A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, compareceu hoxe para dar conta das propostas de resolución rexistradas no Debate de Política Xeral, nun contexto marcado pola confrontación de dous modelos claramente diferenciados de país. Dun lado, a chamada “Galicia do si”, liderada polo presidente Alfonso Rueda, centrada na xestión, no cumprimento dos compromisos e na resposta ás necesidades reais da cidadanía. Do outro, segundo expuxo Paula Prado, sitúase a oposición, definida como a “Galicia do non” e caracterizada pola falta de proxecto e polo bloqueo constante ás iniciativas orientadas ao progreso.
ENLACE A: PROPOSTAS DE RESOLUCIÓN
A deputada popular resaltou que as propostas de resolución presentadas polo Grupo Popular apostan por abordar de maneira directa as preocupacións reais e cotiás da cidadanía. Neste sentido, subliñou que a clase media constitúe o motor do país e que, xunto coas medidas dirixidas ás persoas máis vulnerables, ao sector primario e ao reforzo dos servizos públicos esenciais —sanidade, educación e políticas sociais—, se sitúa no centro da acción política do Partido Popular neste Debate do Estado da Autonomía.
Así, indicou que se presentan respostas concretas para mellorar a calidade de vida: desde o alivio fiscal ata o acceso á vivenda, pasando pola promoción do emprego e o impulso a postos de traballo de calidade. “O noso obxectivo é claro: apoiar a quen sostén o país co seu esforzo diario, garantindo máis oportunidades, estabilidade e benestar para a maioría social”, concluíu.
Durante a súa intervención, a viceportavoz puxo en valor os resultados acadados polo Goberno galego, destacando que máis do 85 % das medidas comprometidas nesta lexislatura están feitas ou en marcha, así como un elevado nivel de execución orzamentaria. Subliñou tamén o enfoque en políticas públicas que abranguen ámbitos clave como a vivenda, a fiscalidade, os coidados, o rural e a sanidade, con medidas orientadas a mellorar o acceso á vivenda, reforzar os servizos sociais e garantir unha atención sanitaria de calidade.
Fronte a isto, Prado criticou a actitude da oposición, á que atribuíu unha desconexión coa realidade de Galicia e unha estratexia baseada no rexeitamento sistemático. Neste sentido, incidiu en que, mentres o Executivo autonómico aposta por un modelo construtivo e de avance, os grupos da oposición carecen dunha alternativa definida e viable para o conxunto da cidadanía galega.
No marco deste debate, o Grupo Popular rexistrou un total de 40 propostas de resolución orientadas a consolidar o crecemento económico, reforzar os sectores produtivos e mellorar a calidade de vida. Entre elas inclúense iniciativas en materia fiscal e de apoio ás pequenas empresas, medidas para o sector lácteo, así como actuacións para favorecer o desenvolvemento dos concellos de menor tamaño.
As propostas tamén abordan a necesidade de mellorar a vertebración territorial, con especial atención ás infraestruturas ferroviarias e viarias, reclamando a recuperación de frecuencias de tren, o impulso do Corredor Atlántico e o desenvolvemento de conexións estratéxicas como o AVE Vigo-Porto. Ademais, inclúense reivindicacións históricas como o rescate da AP-9 e a súa transferencia a Galicia.
Noutros ámbitos, formúlanse medidas para avanzar no autogoberno, reforzar o sistema educativo —incluíndo unha futura lei de educación dixital— e promover a lingua galega. Así mesmo, recóllense iniciativas centradas no benestar social, como a ampliación do Bono Coidado, a creación de novas residencias públicas e a reforma da atención primaria sanitaria.
