O PPdeG destaca o incremento de 4,6 M€ que a Xunta destinará ao Servizo de Axuda no Fogar na comarca do Salnés nos vindeiros 3 anos

O PPdeG destaca o incremento de 4,6 M€ que o Goberno galego destinará ao Servizo de Axuda no Fogar dos 9 concellos do Salnés –Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa-, nos 3 vindeiros anos.

Así llo trasladou o portavoz do Grupo Popular no Parlamento, Alberto Pazos, aos alcaldes e portavoces da comarca, tras o anuncio por parte da administración autonómica de aumentar de forma progresiva o prezo por hora, pasando dos 12 euros actuais aos 18 euros, en 2028. Pazos explicou que a Xunta pasará a destinar 15,7M€ nos concellos nestes tres anos, en vez dos 11,6M€, previstos cos actuais12€/h.

Durante unha xuntanza, na que estivo acompañado do deputado Raúl Santamaría, Alberto Pazos puxo en valor o esforzo inversor da Xunta e informou de que as administracións locais, desde finais de marzo e cun prazo dun mes, poderán solicitar este incremento do financiamento do SAF; que terá, ademais, efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro.

UN 41% DE INCREMENTO MEDIOS NOS CONCELLOS DO SALNÉS
Froito do acordo entre Xunta e Fegamp, en 2026, o prezo da hora será de 16 euros; en 2027, de 17 euros; e, en 2028, de 18 euros. Isto suporá que, para o período 2026-2028, a suba media do orzamento destinado ao SAF de todos os concellos do Salnés é do 41%.

Deste xeito, en 2026, en cifras aproximadas, Cambados recibirá uns 620.000€; O Grove, 780.000€; A Illa de Arousa, 280.000€; Meaño, 270.000€; Meis, 334.000€; Ribadumia, 750.000€; Sanxenxo, 615.000€; Vilagarcía de Arousa, 840.000€; e Vilanova de Arousa, 450.000€.

O PPdeG urxe ao Goberno central a posta en marcha do IVE fanquiciado que aliviaría a carga fiscal de máis de 20.000 autónomos da provincia de Lugo

O PPdeG urxe ao Goberno central a inmediata posta en marcha do réxime especial de franquicia do IVE, previsto na Directiva europea 2020/285 e que debía estar vixente desde o 1 de xaneiro de 2025.

Os deputados autonómicos, Cristina Sanz e José Manuel Mato, acompañados da presidenta provincial do PPdeG, Elena Candia, mantiveron unha xuntanza, en Lugo, con membros dos colectivos Lugo Monumental e Mulleres Líderes de Galicia; co fin de recoller as súas demandas e inquedanzas e abordar, tamén, as consecuencias que está a ter a negativa do Executivo de Pedro Sánchez de aplicar esta medida. E segundo se coñeceu esta mesma semana, Bruxelas levou a España ao TJUE por non traspoñer esta Directiva.

Tal e como explicou Cristina Sanz, esta demora supón máis burocracia, máis custes e menos competitividade para os pequenos negocios, ademais dunha importante desvantaxe competitiva fronte a outros Estados membros que xa aplican a franquía. De aí que avoguen pola súa aplicación urxente, xa que deste xesto se aliviaría de forma considerable a carga fiscal de máis de 20.000 autónomos na provincia –arredor duns 100.000 en Galicia-, que teñen un volume de negocio anual por debaixo dos 85.000 euros.

Neste punto, os parlamentarios populares aproveitaron o encontro para trasladarlles a iniciativa que o Grupo Popular presentou no Parlamento de Galicia e na que se insta ao Goberno a que deixe de afogar aos traballadores por conta propia, xa que lles impide optar por un réxime que simplifica a facturación e evita as liquidacións periódicas do IVE, co consecuente aforro de tempo e custes. “Ata cando vai seguir con esta asfixia inxusta e inxustificable?, lamentou Cristina Sanz, quen sinalou que esta medida está orientada a reducir os custes administrativos e a aliviar a carga burocrática e financeira.

O APOIO DA XUNTA A AUTÓNOMOS E PEMES

Asemade, fixeron fincapé na sensibilidade que o Goberno galego está a ter co colectivo dos autónomos e pemes. Neste punto, José Manuel Mato puxo en valor as diferentes accións que en apoio deste colectivo desenvolve na nosa Comunidade, enmarcadas na Axenda de Impulso ao Emprego Autónomo, a cal conta cun orzamento total de 360 M€ ata 2027. E salientou a ampliación a dous anos da cobertura da cotra cero no programa de promoción do emprego autónomo para aquelas persoas que inicien unha actividade vinculada á agricultura, gandaría ou silvicultura; o reforzo do Bono Remuda, destinado a facilitar a transmisión de negocios; ou accións destinadas a favorecer o retorno ao autoemprego.