Pedro Puy.
«Os extremos tócanse». Tal pareceu que acontecía o pasado mércores na Comisión de Política Territorial do Congreso, no debate dunha proposición non de lei do BNG relativa ao traspaso de competencias á comunidade autónoma de Galicia. A mesma proposta, por certo, que xa fora rexeitada polo noso Parlamento ao contar só co apoio do grupo nacionalista. O argumento do BNG é que o país «perde poboación, actividade industrial, emprego e servizos públicos», e que semellante desastre só pode remediarse exercendo a soberanía en todos os ámbitos acadando, a ser posible «nun espazo de tempo relativamente próximo», un «novo estatus político de nación».
Non deixa de resultar paradóxico que quen considera que son os gobernos autonómicos dos últimos quince anos os responsables de semellante desastre poboacional, industrial, laboral e dos servizos públicos, deveza por traspasarlle a ese Goberno autonómico novas competencias. Porque de materializarse algunha das demandas implícitas na idea que ten o BNG sobre o «estatus de nación», como no caso da súa reivindicación dun sistema de financiamento como o vasco, con toda seguridade onde só eles ven hoxe un desastre todos poderíamos comprobar o que é unha verdadeira catástrofe. Consecuencias de primar o «estatus de nación» sobre, ou a costa, do benestar real da cidadanía de Galicia.
Na mesma sesión o voceiro de Vox non só se opuxo a realizar novos traspasos competenciais a Galicia, senón que manifestou que eles queren liquidar o Estado das autonomías e os poderes executivos e lexislativos autonómicos, porque defenden «un Estado ao servizo da unidade de España», e porque «o benestar da nosa patria» depende de que consigamos un «estado moderno no que non existan 17 ordenamentos xurídicos distintos». Así, en paradoxo parello e inverso ao anterior, quen máis vocea as «traizóns» á nación española do «criminal» Goberno de Sánchez é quen solicita que se lle devolvan a ese Goberno de Sánchez todas as competencias que teñen as comunidades. O benestar, agora dos españois, subordinado a súa idea da patria.
O Estado das autonomías, pese as súas eivas (que as ten), e ao igual que outros sistemas políticos de tipo federal, ten a vantaxe de que permite acercar os ámbitos competenciais aos niveis territoriais de forma que o gasto público pode á vez aproximarse ás preferencias e necesidades dos residentes de cada circunscripción aproveitando as economías de escada na provisión de bens e servizos públicos no territorio. E precisamente esa é a forza do Estado das autonomías, a de permitir combinar racionalmente as preferencias políticas dos residentes en cada territorio e a eficiencia do gasto. Nos sistemas federais o reparto competencial oriéntase á mellora do benestar; xusto ao contrario do que defenden uns e outros nacionalistas, que priman a acumulación de competencias nun nivel de Goberno aínda que sexa a costa do benestar das persoas. «Os extremos tócanse». A frase que o centro virtual Cervantes di que denota «exceso» pode non ser de aplicación literal a este caso. Pero os nacionalistas extremos e os extremos nacionalistas cando antepoñen o estatus político ao benestar das persoas, parécense moito. En exceso(s).