente provincial na vila do Arenteiro.

O PPdeG urxe ao Goberno unha resposta contundente na loita contra o narcotráfico, ante a falta de medios materiais e humanos

A deputada autonómica do Grupo Parlamentario Popular, Paula Mouzo, urxe ao Goberno central “unha resposta contundente” na loita contra o narcotráfico na Costa da Morte, ante a continuada falta de medios materiais e efectivos que redundan nun incremento da inseguridade.

De confirmarse, o traslado a Cee da base do Servizo de Vixilancia Aduaneira, actualmente en Muros, suporá un novo agravio do Executivo de Pedro Sánchez con Galicia. e é que, tal e como explicou a deputada popular Paula Mouzo, estaríase a “espir un santo, para vestir outro”, mantendo a situación de desprotección dunha ampla área do litoral, ademais de supor un incumprimento do acordo unánime, acadado hai case un ano no Parlamento de Galicia, que demandaba a creación dunha nova base marítima permanente na Costa da Morte, e non o traslado doutra que, desde hai tempo, xa funciona en precario. Así é que pediu que o Goberno dea explicacións de inmediato dos plans que ten para esta zona en materia de seguridade e vixilancia costeira.

“Non hai un verdadeiro compromiso do Goberno por reforzar a Costa da Morte con máis medios materiais e tecnolóxicos para combater o incremento das actividades ilícitas”, salientou Mouzo, quen incidiu en que, de producirse este traslado, confirmaría o abandono ao que o Goberno de Pedro Sánchez ten sometida á Costa da Morte na loita contra o narcotráfico.

A deputada popular fixo fincapé, tamén, na necesidade de que se modernicen e reforcen os medios persoais e materiais do Servizo de Vixilancia Aduaneira, tal e como demandan os sindicatos, dotándoo de embarcacións máis potentes, equipadas coa tecnoloxía necesaria para interceptar narcolanchas e garantir así a eficacia das operacións de vixilancia no litoral galego. “Non facelo implica unha preocupante desprotección do litoral galego pola insuficiente dotación tanto de medios materiais como humanos cos que se está a operar”, dixo.

Asemade, recordou que, a situación de desprotección non só afecta á zona marítima, tamén no interior está a Garda Civil en precario, xa que unha soa patrulla atende unha
ampla zona de vixilancia operativa, a das comarcas de Fisterra e Soneira. Esta situación incrementa a sensación de inseguridade da veciñanza e reduce a capacidade operativa, obrigando a desprazarse a puntos moi distantes e aumentando o tempo de resposta ante calquera emerxencia.

Alberto Pazos di que o BNG se “sacou a careta” ao non condenar no Parlamento os actos de vandalismo contra as sedes de partidos políticos

“Pasou o Mércores de Cinza, pasou o Entroido e, definitivamente, o BNG sacou a careta”, dixo, hoxe, o portavoz do Grupo Popular no Parlamento, Alberto Pazos, tras a negativa do independentismo galego a votar a favor dunha iniciativa para condenar os actos vandálicos contra as sedes de partidos políticos.

Así, explicou que, na comisión parlamentaria, celebrada este pasado mércores –un día despois de producírense varios actos vandálicos contra as sedes do PPdeG, en Sada e Lalín-, debatíase unha proposición non de lei para amosar o rexeitamento a calquera acto de vandalismo cometido, non só contra as sedes do PPdeG, senón contra as de calquera formación política democraticamente constituída. Porque, tal e como insistiu, ante situacións coma esta, non vale calar nin poñerse de perfil: “Hai que mollarse e hai que dicir ben claro de que lado se está, a favor ou en contra da convivencia democrática e do respecto institucional”.

Recordou que os de Sada e Lalín non se tratan de feitos illados, xa que, previamente, sedes como as de Santiago ou Lugo tamén foran atacadas, e amosou a súa preocupación pola proliferación de pintadas, empapelados, da ocupación indebida de mobiliario e espazos privados públicos e privados e, tamén, polo incremento de consignas dirixidas a xerar crispación, polarización e alimentar a conflitividade social.

Ademais de condenar os actos de vandalismo, a iniciativa pedía que as forzas políticas se abstiveran deste tipo de prácticas e as condenaran publicamente, como expresión dun compromiso compartido co pluralismo político, o respecto institucional e o uso responsable dos espazos comúns.

E propoñía, tamén, reafirmar o compromiso coa defensa dunha participación política respectuosa co marco democrático e legal, baseada no diálogo, no respecto ás institucións e na convivencia cidadá; ao tempo que se pedía rexeitar a utilización de mobiliario e espazos públicos ou privados para a colocación de pintadas, que non compren coa normativa vixente e con consignas que teñen o único fin de xerar crispación, polarización e alimentar a conflitividade social.

Tal e como denunciou Pazos, “os do non a todo, unha vez máis, votaron en contra” e lamentou que o Bloque perda unha nova oportunidade para “abandonar o radicalismo” e emprender, por fin, a senda da moderación e do respecto institucional.

MENOS TUITEAR E MÁIS TRABALLAR
Por outra banda, o voceiro popular afeoulle a actitude que o ministro de Transportes y Movilidad Sostenible ten con Galicia e instouno a traballar para corrixir o caos ferroviario, o pésimo estado da rede de autovías e estradas de titularidade estatal na nosa Comunidade e, tamén, para axilizar a posta en marcha da conexión por alta velocidade ente Vigo e Oporto. “O que lle diría é que deixara de tuitear e se puxera máis a traballar”, sentenciou.

O PPdeG defende o “legado de Fraga” ante o intento da esquerda de retirar o seu busto do Senado

O PPdeG suxírelle aos independentistas galegos e ao  resto de socios do Goberno central que “deberían pedir retirar a Pedro Sánchez da Moncloa en vez de solicitar retirar o busto de Fraga dos pasillos do Senado”, trala petición da esquerda de retirar esta estatua.

Para os populares galegos, trátase dunha nova “falta de respecto do BNG a todos os galegos e galegas, que durante máis de 15 anos lle outorgaron maiorías absolutas a Fraga, plenamente avalado, polo tanto, pola súa traxectoria na nosa Comunidade”.

O PPdeG defende o “orgullo de legado” de Fraga, que sentou unhas bases para construír “o partido forte que hoxe somos”. Así, o seu traballo e o seu compromiso con Galicia “son o espello no que hoxe aínda se mira a familia do PPdeG”.

A pesar da insistencia da esquerda en desfacer e reescribir ao seu antollo a Historia de España, o PPdeG defenderá sempre ao seu fundador e un dos pais da Constitución Española.

“O independentismo galego debería preocuparse máis en loitar fronte aos agravios do Goberno de Sánchez e menos en axudalo con este tipo de cortinas de fume”, insisten os populares.

Cómpre lembrar que a Mesa do Senado xa rexeitou o 21 de marzo de 2023 unha petición similar, xustificando que Fraga “foi relator da Constitución de 1978” na súa condición de deputado, presidente da Xunta de Galicia e senador.