Alberto Pazos critica que o BNG “pise o acelerador” no seu apoio e defensa de Pedro Sánchez, amosando que “son os mellores e máis submisos cómplices de toda a corrupción que lle arrodea”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou hoxe que o BNG “pise o acelerador” no seu apoio e defensa do Goberno de Pedro Sánchez, amosando que son “os seus mellores e máis submisos cómplices de toda a corrupción que lle arrodea”. “Só nos queda dicirlles que xa está ben de tomar aos galegos por parvos, se deixen de insultos, de bulos e de difamacións e, sobre todo, de falso puritarismo”, apuntou.

Alberto Pazos comezou a súa intervención salientando que no Congreso do Partido Popular celebrado o pasado fin de semana “quedou patente a importancia e o peso do PPdeG” e amosou a “enorme satisfacción porque as dúas persoas que neste momento están á fronte do Partido Popular sexan galegas, e, ademais, ex deputados deste Grupo Parlamentario”.

MELLORES COLABORADORES

“Tanto Alberto Núñez Feijóo como Miguel Tellado saben perfectamente que en Galicia contan cos seus mellores colaboradores para levar adiante todo aquilo que consideren oportuno para acadar o obxectivo de gobernar España, para que este país volva ser un referente a nivel internacional de estabilidade e de políticas pioneiras nos ámbitos sociais e económicos, e deixe de ocupar portadas e apertura de informativos en radios e televisións polos casos de corrupción e políticas indecentes que neste momento protagoniza o Goberno de Pedro Sánchez e o Partido Socialista”, apuntou.

Respecto do Pleno celebrado esta semana no Congreso sobre a corrupción, o portavoz popular asegurou que todas as medidas anunciadas por Pedro Sánchez son pura maquillaxe política para saír ao paso da crecente preocupación social que invade á cidadanía española, porque a única solución que existe nestes momentos é que o Presidente do Goberno dea o seu brazo a torcer, disolva as Cortes Xerais e convoque eleccións para que todos os españois poidamos decidir en mans de quen queren depositar o seu goberno e o futuro de España”.

“Falamos de medidas insuficientes, redundantes e que xa existen porque hai que ter presente que Galicia xa se dotou hai 10 anos dun ambicioso programa de impulso democrático, impulsado polo daquela Presidente da Xunta, Alberto Núñez  Feijóo, que incluíu 5 novas leis e 50 medidas específicas para a mellora da calidade democrática na Comunidade galega, todas elas aprobadas co voto favorable do Partido Popular, lembrou.

ACTITUDE DEPLORABLE DO BNG

Diante desta situación, Alberto Pazos considerou “deplorable” a actitude do BNG respecto da situación política que se vive a nivel nacional e o seu apoio submiso ao Goberno de Pedro Sánchez. “Os nacionalistas galegos seguen aí, pisando o acelerador na súa defensa de Pedro Sánchez sen ter en conta que están apoiando a un Goberno cada día máis asolagado pola corrupción e aumentando a súa complicidade”, manifestou.

“O único que se lle ocorre para tapar as vergoñas do Goberno de Pedro Sánchez é traer ao Parlamento galego unha iniciativa para crear nesta comunidade unha oficina antifraude, co argumento de que se a corrupción inunda o PSOE, corramos un tupido velo e investiguemos ao PP en Galicia”, sinalou.

Por outra banda, Alberto Pazos dixo que a debilidade do Goberno de Pedro Sánchez obrigaralle a vindeira semana a facer novas concesións aos independentistas vascos e cataláns a través de novas transferencias ou dun financiamento singular. Neste sentido, subliñou que “o que están a pedir, non só as comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular senón tamén as socialistas, é que se abra unha negociación conxunta con todas as autonomías para o establecemento dun novo modelo de financiamento autonómico, pero a Pedro Sánchez só lle interesa manterse na súa poltrona na Moncloa e para iso élle imprescindible contentar e conceder todo o que lle pidan aos seus socios vascos e cataláns”.

