O PPdeG destaca “as medidas de apoio ao rural do Goberno galego” ao declarar 11 zonas farmacéuticas especiais na provincia para garantir o acceso ao servizo

Os deputados autonómicos do PPdeG, Raquel Arias e Enrique Barreiro, destacan “as medidas adoptadas polo Goberno galego para garantir servizos farmacéuticos a tódolos galegos, vivan onde vivan” como exemplo do seu compromiso “coa prestación de servizos de calidade no rural, que é clave para fixar poboación”.

Os deputados lucenses do Grupo Popular no Parlamento de Galicia visitaron o municipio das Nogais acompañados polo alcalde, Jesús Núñez, para dar conta das zonas farmacéuticas especiais que a Xunta de Galicia declaraba en atención ás súas características xeográficas, demográficas e sanitarias e que o DOG publicaba esta mesma semana.

Son once as zonas farmacéuticas especiais declaradas na provincia: As Nogais, Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Ourol, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín e Samos.

Raquel Arias explica que “esta medida está a contar con moi boa acollida porque contar cunha farmacia cerca dá tranquilidade e seguridade aos veciños, sobre todo, aos de máis idade que son os que maioritariamente viven nestas zonas rurais”. Ademais, supón “un novo impulso da Xunta no seu interese continuo de que tódolos galegos e galegas, independentemente de onde vivan, teñan acceso aos mesmos servizos”.

Enrique Barreiro destaca que “este acordo supón unha flexibilidade en horarios, medidas especiais para servir ás residencias e, ademais, inclúe unha orde de axudas da Xunta para apoiar ata 29 farmacias do rural nas que, probablemente, a súa viabilidade se atope comprometida”. Deste xeito, “asegúrase a continuidade do servizo”.

A declaración de zona farmacéutica especial suporá, entre outras cousas, a posibilidade de aplicar condicións especiais de distancia e tempo de acceso á  oficina de farmacia durante a prestación do servizo de garda ou a opción de adoptar  medidas especiais en relación coa prestación de atención farmacéutica nas residencias sociosanitarias de menos de 100 residentes.

A Consellería de Sanidade e os colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia acordaron, para a consideración como zonas farmacéuticas especiais, unha serie de criterios entre os cales se atopan que: a zona conte cunha densidade de poboación igual ou inferior a 10 habitantes por km2 e que dispoña dunha única oficina de farmacia; que todos os establecementos farmacéuticos da zona estean en situación de viabilidade económica comprometida ou, no caso das farmacias do rural, que non resulte posible a rotación de quendas de garda.

AXUDAS PARA A VIABILIDADE DE BOTICAS RURAIS
A Xunta convocará este ano unha liña de axudas específica para garantir a viabilidade das boticas rurais instaladas nunha destas zonas especiais. Esta primeira orde contará cun investimento de 99.600 euros para o ano 2026.

Alfonso Rueda reivindica o PPdeG como “a máquina que funciona, que Galicia respecta e que gaña eleccións”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o “equipazo” que forman os populares galegos, “dende os que teñen as responsabilidades máis altas ata os da base”, converténdose “nunha máquina que funciona, que Galicia respecta e que gaña eleccións”.

Así o manifestou durante o acto de conmemoración do segundo aniversario do triunfo conseguido nas eleccións autonómicas do 18 de febreiro de 2024, con preto de 1.000 asistentes, e no que agradeceu á secretaria xeral, presidentes provinciais, alcaldes e alcaldesas, portavoces, militantes e simpatizantes por ser “valentes, orgullosos de pertencer ao PP e estar pegados á rúa para escoitar á xente e dar a cara por eles”.

Rueda puxo en valor a “responsabilidade compartida” no PPdeG, como  un partido “que sustenta gobernos”, fronte aos “personalismos esaxerados”. Unha responsabilidade que, dixo, implica que “cando á xente lle pedimos confianza e nola dá, elección tras elección, é algo moi grande”. Así, lembroulle aos populares que os galegos “nos seguen pedindo que traballemos, como traballan eles, fartos de crispacións e polémicas”.

“A xente quere seriedade, traballo, rigor, tranquilidade, políticos e boa política na que poida confiar. E ese é o ‘Estilo Galicia’”, subliñou.

Para o número un dos populares galegos, unha das claves do éxito é a “estabilidade” do Goberno en Galicia, fronte “a mentira” da oposición, “que se converteu nunha ferramenta política para eles”.

EDUCACIÓN GRATUÍTA, ESFORZO EN SANIDADE E VIVENDA

Repasou compromisos do Goberno galego que hoxe son unha realidade. Un deles é a educación gratuíta dende a escola infantil ata a universidade. “Dicíannos que a gratuidade da universidade só era un slogan de campaña e a día de hoxe imos pola terceira matrícula sen custo para todo o que se esforza”, apuntou.

Tamén se referiu ao compromiso do seu Goberno coa vivenda, unha das principais preocupacións dos galegos, lembrando o obxectivo de duplicar o parque de vivenda, pasando de 4.000 a 8.000 fogares nesta lexislatura, e coa meta posta de chegar ata as 10.000 vivendas públicas no ano 2030.

