Rueda erixe á alcaldesa Lucía Calvo como “exemplo” das mulleres do PPdeG: “Traballadora, loitadora e defensora do seu concello”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, erixiu hoxe á alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, como “exemplo” das mulleres do seu partido.

“No 8M hai que dar exemplos de mulleres como ela: traballadoras, que loitan, que non teñen pelos na lingua —dou fe—, que piden ata o esgotamento, que son fortes, que están orgullosas do cargo que teñen e que defenden o seu concello”, expresou.

No mesmo día no que se conmemora o Día Internacional das Mulleres, Rueda participou na II Xuntanza Anual do Partido Popular de Teo, con máis de 700 asistentes, acompañado do presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e de Miguel Corgos e María Martínez Allegue, tamén membros do Goberno galego.

Exerceu como anfitrioa a tamén presidenta popular local, Lucía Calvo, unha das 31 alcaldesas do PPdeG, a formación que máis ten en Galicia. “Se estades aquí tanta xente é porque credes no proxecto que ela encabeza, porque credes no que está facendo”, dirixiuse Rueda aos presentes.

Nese sentido, puxo en valor o que era Teo antes de que fora alcaldesa e o que é tres anos despois: “Antes non era noticia máis que por leas, desunións, cousas raras que pasaban, ou por quen ía e quen viña na esquerda. Por iso ao final os veciños e veciñas, que sodes moi listos, dixestes ‘basta xa’ e puxestes a Lucía”.

Así, Rueda fixo fincapé na evolución do municipio desde entón, tamén coa colaboración da Xunta de Galicia. Entre outros proxectos, destacou a autovía entre Santiago e A Estrada (AG-59), comprometendo a apertura do tramo A Ramallosa-Pontevea en menos de un mes; o futuro centro de día de Montouto, con 780.000 euros de investimento do Goberno galego; a aposta pola vivenda, coa próxima construción de máis dunha trintena de vivendas de promoción pública na Ramallosa que saíron recentemente a licitación; ou o polígono industrial, que “ten que seguir crecendo, dándolle unha solución aos empresarios que queren seguir creando riqueza aquí e que necesitan que se lles bote unha man”.

UN ANO DE “APERTAR O ACELERADOR” ATA AS ELECCIÓNS MUNICIPAIS

Con estes exemplos, o líder do PPdeG sinalou que Galicia “está conseguindo saír fóra de todo ese lío que vemos a nivel nacional, de todas esas pelexas que non levan a nada”. “Aquí estamos ‘tranquiliños’, aquí a ‘Galicia Calidade’ é dedicarse a resolver problemas”, subliñou, retomando o modelo de Lucía Calvo, “unha muller que traballa, que é valente, que pide cousas e que encontra solucións”

“Agradecervos esta potencia. Que vexan os que están todo o día a manifestándose que esta é a manifestación do Partido Popular: todos aquí pedindo as cousas como hai que facer, pacificamente”, engadiu.

Para rematar, en clave de eleccións municipais, apuntou que “queda un ano no que hai que seguir apertando o acelerador, facendo moitas cousas e traballando arreo”. “Cando chegue o momento, estarei aquí de novo pedindo a vosa confianza, igual que hai tres anos, cando parecía complicadísimo, case imposible, a maioría absoluta do PPdeG en Teo; pero Lucía tívoa e non defraudou”, concluíu Rueda.

O PPdeG denuncia que o PSOE insiste, agora na Comisión de Transportes, no bloqueo á ponencia da transferencia da AP-9 a Galicia

O PPdeG denuncia que os socialistas insisten, agora na Comisión de Transportes, no bloqueo á constitución da ponencia da proposición de lei orgánica (PLO) da transferencia da AP-9 a Galicia, unha demanda histórica dos milleiros de galegos que utilizan a Autoestrada do Atlántico a diario e que sofren a negativa do Goberno central á xestión autonómica, un modelo que reduciría o elevado custo das peaxes, entre outros beneficios para a nosa Comunidade.

O deputado popular Celso Delgado, vicepresidente desta Comisión, afea de novo ao Executivo que “siga boicoteando” o debate desta proposición de lei no relatorio da Comisión. Lembra que, a pesar de acordarse a súa tramitación polo procedemento de urxencia xa no 2024, ata agora a Mesa do Congreso prorrogou o prazo de presentación de emendas ata en 60 ocasións desde que chegou Sánchez —45 nesta lexislatura—.

Para Delgado, estas “dilacións continuas” dos prazos agrávanse cun “incumprimento” do regulamento xurídico por parte dos socialistas. Así, critica que a presidenta desta Comisión, Ester Peña (PSOE), infrinxiu recentemente a súa obriga de convocar a reunión da Mesa e aos portavoces da Comisión nos prazos previstos pola lei, “a pesar dos recordatorios que se lle fixeron”.

“Ata a data de hoxe, a representante socialista non quixo dar explicacións sobre o seu arbitrario comportamento impropio de quen ostenta un cargo institucional dentro do Congreso”, apunta o deputado galego.

INCUMPRIMENTOS DO PSOE

Neste sentido, e ante o incumprimento continuo do PSOE, xa o pasado 28 de novembro de 2025, os deputados do Grupo Popular pertencentes á Comisión rexistraron un escrito dirixido á Presidencia da mesma, denunciando a vulneración do acordo anterior e solicitando, ao amparo do regulamento, a convocatoria dunha Mesa e Portavoces en seguintes datas para tratar o tema.

Porén, Peña non a convocou, polo que na reunión da Mesa do pasado 11 de febreiro, Celso Delgado insistiu en solicitar a inmediata constitución do relatorio, onde o PSOE amosou de novo a súa oposición. Os membros acordaron entón a data do 25 de febreiro para decidir a constitución do relatorio, volvendo os socialistas a incumprir o regulamento ao non convocar a devandita xuntanza.

“Denunciamos este arbitrario comportamento  á vez que lembramos á señora Peña que ela, do mesmo xeito que o resto dos españois e os poderes públicos, en virtude do Artigo 9.1 da Constitución, está suxeita á mesma e ao resto do ordenamento xurídico, no que está contido o cumprimento dos acordos validamente adoptados no Parlamento de Galicia”, incide Delgado.

Así, o deputado galego insiste na necesidade de “poñer fin” ao “bloqueo” no Congreso da transferencia da AP-9. Dende o PPdeG demandan o “urxente” traspaso, tendo en conta que o Goberno galego posúe a “experiencia” dun modelo de xestión que permite ter as autoestradas autonómicas máis baratas de España.