“España non pode seguir nas mans dunha marioneta chamada Pedro Sánchez manexada ao seu antollo polos nacionalistas vascos e os independentistas cataláns, polo que é necesario e moi urxente que España teña un Goberno forte, que poida tomar as decisións que máis conveñan ao conxunto dos españois. E ese goberno, neste momento, so é posible da man de Alberto Núñez  Feijóo e do Partido Popular”, asegurou.

APOIO Á DEPUTADA NICOLE GRUEIRA

Por último, Alberto Pazos amosou o máximo apoio e respaldo do Grupo Popular á deputada popular Nicole Grueira polos ataques machistas e faltas de consideración continuas que está a sufrir como portavoz do PP de Pol por parte do alcalde deste concello lucense, “máis preocupado por insultar e faltar ao respecto da nosa compañeira que en atender as solicitudes de información e levar adiante as actuacións que son necesarias para mellorar o benestar dos veciños de Pol”. Así, pediu aos responsables do PSdeG que “tomen as medidas oportunas porque me parece que o paternalismo, machismo e falta de respecto amosado por este alcalde contra esta compañeira é deleznable”.

O Grupo Popular demanda un marco normativo estatal específico para facilitar a implantación das instalacións de biogás

O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, demandou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia a creación dun marco normativo estatal específico e dunha planificación enerxética que faciliten a implantación das instalacións de biogás para aproveitar as potencialidades de Galicia neste ámbito. Ademais, fixo un chamamento aos concellos para que cumpran coa súa propia normativa e as ordenanzas que limitan as actividades molestas ou contaminantes.

Gonzalo Trenor lamentou que “unha vez máis o BNG quedouse totalmente illado na defensa dunha das súas demagóxicas iniciativas, porque está máis preocupado en  atacar á Xunta que de dar solucións nin de que cada administración asuma as súas competencias, como é o caso das plantas de biogás”.

Así, lembrou que a Xunta, “aínda que na actualidade non existe unha normativa específica, sempre avalía as afeccións á poboación, á saúde, ao medio ambiente ou ás cuestións relacionadas co transporte de residuos de calquera proxecto na súa tramitación ambiental, tal e como se puxo de manifesto na tramitación da planta de biogás que se quería instalar na parroquia lucense de Coeses”.

“A Xunta é consciente da necesidade de garantir o equilibrio entre o despregamento desta enerxía renovable co respecto ao medio ambiente e a saúde pública”, indicou o portavoz popular, quen considerou “importante dar resposta a unha problemática crecente que non pode supor unha traba á descarbonización e ao impulso da economía circular”.

Trenor afirmou que “atopámonos con que a ausencia dun marco normativo e dunha planificación enerxética que faciliten a implantación destas instalacións de biogás tradúcense no desaproveitamento do potencial de España como terceiro país produtor europeo desta enerxía, só por detrás de Alemaña ou Francia”.

O Parlamento de Galicia pide ao Presidente do Goberno de España a disolución das Cortes e a inmediata convocatoria de eleccións xerais

O Pleno do Parlamento de Galicia demandou hoxe ao Presidente do Goberno de España, a través dunha proposición non de lei do Grupo Popular, a disolución das Cortes e a inmediata convocatoria de eleccións xerais, para permitir que os españois, a través do seu voto, abran un novo tempo político. Así mesmo, pediu ao Goberno de España que, de xeito urxente, adopte as medidas necesarias para garantir a colaboración activa con todas as instancias xudiciais, parlamentarias e administrativas que investigan posibles irregularidades na súa xestión.

A modo de resolución, o Parlamento amosou o rexeitamento expreso á corrupción instalada no seno do PSOE, no Goberno de España e na contorna persoal e política máis próximo ao presidente Pedro Sánchez; condenou as acusacións realizadas polos membros do Goberno de España e os seus socios atacando á Xustiza e xornalistas que están destapando as tramas de corrupción que rodean a Pedro Sánchez; e reclamou a inmediata depuración de responsabilidades políticas derivadas dos casos de corrupción coñecidos nas últimas datas o que debe levar aos socios do PSOE nas distintas institucións á revisión dos acordos de goberno ou de apoio político.

