O Parlamento de Galicia aproba por unanimidade a PNL do PPdeG para impulsar o Ano Oteriano 2026

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo PPdeG para impulsar o Ano Oteriano 2026, coincidindo co cincuenta aniversario do pasamento de Ramón Otero Pedrayo e co centenario da publicación da súa Guía de Galicia.

O deputado e portavoz de Lingua do PPdeG, José Luis Ferro, destacou que esta iniciativa “máis alá do seu contido concreto, representa un acto de coherencia institucional, de respecto á nosa historia e de compromiso coa cultura galega. Non pertence só a un grupo parlamentario: interpela ao conxunto da Cámara e, diría máis, á sociedade galega”.

Ferro subliñou que Ramón Otero Pedrayo foi “un intelectual total, profesor, ensaísta, novelista, xeógrafo e galeguista comprometido coa súa terra desde a cultura e o coñecemento. Non é unha figura de parte: é un referente común que une xeracións, sensibilidades políticas e toda Galicia”.

A PNL insta á Xunta de Galicia a elaborar unha programación especial para o Ano Oteriano, con actividades culturais, educativas e divulgativas, de xeito que o legado de Otero Pedrayo chegue ás novas xeracións, se promova nos centros educativos e universitarios e se difunda a súa obra literaria, científica e ensaística.

“O Ano Oteriano 2026 non é do Goberno, nin dun grupo político, nin dunha consellería concreta. É de Galicia”, afirmou Ferro, engadindo que unha programación ben deseñada fortalecerá a cultura galega, enriquecerá o sistema educativo, impulsará a investigación e proxectará unha Galicia orgullosa do seu legado e aberta ao mundo.
O portavoz popular destacou tamén que esta PNL é “respetuosa coa pluralidade, coherente co acordo unánime deste Parlamento, ambiciosa no cultural e profundamente galega no mellor sentido da palabra. Porque hai figuras que non dividen: unen”.

O Parlamento de Galicia aproba por unanimidade a iniciativa do PPdeG para impulsar a Estratexia de Excelencia da Biotecnoloxía 2030

A Comisión 4ª, de Educación e Cultura, do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei, presentada polo PPdeG, para apoiar e impulsar a elaboración da nova Estratexia de Excelencia da Biotecnoloxía 2030, unha folla de ruta chamada a consolidar Galicia como unha biorrexión europea de referencia.

A iniciativa, defendida polo deputado popular Julio García Comesaña, contou co respaldo de todos os grupos parlamentarios, evidenciando o amplo consenso arredor do carácter estratéxico da biotecnoloxía para o desenvolvemento económico e social da comunidade.

Durante a súa intervención, Comesaña salientou que Galicia leva máis dunha década desenvolvendo políticas públicas continuadas neste ámbito, pasando “dun sector emerxente a un ecosistema innovador estruturado, competitivo e con impacto real na economía galega”.

GALICIA AVANZA CARA Á EXCELENCIA BIOTECNOLÓXICA

O deputado popular puxo en valor os resultados acadados polas sucesivas estratexias impulsadas pola Xunta desde 2015, que permitiron situar Galicia cun ecosistema formado por 66 empresas biotecnolóxicas, máis de 160 entidades vinculadas ao sector e máis de 1.700 profesionais dedicados á I+D biotecnolóxica.
Segundo destacou, os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística confirman esta evolución positiva, cun incremento próximo ao 19 % do gasto en I+D interna en biotecnoloxía en 2024, demostrando que “as políticas públicas aplicadas están a funcionar”.

Neste contexto, a nova Estratexia de Excelencia da Biotecnoloxía 2030 supón un salto cualitativo, orientado non só a impulsar o sector, senón tamén a alcanzar posicións de liderado internacional en innovación, talento e captación de investimento, indicou o deputado popular.

ESTRATEXIA CONSTRUÍDA POLO PROPIO SECTOR

A iniciativa aprobada insta á Xunta de Galicia a culminar a elaboración da nova estratexia garantindo o seu aliñamento co Plan Galego de Investigación e Innovación 2025-2027 e reforzando o seu carácter participativo, coa implicación activa de empresas, universidades, centros de investigación e clústeres como BIOGA.

Comesaña destacou especialmente que o proceso se está desenvolvendo mediante diálogo directo co ecosistema biotecnolóxico galego, a través de consultas públicas e mesas de traballo que permitirán identificar necesidades reais en materia de talento, financiamento e transferencia tecnolóxica.

