O PPdeG enxalza o compromiso do Goberno galego co tecido veciñal, a través da nova convocatoria de axudas que ascende a 3M€.
Neste senso, as deputadas autonómicas, Dolores Hermelo e Patricia García, mantiveron un encontro coa directiva da Asociación Veciñal de Gandón, en Cangas, para trasladarlles a nova liña de subvencións destinada ás asociacións veciñais, confederación, federacións ou unións de asociacións de veciños, así como tamén ás comunidades de augas e asociacións de mulleres rurais.
Tal e como destacaron, estas achegas supoñen un soporte económico importante, xa que lles permite financiar actuacións de mellora, reforma e ampliación dos seus locais sociais, así como tamén a adquisición do equipamento necesario para o seu funcionamento diario e a organización de actividades comunitarias.
Durante o encontro, puideron coñecer as iniciativas que a entidade está a desenvolver e polas que a puxeron como “exemplo de xestión proactiva”. Así, Dolores Hermelo fixo fincapé no papel “fundamental e insubstituíble” que xogan este tipo de entidades na vertebración do territorio: “Asociacións como a de Gandón son o verdadeiro corazón das nosas parroquias, xa que realizan un traballo impagable na dinamización social e cultural dos barrios e son esenciais para garantir a prestación de certos servizos de proximidade”. “E –engadiu- actúan como un fío condutor que mantén vivas e cohesionadas as nosas zonas rurais”.
Ao remate da visita, ambas as dúas deputadas puxeron en valor que estas achegas demostran con feitos o “firme compromiso e apoio incondicional” do PPdeG cara ao tecido asociativo e veciñal. “Nós cremos nas asociacións como un poderoso instrumento de transformación real dos nosos barrios e parroquias”, subliñou Patricia García, quen salientou os recursos para que as entidades sigan medrando e mellorando a vida da veciñanza.