INSTITUCIÓNS CARCOMIDAS

A viceportavoz popular, Paula Prado, manifestou que “a peor das corrupcións é que todas as institucións do Estado estean carcomidas co único fin de que Pedro Sánchez poida seguir apuntalado na Moncloa o tempo que lle queda”. “Unha corrupción que pagamos todos e que chega a 40 institucións, organismos, embaixadas e ata empresas colonizadas polo sanchismo”, apuntou.

“Esta colonización insaciable xa non entende de separación de poderes, porque desde que Sánchez é presidente todos os poderes dependen do uno”, sinalou Prado, quen se referiu a un poder lexislativo, “que se pode gobernar con ou sen el; ou a un poder xudicial, “a disposición do sanchismo para avalar todas as leis feitas a media do presidente, da familia do presidente e dos compañeiros de partido do presidente”.

Paula Prado tamén criticou “o xeito no que corromperon o feminismo aqueles que durante anos se arrogaron o dereito exclusivo de falar en nome das mulleres en público coas actitudes que, tal e como agora sabemos, tiñan en privado”.

“Todo isto é o que apoian os socialistas galegos, pero tamén é o que apoia o BNG coa súa equidistancia e a súa hipocrisía, porque foron os nacionalistas galegos, co seu voto a favor, os que fixeron posible a investidura do presidente que nomeou ministro a Ábalos e consentiu que o Ministerio de Transportes se convertera nun prostíbulo no que negociar mordidas e denigrar ás mulleres”, subliñou.

O Parlamento galego solicita por quinta vez por unanimidade ao Goberno central a declaración do Xacobeo 27 como evento de excepcional interese público

O Pleno do Parlamento de Galicia volveu aprobar hoxe por quinta vez unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que conceda canto antes ao Xacobeo 2027 a declaración como evento de excepcional interese público (EEIP), un recoñecemento que conta xa coa aprobación da Comisión Executiva do Consello Xacobeo e co visto e prace do Ministerio de Cultura. Na mesma liña, pídese ao Goberno central un maior e firme apoio económico ante o próximo “lustro Xacobeo 2027-2032″, co fin de ter unha maior presenza nacional e internacional que sirva, como os xacobeos anteriores, para o reforzo turístico da marca España e da marca Galicia.

O portavoz de Turismo do Grupo Popular, Borja Verea, asegurou “non ser capaz de entender o desleixo do Goberno de España co Xacobeo, polo que nos gustaría ter unha resposta ao retraso na declaración como evento de excepcional interese público”. “O tempo da paciencia xa quedou atrás, porque se non existe problema co Xacobeo a única resposta é que o Goberno de Pedro Sánchez está asfixiando este proxecto como represalia porque en Galicia goberna o Partido Popular”, indicou.

RESPALDO DE VARIAS UNANIMIDADES

Borja Verea lembrou que esta solicitude “xa conta co respaldo de varias unanimidades neste Parlamento galego, polo que é urxente que o Goberno central dea unha explicación do por que a día de hoxe aínda non están activas as bonificacións fiscais para facilitar a colaboración público-privada no financiamento deste evento, que no anterior Xacobeo supuxo unha aportación de 28 millóns de euros”.

Ademais, explicou que “esta declaración pode poñerse en marcha a través de calquera instrumento legal nas mans do Goberno de Pedro Sánchez”, polo que lamentou que “o problema está na falta de vontade política por parte do Partido Socialista para conceder este recoñecemento ao Xacobeo 2027”.