EMPREGO CUALIFICADO, TALENTO E FUTURO PARA GALICIA

O deputado popular subliñou que apostar pola biotecnoloxía significa tamén avanzar en cohesión territorial e oportunidades profesionais: “Falar de biotecnoloxía é falar de emprego cualificado, de reter talento formado nas nosas universidades e de ofrecer oportunidades de futuro sen que os mozos teñan que marchar de Galicia”.

A proposición aprobada tamén promove a captación de investimento público e privado, o acceso a financiamento competitivo nacional e europeo, e a creación de mecanismos de seguimento que permitan avaliar periodicamente os resultados da estratexia.
O Grupo Popular valorou moi positivamente o apoio unánime da Cámara, ao considerar que reforza a estabilidade e continuidade das políticas de innovación necesarias para consolidar un modelo económico baseado no coñecemento, a ciencia e o talento.

“Cando falamos de ciencia e innovación, o importante non é quen impulsa as iniciativas, senón que Galicia siga avanzando”, concluíu Comesaña.

Paula Prado insta a Sánchez a retirar os recursos contra as leis autonómicas de eólicos e dependencia e pídelle que “deixe tranquilos aos galegos”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, instou hoxe ao Goberno de Sánchez a que retire os dous recursos interpostos contra as leis autonómicas do sector eólico e da dependencia “e deixe tranquilos aos galegos e galegas”, esixíndolle a PSOE e BNG que “abandonen xa o non a todo” e se sumen “á Galicia do si”.

Así o manifestou durante unha visita ao miradoiro do Monte da Muralla, na contorna do parque eólico do Monte Treito, acompañada polo alcalde de Lousame, Esteban Ares, así como por concelleiros deste municipio e de Rianxo.

A número dous dos populares galegos puxo en valor a “boa nova para Galicia” que supón a suspensión provisional do Tribunal Constitucional ao recurso impulsado polo Goberno de Sánchez, que pretende paralizar o modelo eólico do Goberno de Rueda. O plan galego busca reducir o impacto dos aeroxeradores nos montes ata nun 80% e incrementar ademais a xeración de enerxía eléctrica de orixe renovable na Comunidade, xa que os novos aeroxeradores son máis eficientes que os antigos.

Prado puxo de exemplo o devandito parque do Monte Treito, onde xa están pasando voluntariamente de 44 a 7 aeroxeradores, que ademais serán máis modernos, na liña do que ocorre no resto de Galicia, onde están en marcha un total de 16 proxectos que suporán a retirada de máis de 500 muíños.

“Queremos reivindicar que a Xunta traballa con rigor e avogando polo cumprimento da lei, mentres o Goberno central está instalado no boicot ao ‘bo facer’ de Galicia”, criticou, e cualificou de “chapuza e caos” o modelo de Sánchez e os seus socios independentistas, o BNG, a quen pide que “deixen de boicotear á nosa Comunidade e ao seu avance”.

Do mesmo xeito, sinalou que esta suspensión provisional do Tribunal Constitucional permite continuar co modelo do Goberno galego, centrado en atraer máis industria e dispoñer de enerxía barata. “Apostamos pola enerxía verde, polo rigor e o sentidiño, fronte ao continuo ‘non’ a Galicia de PSOE e BNG”, subliñou.

Prado tamén lembrou o “varapalo” do Constitucional a Sánchez coa suspensión provisional tamén do seu recurso á lei autonómica de dependencia, que en Galicia xa permitiu reducir en dous meses os tempos de espera e resolver favorablemente máis de 86.000 expedientes, beneficiando a 12.600 galegos que percibiron a homologación automática da súa discapacidade.

“Unha vez máis, o Tribunal Constitucional deixou en ridículo a Sánchez”, manifestou a secretaria xeral do PPdeG.

“É DE XUSTIZA APOIAR AS NOSAS LEIS”

Pola súa banda, o rexedor de Lousame agradeceu a presenza da secretaria xeral dos populares galegos na comarca e compartiu a “boa nova” que significa esta suspensión provisional do Tribunal Constitucional.

“É unha mostra máis de que o Goberno central intenta bloquear o noso goberno autonómico e bloquear Galicia. Temos que pelexar e que a xustiza nos dea a razón e apoie as nosas leis”, sinalou, poñendo en valor as políticas populares e o traballo do Goberno de Rueda co impulso ao modelo eólico.

