O portavoz do Grupo Parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, lamentou, hoxe, que a estratexia de confrontación do BNG antepoña os intereses partidistas ao respecto ás institucións.
Así, criticou que os independentistas persistan na súa proposta á adxunto ao cargo da Valedora do Pobo, sen ter garantido, previamente, o apoio da Cámara para a súa aprobación. Tal e como sinalou, “por primeira vez na historia do Parlamento de Galicia”, rexistrouse o nome dun candidato para ocupar un órgano estatutario de maneira unilateral e se rexeita por falta de previo consenso.
“Non é certo que este grupo teña rachado ningún consenso, porque non se pode rachar o que nunca existiu”, incidiu Pazos, quen recordou que o acordo era que ambos os dous partidos propuxeran perfís marcadamente institucionais e independentes. Neste punto, fixo fincapé en que o currículo da persoa proposta polos nacionalistas é incompatible coas “esixencias de imparcialidade, de transparencia e de obxectividade”, imprescindibles para preservar unha institución como a da Valedoría do Pobo. É por iso que o Grupo Popular rexeitou, na Comisión de Peticións, a proposta do BNG.
Dixo que o PPdeG, que tomou a decisión de fortalecer as institucións, designando perfís absolutamente imparciais, “non vai permitir que sexan colonizadas por activistas afíns a forzas minoritarias”. Nesta liña, o parlamentario popular avogou por volver á senda do consenso e acadar un acordo baseado na elección de persoas de marcado carácter institucional, de probada obxectividade e de absoluta imparcialidade: “Seguiremos coa man tendida para retomar o proceso da completa renovación da Valedoría”.
UNHA COMISIÓN PARA UN FINANCIAMENTO XUSTO
Por outra banda, o portavoz popular informou da constitución da Comisión non permanente especial de estudo para abordar a proposta de Galicia diante da reforma do sistema de financiamento, na que o PPdeG propuxo como presidente a Julio García Comesana e como vicepresidenta a Paula Prado.
Neste senso, incidiu en que o obxectivo é contar cun documento que responda ás necesidades reais de Galicia e que, á súa vez, sirva de apoio ao Goberno galego nas negociacións multilaterais, que tanto se teñen reclamado, para corrixir o infrafinanciamento da nosa Comunidade. E que, tal e como recordou, vén causado por “un sistema inxusto e ineficiente”.
“O consenso, que se intuía ao longo da pasada lexislatura, agora semella roto, debido ao cambio de postura, tanto do BNG como do PSdeG”, lamentou Pazos. Así, criticou que os independentistas aposten por un concerto galego, a pesar de estar desaconsellado pola maioría dos técnicos por consideralo prexudicial para Galicia; e que os socialistas, por antepoñer os intereses de Pedro Sánchez, renuncien a un financiamento xusto para Galicia.