O portavoz popular considerou unha “auténtica neglixencia política deixar pasar unha oportunidade única como é o lustro Xacobeo 27-32, un evento que está plenamente integrado na Marca España funcionando como elemento vertebrador de cohesión territorial e proxección exterior; símbolo dun turismo sostible e de calidade; ferramenta para a revalorización do patrimonio e a dinamización do rural; e referente internacional que reforza a imaxe de Galicia e de España como destinos únicos”.

O Grupo Popular afirma que a creación dun Consello da Memoria Democrática de Galicia como propón o PSdeG duplicaría estruturas xa existentes

O deputado do Grupo Popular José Luís Ferro afirmou que a creación dun Consello da Memoria Democrática de Galicia, como propuxeron hoxe os socialistas no Pleno do Parlamento galego, “viría duplicar estruturas xa existentes e xa asumidas, tanto desde a Xunta como desde o Goberno de España”. Neste sentido, asegurou que o compromiso do PPdeG “é cunha memoria útil, plural, integradora, que recoñeza ás vítimas, que dignifique o pasado e que mire ao futuro”.

José Luís Ferro lembrou que Galicia está integrada nos mecanismos estatais previstos pola Lei de memoria democrática, como o Consello Territorial de Memoria Democrática, onde se articulan as políticas comúns e se garante a coordinación entre administracións. “A paixón pola xustiza, pola liberdade ou pola reparación é lexítima, pero debe ir acompañada de responsabilidade, de capacidade para deseñar instrumentos útiles, reais e eficientes, algo que o Consello que nos propoñen os socialistas non o é”, apuntou.

PROTEXIDA DA UTILIZACIÓN IDEOLÓXICA

Neste sentido, explicou que “Galicia xa conta con mecanismos de coordinación, cunha rede de investigadores, cunha tradición de memoria activa e con instrumentos para aplicar a normativa estatal”, pero afirmou que, “se hai vontade de mellorar a política de memoria, traballemos sobre o que xa existe e dotemos de máis medios aos arquivos, incrementemos a colaboración cos colectivos e melloremos a coordinación interadministrativa”.

“A memoria democrática debe estar protexida da utilización ideolóxica, debe ser plural, e non converterse nun instrumento de parte”, sinalou o deputado popular, quen  apuntou que “a historia de Galicia e a memoria das vítimas non pertence a ningún partido nin a ningunha forza política, porque é un patrimonio común que debe ser tratado con responsabilidade”. “Nós queremos que a memoria sirva para construír, non para dividir”, manifestou.

Para rematar, José Luís Ferro indicou que “debemos traballar conxuntamente na construción dunha memoria democrática que sexa patrimonio de todos e non trincheira de ninguén”, polo que avogou por “traballar con seriedade, compromiso e humildade institucional porque Galicia merece unha política de memoria á altura da súa historia e do seu pobo”.

O Grupo Popular salienta que a Xunta é unha administración exemplar e referente nas medidas de impulso democrático

A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta é “unha administración exemplar e referente en medidas de impulso democrático, cun plan específico que se traduciu en cinco leis e 50 medidas para a mellora da rendición de contas das administracións públicas e o control dos cidadáns sobre elas”. “Galicia goza dunha excelente saúde democrática, a anos luz do que fan os socialistas desde Ferraz ou desde A Moncloa, e sempre co apoio cómplice e incondicional do BNG”, apuntou.

Cristina Sanz considerou “un dobre erro” dos socialistas galegos traer á sesión plenaria unha iniciativa sobre integridade institucional e prevención da corrupción “polo momento que está atravesando o PSOE, tanto a nivel do entorno persoal máis próximo a Pedro Sánchez como na propia estrutura do partido; e porque parece esquecer que Galicia sempre foi un referente en rexeneración democrática e integridade institucional”.