Nesta liña, Prado reivindicou o papel do PPdeG na comarca do Barbanza, onde a metade dos concellos están gobernados polo PP, coma Lousame, e agardou que nas próximas eleccións municipais, Rianxo tamén teña unha alcaldía popular.

“Eu sei que a comarca do Barbanza é maioritariamente do Partido Popular e ímolo volver demostrar nas próximas eleccións municipais, onde agardo que sumemos aínda máis alcaldías”, expresou.

“PEDÍMOSLLE AO BNG QUE NON POLITICE A EDUCACIÓN”

Por último, Paula Prado referiuse á manifestación convocada para mañá do sector educativo, esixíndolle ao BNG “que deixen de politizar a educación galega e aos rapaces e rapazas”.

“Non o imos consentir”, dixo, sinalando que o PPdeG respecta as mobilizacións, pero “isto é o teatro do independentismo galego, non a voz da cidadanía”. “Esta manifestación non é espontánea, está absolutamente politizada, convocada, organizada e financiada polo BNG e o seu sindicato afín, a CIG”, asegurou.

Deste xeito, apuntou que a rede de autobuses facilitados para trasladarse a Santiago, así como o “manual de instrucións” que recibiron os pais directamente desde o BNG coa organización da protesta, son “máis propios de un sistema comunista”.

O Parlamento de Galicia aproba, a iniciativa do PPdeG, reclamar ao Goberno central medidas extraordinarias ante os danos das borrascas no rural galego

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a iniciativa do PPdeG, sen votos en contra, encamiñada a instar ao Goberno de España a activar medidas extraordinarias de apoio ao sector agrario e gandeiro galego tras os graves episodios meteorolóxicos das últimas semanas.

Na iniciativa, os populares galegos piden ao Goberno central habilitar liñas extraordinarias de axudas directas graduadas, complementar indemnizacións insuficientes e adoptar medidas fiscais, financeiras e laborais para aliviar a presión sobre as explotacións.

“Galicia está a facer os deberes. A Xunta leva anos reforzando as achegas aos seguros agrarios, con arredor de 10 millóns de euros anuais de fondos propios, demostrando un compromiso firme co noso rural fronte aos episodios meteorolóxicos adversos”, indicou o portavoz de Medio Rural do PPdeG, Miguel Viso.

O portavoz explicou que Galicia encadeou desde comezos de ano un tren continuado de borrascas, con máis de 7.600 incidencias rexistradas en apenas tres semanas e unha precipitación media de case 290 litros por metro cadrado en xaneiro, preto dun 98 % por riba dos valores habituais.

“Non falamos de percepcións, senón de datos obxectivos e verificables que teñen unha tradución directa sobre o terreo”, sinalou.

Viso subliñou que, en comarcas como A Limia, a colleita de inverno perdeuse por asolagamento e pola imposibilidade de traballar as terras, afectando a un sector que representa arredor do 4,5 % do PIB galego e sostén decenas de miles de empregos.

O portavoz tamén valorou o esforzo da Xunta de Galicia na subvención dos seguros agrarios e advertiu que, aínda así, “a existencia dun mecanismo non garante a súa suficiencia”, debido a límites de cobertura, franquías ou danos excluídos.

EQUIDADE TERRITORIAL

“O que pedimos é sinxelo: equidade territorial. Se o Goberno de España activa plans extraordinarios millonarios noutras comunidades afectadas, Galicia debe recibir o mesmo trato cando os danos son igualmente obxectivos e acreditables”, indicou Miguel Viso.

Neste sentido, lembrou que o Goberno de España aprobou recentemente un plan extraordinario de 2.174 millóns de euros en axudas directas para agricultores, gandeiros, pescadores e acuicultores de Andalucía e Estremadura, con compensacións pola perda de renda, apoio ás pólizas de seguro e medidas fiscais e financeiras complementarias.

“Non cuestionamos ese apoio, pero resulta difícil de entender que, ante danos tamén obxectivos e acreditables noutros territorios, non se articulen respostas de similar magnitude en termos de equidade territorial”, afirmou.

O deputado popular concluíu que “desde o PPdeG reclamamos que se activen para Galicia medidas extraordinarias equiparables ás xa aprobadas noutros lugares. O noso rural merece apoio, certezas e igualdade de oportunidades”.

“Situacións extraordinarias requiren respostas extraordinarias. O Parlamento enviou hoxe unha mensaxe clara: Galicia defende o seu sector primario con rigor, con datos e con firmeza institucional”, concluíu Miguel Viso.