O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que insta ao Adif a autorizar o proxecto de conexión do Porto Seco de Monforte coa N-120, deixando de insistir en exixencias que nada teñen que ver co proxecto da conexión do Porto Seco entre as estradas N-120 e LU-933; ao tempo que se pide á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e á Demarcación de Estradas do Estado que respecte o consenso acadado sobre o proxecto construtivo do novo acceso ao Porto Seco e autoricen esta actuación tan importante para a cidade de Monforte de Lemos e da súa contorna.
A deputada popular Katy Varela lembrou que o Porto Seco de Monforte “foi deseñado no seu momento coa colaboración das administracións autonómica, estatal e local, e naceu como motor de desenvolvemento económico da comarca de Lemos e do interior de Lugo, pero máis de dez anos despois hoxe permanece atrapado nunha rede de obstáculos inaceptables”.
En concreto, Katy Varela referiuse á conexión do Porto Seco coas estradas LU-933 e N-120, cuxa obra atópase bloqueada “ante a falta de compromiso do Goberno central, que non colabora no desenvolvemento desta infraestrutura e, por enriba, obstaculiza as autorizacións necesarias para avanzar coa súa execución”.
Esta nova conexión entre as estradas N-120 e LU-933 permitirá absorber o tráfico xerado pola área loxística e de intercambio de mercadorías do Porto Seco, constituíndose ademais na súa principal vía de unión coa Meseta e o sur de Galicia, ao tempo que evitará o paso de vehículos, sobre todo de tráfico pesado, polo núcleo urbano de Monforte.
“A realidade é que as decisións erráticas, os atrasos e os cambios de criterio por parte do Goberno central converteron este proxecto nun labirinto burocrático”, lamentou a deputada popular. Neste sentido, explicou que a solución inicial aprobada pola Xunta resultou incompatible coa seleccionada polo Ministerio de Fomento para a autovía A-76, unha situación que obrigou a comezar de novo, a redactar un novo trazado e a revisar o impacto ambiental.
Así mesmo, o Adif puxo como condición eliminar un paso a nivel alleo ao proxecto inicial, mentres que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, con peticións interminables desde 2019, forzou o redeseño dunhas obras que xa contaban co seu visto bo.
Katy Varela criticou que “todo apunta a que o goberno de coalición de esquerdas, encabezado por Pedro Sánchez e apoiado polo BNG, coa complicidade do presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte, non ten interese algún en que este proxecto se faga realidade”. “Monforte e Galicia merecen un trato digno e un compromiso firme co desenvolvemento e o benestar da súa xente, polo que cómpre abandonar esta estratexia de sabotaxe e avanzar nun proxecto que é esencial para o futuro desta terra”, incidiu.
A deputada popular subliñou “a vontade absoluta da Xunta en avanzar na conexión reservando, ano tras ano, unha partida nos seus orzamentos”. En concreto, dixo que a Administración galega leva investidos no Porto Seco preto de 20 millóns de euros para os traballos técnicos, a adquisición de terreos, a súa urbanización e a construción dos accesos coa estrada LU-933.