Santiago, 14 de febreiro de 2018.- A deputada do Grupo Popular Julia Rodríguez demandou hoxe no Parlamento que a Xunta remate o Plan de mellora do Hospital comarcal de Monforte, para definir as súas necesidades e planificar a súa execución. Rodríguez salientou que “desde o ano 2012 lévanse investidos neste hospital comarcal máis de un millón de euros, tempo no que tamén se realizaron cerca de 10.500 actos asistenciais por facultativos do Hospital Lucus Augusti de Lugo evitando desprazamentos dos pacientes á capital lucense”.
Pardo considera que Lores xa non é capaz de diferenciar a Casa do Concello da sede do BNG
Pontevedra, 15 de febreiro 2018.- O presidente de Novas Xeracións de Galicia, Adrián Pardo, denunciou hoxe nunha rolda de prensa en Pontevedra que o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, xa “non é capaz de diferenciar a Casa do Concello da sede do BNG”.
O PPdeG reitera a necesidade de que a Xunta delimite a zona con máis posibilidade de supoñer risco de exposición crónica ao lindano en Porriño e Mos
Santiago, 14 de febreiro de 2018.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, reiterou hoxe no Parlamento que a Xunta delimite a zona con máis posibilidades de supoñer un risco de exposición crónica ao lindano á poboación residente de Porriño e Mos, realizar unha avaliación deste risco coas analíticas ou probas que a evidencia científica considere indicadas nestes casos, e ofertar un seguimento da evolución dos mesmos no tempo ata a súa normalización.
O Parlamento insta á Xunta a promover a instalación de cambiadores de bebé en localizacións unisex para o seu uso tanto por parte dos pais como das nais
Santiago, 14 de febreiro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a promover a instalación nos edificios públicos da súa competencia de cambiadores de bebé en localizacións unisex, co fin de que podan utilizarse tanto por parte dos pais como das nais.
O Parlamento insta á xunta a iniciar os traballos para a elaboración dunha nova Lei de xogo de Galicia
Santiago, 14 de febreiro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a iniciar os traballos para a elaboración dunha nova Lei de xogo que substitúa a normativa en vigor e actualice os seus preceptos recollendo as necesidades da sociedade dos nosos días, mantendo os imprescindibles controis que corresponden á Administración e na procura da consecución dunha conciencia xeral do que se entende como xogo responsable.
O GPP traslada a UXT-GALICIA as súas condolencias polo pasamento do seu ex secretario xeral Jesús Mosquera
Santiago, 14 de febreiro de 2018.- O Grupo Popular trasladou hoxe, a través do seu portavoz, Pedro Puy, as condolencias aos responsables de UXT en Galicia polo pasamento do que fora o seu secretario xeral Jesús Mosquera.
O PPdeG defenderá no pleno que a Xunta inclúa a construción modular de vivendas no seu programa de promoción pública
Santiago, 13 de febreiro de 2018.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a incluír a construción modular de vivendas dentro do seu programa de vivenda de promoción pública. Así mesmo, pedirá ao Goberno galego que presente neste primeiro cuadrimestre de 2018 o balance de execución do III Plan director da cooperación galega 2014-2017 e elabore o IV plan para os anos 2018-2021.
Fiscalizar o reparto das axudas das deputacións aos concellos, entre as recomendacións ao Plan de traballo do Consello de Contas que se debaterán no próximo Pleno
Santiago, 12 de febreiro de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou hoxe a previsión de que no Pleno da vindeira semana se aproben as recomendacións ao Plan de Traballo do Consello de Contas para 2018, entre as que figura a solicitude para que fiscalice os criterios que seguen as deputacións provinciais para o reparto dos recursos dos plans provinciais entre os concellos, así como a eficiencia do gasto e o seu peso relativo nos orzamentos.
O PPdeG celebrará unha xornada de traballo con dirixentes municipais para avanzar na política de proximidade de cara ás municipais
Santiago, 9 de febreiro de 2018.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, anunciou que a vindeira semana o PPdeG celebrará a xornada de traballo “Facendo Galicia desde os concellos” á que estarán convidados alcaldes e concelleiros de toda a Comunidade e que avanzará na política de proximidade coa vista posta nos comicios municipais de 2019. Alí todos escoitarán como compañeiros do partido comparten experiencias de éxito no eido local, de vitorias, pero tamén sobre como facer un traballo duro e moitas veces ingrato que é o de estar na oposición.
A xornada, que será clausurada polo presidente Alberto Núñez Feijóo, estará estruturada en varias mesas redondas, nas que se darán cita representantes das catro provincias, tanto das cidades como de vilas intermedias e pequenos concellos, e que se atopan hoxe no goberno e na oposición. “En definitiva, exemplos todos dunha forma de facer política moi nosa e moi característica deste partido: que é a política de proximidade e a que se atopa máis preocupada polos problemas dos veciños”, engadiu Tellado.
Os populares levan tempo realizando un intenso labor de cara ás vindeiras municipais, de fortalecemento interno das estruturas e de renovación a nivel local; así como unha axenda de formación que está alcanzando diversas facetas, como poden ser a da comunicación ou a da xestión. Da combinación de ambas xorde o evento que celebrarán o próximo 17 de febreiro en Santiago e que terá unha transcendencia que vai máis alá dunha das moitas reunións que manteñen os diferentes órganos do partido.
“Facemos isto porque cremos que ninguén mellor que moitos dos nosos alcaldes, portavoces e concelleiros pode dar claves de como se xestiona o día a día dun concello, de como se gaña a confianza dos veciños, de como se reforza unha maioría absoluta, de como se pode gañar arrancando desde a oposición e de como se pode facer unha oposición moi digna despois de gañar as eleccións e de que os pactos de perdedores eviten que gobernemos”, remarcou o secretario xeral.
Así mesmo, subliñou que no Partido Popular de Galicia teñen a grandísima sorte de que en cada recuncho de Galicia hai alguén cunha experiencia que contar e alguén de quen se pode aprender. “E con este acto estamos dispostos deixar claro que o aproveitamos”, dixo.
Tellado tamén salientou que son a única formación da Comunidade que se pode permitir facer un evento coma este xa que “somos os únicos que temos máis de 150 alcaldes, que temos máis de 1.800 concelleiros, que estamos en todos e cada un dos concellos galegos, que podemos reunir a varios centos de cargos e acabar sen discusións, sen conspiracións ou sen división; e que podemos dicir o mesmo en Ferrol, en Mos, en Mondoñedo ou en Oímbra, incluso respectando as particularidades de cada lugar”. “Ese é o gran valor do Partido Popular de Galicia, os milleiros de persoas que o conforman e que cren nun proxecto centrado, rigoroso e de futuro para esta terra”, concluíu.
O GPP reitera o compromiso co Ateneo de Ourense para cederlle un espazo no edificio da rúa Concello, 11
Santiago, 8 de febreiro de 2018.- O deputado do Grupo Popular Carlos Gómez Salgado reiterou hoxe no Parlamento o compromiso co Ateneo de Ourense para cederlle un espazo no edificio da rúa Concello número 11 da cidade ourensá. Porén, evitou poñer prazos a esta cesión porque “a Xunta non sabe cando vai recibir a nova biblioteca no edificio de San Francisco nin tampouco se a Administración central vai ceder o edificio da rúa do Concello número 11, paso previo para calquera plantexamento de uso deste inmoble”.