Alberto Pazos denuncia a “ambigüidade intolerable” do independentismo galego ante o vandalismo e esixirá unha condena expresa no Parlamento

O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, expresou hoxe o seu “asombro e perplexidade” ante a negativa dos nacionalistas galegos a apoiar a proposta de declaración institucional presentada polo PPdeG no Pleno de onte para condenar o acto vandálico perpetrado contra o busto do expresidente da Xunta, Manuel Fraga, en Vilalba.

Segundo explicou, trátase dun ataque que “afecta tanto ao patrimonio público como aos valores democráticos” e que merecía unha resposta unánime da Cámara galega. “Non se pedía adhesión ideolóxica, senón algo básico: unha condena firme da violencia e o respecto institucional á historia democrática de Galicia”, sinalou.

Na proposta de declaración, o Grupo Popular propoñía manifestar o respecto da Cámara á figura de Manuel Fraga, recoñecendo o seu papel no desenvolvemento e consolidación da autonomía galega, máis aló das lexítimas discrepancias políticas, así como reafirmar o compromiso común coa convivencia democrática e co rexeitamento de calquera forma de violencia e vandalismo.

“Non é cuestión de opinión. Pediuse algo elemental e, fronte a iso, os nacionalistas galegos elixiron a confrontación e os intereses partidistas por riba da unidade e do respecto institucional”, afirmou Pazos, quen advertiu de que “aquí non hai cabida para medias tintas: ou se defende a convivencia democrática e o respecto ás institucións ou, ao non condenar estes actos, sitúanse nunha posición de ambigüidade fronte a condutas inxustificables”.

O portavoz popular mostrouse crítico coa actitude do BNG, ao que acusou de manter en distintas ocasións discursos que fomentan a confrontación política e social. “O sectarismo do nacionalismo independentista non pode marcar a resposta ante a violencia e o vandalismo. Galicia é unha sociedade plural, aberta e democrática, onde o extremismo —veña de onde veña— non ten cabida nin pode condicionar o funcionamento das institucións”, subliñou.

Pazos advertiu tamén de que “non se pode aparentar moderación en período electoral e, ao mesmo tempo, manter posicións que alimentan a división cando se trata de asuntos tan relevantes como a defensa dos valores democráticos ou a convivencia pacífica”.

INICIATIVA PARLAMENTARIA SOBRE CONDENA DO VANDALISMO

Ante esta situación, anunciou que o Grupo Popular converterá a proposta de declaración institucional nunha iniciativa de impulso que será presentada no Parlamento “para que cada quen se posicione con claridade sobre a condena expresa do vandalismo, sobre o respecto á memoria institucional de Galicia e sobre a defensa da convivencia democrática”.

“A cidadanía merece transparencia, coherencia e responsabilidade por parte dos seus representantes”, engadiu. “Nós témolo claro: non hai matices posibles cando falamos de violencia, sexa de quen sexa e afecte a quen afecte”, concluíu, asegurando que o Grupo Popular seguirá actuando “con firmeza, serenidade e sentido institucional, defendendo a convivencia, a legalidade e o respecto que Galicia merece por riba de calquera cálculo partidista”.

NOVO CAPÍTULO DO “PACTO GUARRO” EN LUGO

Na súa comparecencia, Pazos referiuse tamén ao que cualificou como “un novo capítulo de desprezo pola igualdade por parte do PSOE galego” na provincia de Lugo.

O portavoz popular criticou que, tras permitir que o deputado provincial na Deputación de Lugo, José Tomé, continúe na alcaldía de Monforte pese ás denuncias por presunto acoso sexual, se producise a dimisión da concelleira de Igualdade e non a do rexedor. “Que o substitúa o seu propio fillo agrava a percepción de enchufismo e clientelismo e evidencia que, para PSOE e BNG, todo vale polo poder e polos cartos”, afirmou.

Segundo Pazos, este episodio “pon de manifesto o falso feminismo do PSOE”, ao considerar que “falan de igualdade e protección das mulleres, pero actúan de forma distinta cando están en xogo aliados ou intereses políticos”. “As vítimas e a cidadanía quedan en segundo plano fronte á prioridade do poder e da supervivencia política”, engadiu.

Por todo iso, desde o Partido Popular de Galicia esixen a dimisión inmediata de José Tomé de todos os seus cargos e reclaman que a defensa das mulleres, a transparencia pública e a responsabilidade política primen sempre “sobre calquera outro interese escuro”.