O PPdeG enxalza a Rosalía de Castro desde Padrón: “O seu legado segue plenamente vixente”

O PPdeG sumouse desde Padrón á conmemoración do 189º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro cun acto de lembranza no que puxo en valor que “o seu legado segue plenamente vixente”.

A coordinadora de Cultura do PPdeG, María Baleato, o secretario da Comisión de Cultura do partido, Valentín García, e o deputado autonómico e voceiro do PP de Padrón, Ángel Rodríguez Conde, participaron esta tarde nunha ofrenda floral celebrada en Padrón, onde destacaron o papel da autora de ‘Cantares Gallegos’ como piar fundamental da cultura da nosa Comunidade.

Rodríguez Conde salientou que “Rosalía de Castro é para Padrón e para toda Galicia, e por suposto para o Partido Popular, moito máis ca unha figura literaria: é un símbolo da identidade, da dignidade e da conciencia colectiva do pobo galego”.

“O seu legado segue plenamente vixente porque fala das nosas raíces e das nosas inquedanzas como sociedade, polo que é necesario seguir difundindo a súa obra e o seu pensamento entre as novas xeracións como unha das grandes fortalezas culturais de Galicia”, asegurou.

Neste senso, Rodríguez Conde quixo subliñar o “labor crucial” que está a levar a cabo a Fundación Rosalía de Castro para divulgar e poñer en valor a obra literaria e a traxectoria vital da escritora.

Despois da ofrenda floral, os  representantes do PPdeG degustaron o tradicional ‘Caldo de Gloria’ nunha visita á Casa-Museo de Rosalía de Castro.

 

O PPdeG promove unha declaración institucional para condenar o ataque ao busto de Fraga

O PP promove no Parlamento galego unha declaración institucional para que, de forma unánime, a Cámara condene o ataque ao busto de Manuel Fraga en Vilalba (Lugo) reivindicado polo movemento xuvenil Gazte Koordinadora Sozialista (GKS).

A número dous do PP galego e viceportavoz do Grupo Popular no Parlamento, Paula Prado, sinalou que impulsan esta declaración para condenar “unha vez máis, un ataque contra a convivencia democrática, contra a tranquilidade e a serenidade da Galicia que temos, da Galicia que nos representa”.

Insiste en que este tipo de ataques “vandálicos” non son democráticos e, por tanto, débense “condenar rotundamente”. Por iso, os populares esixen aos grupos da oposición, o BNG e o PSOE, que fagan unha condena rotunda destes actos vandálicos contra a figura de Manuel Fraga, “que foi presidente de Galicia durante máis de 15 anos e, por tanto, é unha figura institucional na nosa Comunidade e un dos pais da Constitución”.

“Se o BNG e o PSOE non condenan rotundamente estes actos vandálicos, están a converterse en cómplices dos mesmos”, advirte Prado.