IMPULSO DEMOCRÁTICO

En concreto, a viceportavoz popular lembrou que “o Goberno de Feijóo puxo en marcha en 2015 un ambicioso programa de impulso democrático, que culminou coa aprobación de cinco leis de mellora da calidade democrática en Galicia”. En primeiro lugar, referiuse ao impulso do PPdeG para que o Consello de Contas se convertera no órgano de control externo en materia de prevención da corrupción no eido da administración pública autonómica, ao que se engadiu unha Lei de financiamento dos partidos políticos e as súas fundacións; a Lei de transparencia e bo goberno; o portal-web de transparencia da Xunta; o impulso do código ético institucional; a Lei de ordenación dos servizos xurídicos; os novos mecanismos de control da legalidade no eido das distintas consellerías; e, por último, a actualización do regulamento do Parlamento galego.

A estas iniciativas sumáronse, posteriormente o programa marco de integridade institucional ou o plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude, que se foi completando con plans e medidas concretas en todas as consellerías, ata o punto de que hoxe 110 centros directivos autonómicos e entidades do sector público teñen os seus publicados.

“Fronte a esta situación, atopámonos co Goberno de Pedro Sánchez, que está a facer todo o contrario e que está a fagocitar todos os mecanismos de control e salvagarda poñendo persoas afíns, como na Fiscalía Xeral do Estado, no Tribunal de Contas ou no Tribunal Constitucional”, lamentou.

O PPdeG anima a BNG e PSdeG a consultar no DOG as medidas impulsadas polo Goberno galego para loitar contra o reto demográfico, fixar poboación no rural, crear emprego ou facilitar a conciliación

A deputada do Grupo Popular Noelia Pérez animou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia a BNG e PSdeG “a consultar o Diario Oficial de Galicia para comprobar todas as medidas impulsadas polo Goberno galego para loitar contra o reto demográfico, fixar poboación no rural, impulsar o emprego ou facilitar a conciliación familiar e laboral”.

Noelia Pérez criticou á oposición por “pretender convencer aos galegos de que a xente queda ou regresa a Galicia  por arte de maxia ou por inspiración divina, cando a verdade é que o fai porque aquí hai políticas activas, rigor institucional, oportunidades e porque vivimos nunha comunidade que ofrece estabilidade, servizos e futuro”.

Neste sentido, criticou que nacionalistas e socialistas non apoiaran a Lei de impulso demográfico de Galicia “porque dicían que reducía a súa visión ao enfoque natalista, a mesma lei que agora, sen cambiar unha coma, aseguran que non é o suficientemente natalista”. “A deriva do seu discurso lévaos ao absurdo e cambios de opinión continuos e a defender unha cousa hoxe e mañá á contraria”, apuntou.

LEI PIONEIRA

“Detrás das súas contradicións e das súas desacreditacións, o que realmente hai é unha lei que foi pioneira, que está a funcionar e que inspirou medidas noutras comunidades autónomas, algunhas delas incluso gobernada polos socialistas”, salientou a deputada popular.

Máis en concreto, Noelia Pérez explicou que “no Diario Oficial de Galicia están publicadas todas as accións reais para loitar contra o reto demográfico, fixar poboación no rural, impulsar o emprego ou facilitar a conciliación, a través de programas específicos para atraer e reter á mocidade; incentivos ao emprendemento e ao retorno de galegos no exterior; axudas á natalidade, á conciliación e á corresponsabilidade; medidas para o acceso á vivenda; ou actuacións de mellora dos servizos públicos básicos nos concellos máis pequenos”.

Porén, criticou que “o que contribúe directamente a desertizar o rural, a frear o desenvolvemento de moitas comarcas galegas e non axuda a combater o reto demográfico son medidas adoptadas polo Goberno de Pedro Sánchez como o desmantelamento do transporte público, como a eliminación de frecuencias de tren en A Gudiña ou as paradas de autobús de rutas nacionais; avanzar no peche de cuarteis da Garda Civil no rural; ou a falta de médicos de familia, pola irresponsabilidade do Goberno central ao non atender as demandas feitas desde a Comunidade galega”.