Igualmente, reivindicou o esforzo feito na redución de impostos ou o plan de choque coa dependencia, co que xa hai 12.000 persoas valoradas, unha axilidade do Goberno galego que contrapón contra “a paralización do Goberno central, que impide cun recurso absurdo e sen explicación, que nós fagamos algo co que nos comprometemos”.

Quixo agradecer o traballo da sanidade pública galega e poñer en valor as iniciativas postas en marcha como a renovación ou construción de hospitais e centros de saúde ou o impulso ao primeiro centro de protonterapia do sistema nacional público de saúde. “Reivindico estes reforzos na sanidade pública fronte a unha oposición de brazos cruzados coa folga, dicindo disparates da nosa sanidade”, criticou.

Ademais, referiuse á importancia e ao compromiso de atraer investimentos a Galicia, relevantes para a creación de emprego e para a implantación de industrias.

AGRAVIOS DE SÁNCHEZ A GALICIA

Foi crítico co “agravio comparativo” que sofre Galicia por parte do Goberno central en cuestións como o pacto de financiamento, “que pretende facer con Cataluña e que as demais comunidades autónomas nos repartamos as sobras”, lembrou Rueda. Do mesmo xeito, criticou a interrupción de servizos ferroviarios en Galicia, así como a falta de mantemento nestas infraestruturas e nas estradas.

Fixo referencia ao ataque ao busto de Manuel Fraga onte en Vilalba, tachando de “panda de sectarios” aos que o fixeron, poñendo en valor a quen “traballou por Galicia” e, cada vez que se presentou, gañou por ampla maioría.

“Temos unha oposición desnortada e enfurruñada por sistema, coa dignidade perdida hai moito tempo”, sinalou.

DEBERES DE CARA AO FUTURO

De cara a próximas eleccións, Rueda puxo “deberes” aos populares, animándoos a “ir a por todas, mantendo gobernos e conseguindo máis, sen renunciar a nada, con respecto pero con convencemento”.

“Quero facer a mellor Galicia da historia e estamos no camiño, medrando con identidade propia, cada vez máis de moda e liderando moitas cousas que fóra ven de nós”, sinalou.

Reivindicou Galicia como unha terra “aberta a todos”, sempre que “queiran traballar, de xeito ordenado”, en contraste cos plans do Goberno de Sánchez e os seus socios independentistas.

Ademais, cualificou ao Partido Popular como “a única esperanza en España”, co liderado de Alberto Núñez Feijóo, fronte a loucura actual do presidente Sánchez e os seus, superando todos os límites día a día”.

UNHA LEMBRANZA AO ‘GALICIA RUEDA!’ E A CAMPAÑA DO 18-F

O formato do acto de hoxe baseouse en reproducir, no mesmo escenario —Hotel Monumento San Francisco de Santiago— e cos mesmos oradores, o acto no que hai algo máis de dous anos, o 7 de xaneiro de 2024, o PPdeG proclamou a candidatura de Rueda ás devanditas eleccións.

Deste xeito, interviñeron, un en representación de cada provincia, o presidente do PP de Santiago de Compostela e deputado autonómico, Borja Verea; a presidenta de Novas Xeracións e deputada máis nova do Parlamento, Nicole Grueira; a vicepresidenta do PP de Ourense e alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Novoa; e o exalcalde da Estrada e actual responsable de Cultura, Lingua e Xuventude no Goberno galego, José López Campos.

Ademais, o lema escollido para este acto, tamén como lembranza desa campaña electoral, foi ‘Galicia Rueda!’, cunha ‘rueda’ cun mapa de Galicia no centro do escenario como plataforma para os oradores. E foi significativa mesmo a data, 22/2, para celebrar o segundo aniversario.

O PPdeG condena o acto vandálico contra Manuel Fraga e pide ao BNG e ao PSOE que se sumen á súa reprobación

O Partido Popular de Galicia quere condenar con absoluta firmeza o feito de que un grupo radical independentista presuma publicamente de vandalizar a figura de Manuel Fraga, presidente da Xunta de Galicia durante máis de 15 anos.

A nosa é unha Comunidade tranquila, recoñecida pola súa estabilidade, e non podemos tolerar este tipo de accións que incitan ao enfrontamento, á violencia, e só pretenden alterar a orde democrática. Os ataques de encapuchados non son democracia.

Neste sentido, pedimos ás forzas da oposición, BNG e PSOE, que se sumen á condena destes feitos e non os avalen como parte da súa estratexia de conflito.

Un e outro partido, socios e amigos do movementos do independentismo vasco, son tamén cómplices deste tipo de actuacións que, como dicimos, non teñen cabida en Galicia.

Unha vez máis, reivindicamos o noso orgullo polo que fixo Manuel Fraga pola nosa terra e pedimos a todas as agrupacións políticas que deixen en paz a súa figura.