O Grupo Popular avoga neste primeiro período de sesións do ano por “seguir traballando polos temas que realmente importan aos galegos e cumprir cos compromisos adquiridos nas urnas o pasado 18 de febreiro, e que continúan a ser o noso obxectivo político prioritario”.
Así o manifestou o portavoz parlamentario Alberto Pazos nunha rolda de prensa na que sinalou que en Galicia “comezamos o ano cos deberes ben feitos: cos Orzamentos máis altos da historia en vigor e sendo a comunidade que rexistra un maior crecemento do PIB per cápita nos últimos 15 anos”.
“Iniciamos coa satisfacción do deber cumprido, orgullosos de crecer por riba da media e cun Goberno capaz de cumprir coa palabra dada e que goberna pensando nos problemas e na política útil para a xente” explicou Alberto Pazos, contrapoñendo o estilo de gobernar en Galicia con estabilidade, rigor e xestión “fronte ao peor Goberno central da historia, cunha xestión caótica e irresponsable”.
GOBERNO GALEGO SERIO E SOLVENTE
“Seguiremos exercendo o respaldo apoio parlamentario que nos deron as urnas para apoiar un Goberno serio e solvente á altura do que demandan o conxunto dos galegos” indicou Alberto Pazos sinalando como prioridades políticas “a defensa dos nosos servizos públicos fundamentais, como son a educación, a sanidade ou as políticas sociais, apoio xa efectivo desde o primeiro momento polo investimento prevista nuns Orzamentos xa en vigor para este ano”.
A defensa das nosas competencias para que Galicia adquira o máximo nivel de autogoberno constitucionalmente posible foi outra das prioridades nomeadas polo portavoz popular para o presente período de sesións “na que insistiremos no traspaso inmediato dos medios para exercer a xestión do noso litoral ou das competencias en meteoroloxía, co fin de optimizar a efectividade das alertas e aproveitar os nosos recursos punteiros”.
A apertura a todos os investimentos industriais que queiran vir a Galicia, cumprindo sempre a normativa medioambiental, que ofrezan oportunidades aos galegos ou a promoción de Galicia a través da extensión dos beneficios fiscais polo Xacobeo 2027, foron outras das medidas nomeadas por Alberto Pazos.
O portavoz popular sinalou como obxectivos claros que “Galicia continúe pola senda dun crecemento sostible con compromiso e visión de futuro” e manifestou as súas dúbidas ao respecto de que “os partidos da oposición se incorporen a traballar en serio por Galicia e os galegos e vez de argallar cortinas de fume na procura exclusiva duns intereses electorais que cada vez lle son menos favorables”.
“E se xa somos pouco optimistas ao respecto da oposición, menos aínda no que se refire ao Goberno de España que prefire mirar ao pasado que afrontar as súas responsabilidades presentes e botar balóns fóra antes que asegurar infraestruturas precisas para hoxe e para o futuro de Galicia”.
APOIO AO POBO VENEZOLANO
Alberto Pazos finalizou a súa intervención amosando o apoio do PPdeG “ao pobo venezolano, que pide respecto ao que decidiron as urnas e que lle devolvan o país que lles roubaron” e fixo referencia á asistencia no día de onte dos deputados e deputadas do PPdeG ás concentracións en apoio á democracia, a liberdade e aos dereitos de Venezuela.
O portavoz parlamentario tamén amosou a súa “solidariedade coa situación incerta do activista e xornalista fillo de galegos, Carlos Correa, e esiximos ao Goberno central que mova ficha para lograr a súa liberdade e a dos presos que o son exclusivamente por non ser afíns ao réxime ditatorial que goberna na actualidade Venezuela”.