O Grupo Popular critica que o BNG “repita cada ano o seu discurso apocalíptico” sobre a atención sanitaria durante o verán

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, criticou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o BNG “repita cada ano o seu discurso apocalíptico” sobre a atención sanitaria no verán en Galicia, “cando a verdade é que o Goberno galego traballa e traballa con rigor, e este ano, coa boa experiencia acadada en 2024, investirá máis de 12,1 millóns de euros nos servizos asistenciais da atención primaria durante o verán”.

Encarna Amigo salientou que o plan estival de cobertura sanitaria implantada pola Xunta o pasado ano “non só permitiu manter o número de consultas en atención primaria e das probas diagnósticas, senón que tamén posibilitou que se operase máis e se realizaran máis patoloxías prioritarias”.

8% MÁIS DE CIRURXÍAS E 6% MÁIS DE URXENCIAS HOSPITALARIAS

En concreto, dixo que o reforzo dos servizos sanitarios durante o pasado verán fixo posible que se puidesen realizar 1.400 cirurxías máis, o que supón un incremento do 8 por cento respecto do ano anterior; e se incrementará un 6 por cento a atención de urxencias hospitalarias ou a atención urxente nos PAC.

“A planificación está feita nas sete áreas sanitarias e incorpora reforzos nos centros e nos PAC das zonas con máis influencia turística, como leva facendo o Sergas cada verán con éxito”, indicou a portavoz popular, quen concretou que “cóntase xa con 264 profesionais voluntarios para reforzar estes dispositivos”.

A portavoz popular asegurou que “as camas hospitalarias non se pechan e están todas dispoñibles” e afirmou que “estarán operativas case o 92 por cento das camas durante este verán, unha porcentaxe superior á do ano pasado”. “O que se fai é unha planificación eficiente, porque no verán baixa a demanda de atención hospitalaria e esa organización permite garantir calidade asistencial e eficiencia na xestión dos recursos”, explicou.

O Grupo Popular avoga por que Xunta e Fegamp avancen nas negociacións para mellorar o financiamento que reciben os concellos para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar

A portavoz de Política Social, Raquel Arias, avogou hoxe no Pleno do Parlamento galego por que Xunta e Federación Galega de Municipios e Provincias avancen nas negociacións abertas para mellorar o financiamento que reciben os concellos para facer fronte ao custo do Servizo de Axuda no Fogar, unha prestación de competencia municipal. Ademais, incidiu na solicitude para que o Goberno central cumpra a Lei de dependencia e financie o 50 por cento do custo dos servizos, así como o abono dos 2.500 millóns de euros que nestes momentos debe a Galicia pola atención aos dependentes.

Raquel Arias referiuse, en primeiro lugar, ao último informe publicado pola Asociación estatal de directores e xerentes de servizos sociais, no que se recolle que Galicia é a comunidade que máis reduciu a lista de agarda da dependencia no primeiro semestre de 2025. “Mentres a lista de agarda se incrementa no conxunto de España un 6 por cento, en Galicia neste mesmo período redúcese nun 26 por cento, ao tempo que é a segunda comunidade cunha mellor porcentaxe de atención, xa que o 98 por cento das persoas valoradas están gozando dunha prestación ou servizo”, apuntou.

RECORTE DA APORTACIÓN ESTATAL PARA A DEPENDENCIA

“E todo isto a pesar de que o Goberno de Pedro Sánchez nos debe 2.500 millóns de euros da aplicación da Lei de dependencia, mentres ao País Vasco lle financia o 50 por cento establecido pola Lei”, sinalou a portavoz popular, quen anotou que “Galicia sufriu un recorte nas aportacións para os dependentes, pasando do 40 por cento en 2023 a menos do 35 por cento en 2024”.

