Santiago, 1 de febreiro de 2018.- O Parlamento galego aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a consensuar coa Fegamp o alcance do Plan Básico Autonómico e aprobalo coa maior celeridade posible de xeito que permita aos concellos que aínda non teñen planeamento urbanístico aprobado redactar o seu plan básico municipal.
O PPdeG apoia demandar ao Goberno central a equiparación das tarifas no transporte ferroviario en Galicia
Santiago, 1 de febreiro de 2018.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Parlamento galego dunha proposición non de lei a través da que se esixe ao Goberno central unha equiparación das políticas e modalidades tarifarias no transporte ferroviario en todo o territorio galego, así como unha ampliación das frecuencias horarias desde Ourense para mellorar a comunicación con Compostela e A Coruña.
O GPP reitera o compromiso da Xunta para colaborar co Concello de Corcubión na adaptación do seu plan especial á lexislación vixente
Santiago, 1 de febreiro de 2018.- O portavoz de Ordenación do Territorio do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, reiterou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia para colaborar co Concello de Corcubión adopte o seu plan especial á lexislación vixente.
Aurelio Núñez critica a incongruencia do BNG ao apoiar no Parlamento unha iniciativa sobre mellora da seguridade na praia de Razo que rexeitou no Concello de Carballo
Santiago, 1 de febreiro de 2018.- O deputado do Grupo Popular Aurelio Núñez criticou hoxe no Parlamento a incongruencia do BNG ao apoiar no Parlamento unha proposición non de lei a través da que se pide que a Demarcación de Costas do Estado adopte medidas urxentes de consolidación de noiros no viario Santa Mariña que bordea a praia de Razo, cando o grupo municipal nacionalista rexeitou no Concello de Carballo unha iniciativa idéntica nun Pleno celebrado no mes de xuño de 2016.
O Parlamento pide ao Consello de Contas que fiscalice os criterios de reparto dos recursos das deputacións entre os concellos
Santiago, 31 de xaneiro de 2018.- A deputada do Grupo Popular Cristina Romero defendeu hoxe no Parlamento “o traballo feito polo Consello de Contas de Galicia, a súa imparcialidade e independencia”, fronte ás propostas dos grupos da oposición que pretenden determinar “que entidades, planes, programas, contratos ou fondos ten que fiscalizar” este organismo. De cara ao futuro, aprobouse que o Consello de Contas fiscalice os criterios de reparto dos recursos que as deputacións provinciais reparten entre os concellos a través dos plans provinciais.
Adrián Pardo: “Fronte aqueles que fan da Educación un foco de adoutrinamento, nós facemos un motor de progreso”
Santiago, 31 de xaneiro de 2018.- O presidente do Novas Xeracións de Galicia, Adrián Pardo, asegurou esta mañá que, “fronte aqueles que cando gobernan fan da Educación un foco de conflito ou de adoutrinamento, nós facemos un motor de progreso”.
O GPP defenderá no pleno o mantemento da figura da prisión permanente revisable
Santiago, 30 de xaneiro de 2018.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se solicita o apoio do Parlamento galego á figura da prisión permanente revisable e que os grupos parlamentarios do Congreso reconsideren a súa postura sobre a derrogación desta figura penal. Así mesmo, pedirase ao Goberno central que os residentes en países que non pertenzan á Unión Europea tamén tributen no caso de herdanzas ou doazóns de acordo coa normativa da comunidade autónoma e non a estatal.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria da vindeira semana debaterá a toma en consideración do proxecto de Lei de reforma da Lei de Saúde de Galicia, “un texto lexislativo que é
unha mostra máis do compromiso do Goberno galego para manter e mellorar o sistema público de saúde”.
Puy explicou que este proxecto de lei “entrou no Parlamento o pasado 14 de decembro e está a seguir os trámites ordinarios” dos textos lexislativos. Ademais, apuntou que “trata de racionalizar a organización territorial da sanidade, establecendo un mapa sanitario que blinda os hospitais comarcais, que pasan a ser distritos propios”.
