O Parlamento aprobou, hoxe, por unanimidade de todos os grupos presentes, instar de novo ao Goberno central a que habilite un rexistro centralizado que permita obter un certificado de titularidade das contas, saldos e posición bancarias dunha persoa falecida. “Queremos un certificado único que evite que os herdeiros teñan que ir banco por bando buscando información”, dixo Felisa Rodríguez, durante a súa intervención na Comisión 1ª.
“A día de hoxe, non existe un rexistro público que permita coñecer de maneira sinxela as posición bancarias dunha persoa falecida”, sinalou a deputada popular, quen indicou que esta situación provoca que os herdeiros non dispoñan de toda a información necesaria para decidir con seguridade se deben aceptar ou renunciar á herdanza e, no caso de aceptala, tampouco para cumprir coas obrigas tributarias correspondentes.
Tal e como remarcou, a proposición non de lei presentada polo Grupo Popular fora aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia, en 2022, pero volveu, hoxe, de novo a ser debatida en comisión, xa que “acabou caendo en saco roto” do Executivo central. “Insistiremos ata que se converta nunha realidade”, apuntou, para incidir, a continuación, na necesidade avanzar cara un sistema “máis transparente, máis sinxelo e con máis seguridade xurídica”; co fin de que os herdeiros poidan cumprir coas obrigas legais e tributarias con certeza e claridade.
“FACER A VIDA MÁIS SINXELA ÁS FAMILIAS”
Esta iniciativa faise fai eco da demanda de moitas familias e das suxestións de colectivos profesionais –avogados, economistas, xestores administrativos e notariais- que traballan diariamente con este tipo de casos. Entre as vantaxes está a de axilizar os procesos burocráticos, evitar sancións involuntarias e ofrecer garantías e transparencia.
“As familias teñen que facer fronte a unha importante carga de trámites administrativos e burocráticos”, recalcou Felisa Rodríguez. Resulta complicado saber con exactitude en que entidades financeiras tiña contas ou outros activos, como accións, bonos, fondos de investimento, posibles débedas bancaria ou mesmo moedas virtuais e contas bancarias en liña.
“Non busca crear burocracia, senón simplificar trámites, dar seguridade xurídica e facer a vida máis sinxela ás familias nun momento delicado”, subliñou. E apuntou que o Goberno central obtén entre 20 e 35 M€ de ingresos por contas ou depósitos bancarios abandonados: “Se despois de 20 anos non se detecta movemento algún, os saldos pasan a ser propiedade do Estado, en lugar de ir aos herdeiros lexítimos”.
PLANS DE ACTUACIÓN MUNICIPAIS
Por outra banda, o Parlamento aprobou, tamén, sen votos en contra a iniciativa do Grupo Popular na que se insiste na necesidade de que os concellos galegos conten cos Plans de Actuación Municipal fronte ao risco de incendios forestais, por tratarse, dun instrumento esencial de prevención, preparación e resposta no ámbito local.
Neste senso, o parlamentario popular, Ángel Rodríguez, recordou que estes plans deben ser revisados e adaptados ás características e aos medios dispoñibles en cada municipio e que son os concellos os encargados de redactalos e actualizalos, para logo ser aprobados e integrarse dentro do marco xeral da Xunta para a defensa contra incendios forestais. É prioritario, remarcou, que estean perfectamente activos para dar unha resposta rápida e axeitada a calquera situación de risco que se produza.
Ángel Rodríguez recordou que, desde finais do ano pasado, o Goberno galego remitiu aos concellos un total de 178 notificacións para recordarlles o cumprimento desta obriga. E que a Xunta, en aras de apoiar de maneira constante aos concellos e ás entidades locais no exercicio destas funcións, inviste máis de 300.000 euros.