Respecto do Servizo de Axuda no Fogar, Raquel Arias explicou que a Xunta “incrementa cada ano as prazas e os orzamentos dedicados a esta prestación e, en concreto, os orzamentos autonómicos para este servizo en 2025 acadaron os 140 millóns de euros, é dicir, un 8 por cento máis que o pasado ano”. Ademais, salientou que na actualidade son xa 25.000 as persoas atendidas, multiplicando por 8 as que recibían o servizo cando gobernaba o bipartito de socialistas e nacionalistas.

A portavoz popular subliñou o compromiso da Xunta coa prestación do servizo de axuda no fogar por parte dos concellos galegos, pasando de 9 a 12 euros a aportación por cada hora desta prestación. Un financiamento que neste momento está a ser negociado polos responsables da Xunta e a Fegamp, ante o que Raquel Arias criticou ao BNG por pretender “suplantar a capacidade negociadora dos concellos” coa súa moción debatida hoxe no Pleno do Parlamento galego.

O Grupo Popular critica que os socialistas falen de garantir cita en 48 horas en atención primaria esquecéndose de que o principal inconveniente é a falta de médicos de familia e pediatría

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, criticou hoxe no Pleno do Parlamento que “os socialistas galegos falen de garantir cita en 48 horas en atención primaria esquecéndose que o principal inconveniente é a falta de médicos, especialmente de familia e pediatría”. “Parten dun diagnóstico errado, evitando deliberadamente identificar as causas reais dos problemas e pretenden impoñer medidas que, alén de imposibles, son profundamente demagóxicas”, indicou.

Encarna Amigo sinalou que a proposición de lei defendida hoxe polos PSdeG no Pleno sobre a mellora na atención primaria “é o reflexo máis claro da súa desconexión coa realidade da sanidade galega, non só porque non achega solucións reais, senón porque repite, punto por punto, unha proposta que xa foi rexeitada hai tres anos”.

MÁIS RECURSOS E PROFESIONAIS

“A sanidade pública galega ten hoxe máis recursos e máis profesionais que nunca e conta cunha planificación e xestión que permite garantir unha asistencia de calidade en tempo e forma ao conxunto da poboación en calquera circunstancia”, asegurou a portavoz popular.

Respecto da proposición de lei do PSdeG para garantir cita en 48 horas en atención primaria, Encarna Amigo subliñou que “ningunha comunidade autónoma gobernada polo PSOE promoveu unha lei destas características, e tampouco o Goberno central aplica esta media en Ceuta e Melilla, cunha sanidade xestionada directamente pola Administración central”.

A portavoz popular incidiu que “o principal problema da sanidade galega e española á a falta de médicos, especialmente de medicina de familia e pediatría, un problema que afecta a todas as comunidades autónomas, gobernadas por quen sexa e que leva anos sen resposta por parte do Goberno de Pedro Sánchez”.

SETE ANOS, SEIS MINISTROS DE SANIDADE

“Levamos sete anos con seis ministros de sanidade socialistas e ningún deles foi quen de impulsar unha solución real ao déficit de profesionais”, lamentou a portavoz popular, quen destacou que “mentres tanto en Galicia a Xunta fai o que está na súa man: estabiliza persoal, crea prazas, mellora as condicións laborais e mantén a atención primaria operativa mesmo nas zonas de máis difícil cobertura”.

Froito destas medidas, Amigo afirmou que “a sanidade galega ten unha das taxas máis baixas de eventualidade e un dos maiores índices de estabilidade en atención primaria”, polo que manifestou que “non se pode falar de precariedade cando o 92 por cento dos médicos de familia son fixos”.

Para rematar, Encarna Amigo criticou que os socialistas galegos “esixan contratar máis médicos que non existen, cando, ademais, intentaron boicotear a lei de provisión de prazas de difícil cobertura que ten permitido que centros de saúde, sobre todo das zonas máis despoboadas, teñan hoxe profesionais”. Ademais, salientou que a Xunta acaba de aprobar unha OPE de 3.460 prazas, 2.000 máis das previstas, para aumentar a estabilidade e reforzar todos os ámbitos do Servizo Galego de Saúde.