“Esta lei consolida un modelo sanitario que xa beneficiou a 260.000 galegos que, gracias á atención no seu hospital comarcal por especialistas dos grandes hospitais aforraron o desprazamento ás cidades”, destacou. Porén, lamentou que “calquera decisión que se adopta no ámbito da sanidade galega, das mellor valoradas en España, vese suxeita a críticas que despois non se confirman na realidade, desde pagar pola sanidade ata pechar uns hospitais comarcais nos que o Goberno galego está a facer importantes investimentos para a súa ampliación e mellora”.
COMPARECENCIA SOBRE O PLAN GALICIA INNOVA 2020
O Pleno continuará coa comparecencia do conselleiro de Economía e Industria para informar do Plan Galicia Innova 2020, “un novo modelo de colaboración coas empresas de Galicia para avanzar na especialización, na investigación e no liderado empresarial introducindo novas tecnoloxías para o desenvolvemento do noso tecido empresarial”.
Respecto das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular, Pedro Puy incidiu na que solicitará o apoio á figura da prisión permanente revisable, incluída en diversos ordenamentos xurídicos democráticos e avaliada polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. “Trátase de previr a presenza na sociedade de persoas que non están debidamente rehabilitadas nin adaptadas para deixar de cometer crimes especialmente atroces”, puntualizou.
En segundo lugar, o Grupo Popular defenderá que o Goberno central aplique nos casos de herdanzas ou doazóns de residentes en países que non pertencen á Unión Europea o mesmo criterio que para os casos de residentes da UE, tributando o imposto de sucesións e doazóns de acordo coa normativa da comunidade autónoma e non do Estado.
Pedro Puy tamén deu conta das preguntas que o Grupo Popular realizará ao Goberno galego na sesión plenaria. En primeiro lugar, cuestionará sobre o balance da viaxe que hoxe inicia o Presidente da Xunta a Israel; pero tamén sobre as axudas aos proxectos de transformación de produtos agrarios concedidas nos últimos anos; e sobre o fomento e a dinamización da lectura en Galicia.
SUPRESIÓN DE PEAXES
Cuestionado sobre os peaxes na autoestrada AP-9, Puy criticou que os socialistas “digan que hai caos cando aprobaron que Galicia pagara unha peaxe entre Vigo e Morrazo que correspondía ao Estado, deixando fóra da liberación desa peaxe ao tramo entre Vigo e Redondela”. “A solución adoptada para a supresión da peaxe de Redondela vén paliar a existencia dun caos e dunha cuestión absurda que ninguén explicou no seu momento”, dixo.
“Galicia e a Xunta teñen conseguido suprimir unha peaxe que era irracional e aforrarse os cartos que estábamos pagando pola supresión da peaxe entre Vigo e O Morrazo”, subliñou o portavoz popular, polo que considerou que “algo se vai mellorando”.
O GPP salienta o investimento de máis de 90 millóns de euros en Ourense no primeiro ano de Lexislatura
Santiago, 29 de xaneiro de 2018.- Os deputados do Grupo Popular celebraron hoxe a súa tradicional reunión dos luns na cidade de Ourense, onde fixeron un balance das actuacións realizadas polo Goberno galego neste primeiro ano de lexislatura e que superan os 90 millóns de euros.
Feijóo: “Galicia está disposta a liderar o Pacto Educativo que España necesita”
O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asegurou esta mañá que “Galicia está disposta a liderar o Pacto Educativo que España necesita”, salientando que “o Pacto de Estado Social e Político pola Educación é a maior oportunidade educativa nestes 40 anos”.
O PPdeG celebra que o PSdeG-PSOE pida xa uns Presupostos do Estado para o 2018 que inclúan a equiparación salarial dos corpos policiais
Santiago, 26 de xaneiro de 2018.- O PPdeG celebra que o PSdeG-PSOE pide xa uns Presupostos do Estado para o 2018 que inclúan a equiparación salarial do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil con outros corpos policiais. Neste sentido o Parlamento aprobou hoxe unha iniciativa socialista que incorporou unha emenda do PPdeG na que se solicita que os acordos do Ministerio do Interior coa Mesa técnica de negociación se reflexen nos Presupostos Xerais do Estado para o ano 2018.