Pedro Puy
A metereoloxía pásalle un pouco o que á economía. Utilizan sofisticados métodos científicos, pero teñen unha escasa capacidade de predicir con precisión o que vai pasar. De aí o vello chiste de que a situación económica depende tanto dos economistas como o tempo dos meteorólogos, o que, para desgraza dos primeiros (responsables de máis dunha desfeita), é máis certo dos segundos. Pero se os meteorólogos nos advirten de que veñen choivas tomamos a precaución de sair da casa co paraugas, ese invento inspirado no parasol oriental que os ingleses popularizaron o pasado século ata convertilo, xunto co sombreiro de copa redonda, en complemento indispensable (“de calquera cor, sempre que sexa negro”) do gentleman británico.
Informaba á Voz este venres que o novo desafío climático de Galicia son as borrascas híbridas, unha mezcla dos temporais atlánticos de sempre e os ciclóns tropicais que agora se achegan á península desde o oeste. Xa transplantado o termo híbrido á guerra, non pasará moito ata que alguén o aplique á política. Porque ao igual que o paraugas, polo Atlántico chegáronnos os instrumentos electorais da democracia, coma os mitins (outro “préstamo” inglés) as carteleiras ou os debates, e mái tarde os podcasts, memes, e youtubers. Pero tamén nos chegan de máis alá do oceano, tanto dos nacional-populismos de dereitas coma dos neopopulismos de esquerdas, novas formas de campaña híbrida que se sitúan á marxe das convencións democráticas habituais.
Chegounos a polarización como irresponsable estratexia política maximizadora de votos, que conleva a imposibilidade de lograr os consensos que permiten abordar con solvencia os retos a longo prazo (desde as pensións á transición enerxética). Normalizouse a utilización partidista das institucións constitucionais que garanten os dereitos exercendo con independencia as súas funcións de control do goberno, como demostran as disputas sobre os membros de Tribunal Constitucional ou do Consello Xeral do Poder Xudicial, ou a aprobación sen límite polo Goberno de normas con rango de lei (os Reais-Decretos, mesmo algúns rexeitados previamente polo Pleno do Congreso), aproveitando que a súa Deputación Permanente non reflexa a proporcionalidade da representación no Pleno (como manda a Constitución). Sen aparente urxencia (cando menos en todos os casos), a Deputación Permanente votará, con esa maioría artificial, outros sete Reais Decretos en plena campaña electoral. E que dicir do vello truco de manipular as circunscripcións electorais para obter vantaxe electoral (o gerrymandering que Trump actualizou), que agroma entre nós en forma de nacionalizacións exprés nas que os nacionalizados elixen a circunscripción na que votar.
Conta ese gran anglófilo que é Peyró (en Pompa y Circunstancia) que o éxito dos paraugas fixo crecer unha industria que desenvolveu, a gusto do consumidor, toda caste de innovacións. O fabricante Brigg tivo que chegar a un acordo con Wilkinson, o das navallas, para fabricar paraugas-espada. Resulta que a maior parte deses artefactos foron exportados a España. Non é mala metáfora para orientar o voto nas próximas eleccións. Hai que escoller entre quen usa os paraugas para o que foron inventados, cubrirse da choiva, ou quen transforma o invento para convertilo nun coitelo co que ir rachando aos poucos as teas da nosa democracia.