O Parlamento de Galicia pide que as confrarías de pescadores sexan consideradas como organizacións de produtores pesqueiros para que poidan ter acceso a fondos públicos

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central que impulse os cambios lexislativos necesarios para recoñecer ás confrarías de pescadores como organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e, deste xeito, acabar coas diferenzas entre elas no acceso a fondos públicos. Así mesmo, pídese que defenda diante das institucións europeas o papel das confrarías de pescadores para que sexan recoñecidas polo seu papel imprescindible na Política Pesqueira Común (PPC) e na Organización Común de Mercados (OCM).

A deputada popular Dolores Hermelo salientou que “as confrarías existen e vertebran toda a costa española, aunando a maioría do tecido social e económico de moitos pobos pesqueiros”. En concreto, sinalou que existen arredor de 200 confrarías ao longo da costa española con máis de 30.000 asociados.

DESCOÑECEMENTO DAS CONFRARÍAS

Porén, lamentou que “Europa non sabe como é a nosa frota e, por suposto, descoñece frontalmente as confrarías, sendo estas as organizacións máis representativas do asociacionismo no noso sector pesqueiro”. “Pese a existir antes que a política pesqueira común e da organización común de mercados, as nosas confrarías son inexistentes para Europa, que aposta claramente polas organizacións de produtores pesqueiros”, apuntou.

Dolores Hermelo indicou que “este feito fai que as nosas confrarías non podan estar ao mesmo nivel que estas organizacións de produtores pesqueiros dentro dos obxectivos da política pesqueira común, a pesar de que no sentido práctico compren os mesmos obxectivos”.

Así mesmo, a deputada popular considerou “sorprendente que o Goberno de Pedro Sánchez se esquecera no Real-Decreto 664/2023, que regula as actividades do asociacionismo do sector pesqueiro, das confrarías de pescadores”, polo que demandou que “debe solucionar este problema modificando a súa lexislación e pedindo a Europa que asimilen as confrarías como organizacións de produtores pesqueiros, de xeito que poidan acceder aos fondos públicos para estas organizacións”.

 

O Parlamento galego pide ao Goberno central que teña en conta as alegacións presentadas aos recortes para as pesquerías de abadexo e da raia

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central que teña en conta as alegacións presentadas ante as resolucións da Secretaría Xeral de Pesca sobre os recortes para as pesquerías do abadexo e da raia.

O portavoz popular do Mar, Miguel Fidalgo, lembrou que “as propias confrarías tacharon de burla ao sector a postura do Ministerio sobre as capturas de abadexo e raia, froito das nefastas negociacións do Goberno de España no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea, nas que sempre priman as políticas ambientais sobre a subsistencia das comunidades pesqueiras”.

Neste sentido, sinalou que “se tiveran en conta a nosa proposta a frota galega non estaría nos apuros nos que se atopa a conta da exigua cota que se fixou para o abadexo este ano e o que ven en augas ibéricas: 70 toneladas, que se quedaron en 55,6 ao descontar as 14 toneladas que se pescaron de máis en 2023”.

Fidalgo lembrou que “desde o Partido Popular consideramos que o abadexo non debería estar sometido ao réxime de totais admisibles de captura e cotas, como tampouco o linguado, a maruca, o merlán ou a solla”.

COTA DA RAIA

Respecto da pesquería da raia, o portavoz popular explicou que as alegacións parten da cota inicial de 1.724 toneladas para as zonas 8 e 9 da augas da Unión Europea, 17 toneladas máis que na campaña pasada, pero cunha reserva do 2 por cento para evitar posibles rebasamentos ou para utilizala en intercambios con outros estados membros.

“Consideramos que reservar un 2 por cento nunha especie que xa ten unha cota inicial moi limitada, uns topes de captura reducidos e incluso unha cota de captura en modo accesorio para a raia mosaico non resulta axeitado nin proporcional, especialmente se a pretensión é utilizala para intercambios”, indicou Miguel Fidalgo.

 

O Grupo Popular pedirá no Pleno ao Goberno central que convoque de inmediato a mesa de seguimento sobre a viabilidade de Alcoa e a transferencia dos servizos de meteoroloxía

O Grupo Popular levará ao Pleno do Parlamento galego da vindeira semana as solicitudes ao Goberno central para que convoque, de xeito urxente e inmediato, a mesa de seguimento do pacto de viabilidade da factoría de Alcoa en San Cibrao, así como que transfira a Galicia a competencia dos servizos de meteoroloxía e estudos oceanográficos.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou que a sesión plenaria dará comezo coas comparecencias, a petición propia, das conselleiras de Medio Ambiente e Cambio Climático, expoñer os proxectos e programas a desenvolver desde o seu departamento a curto, medio e longo prazo; e do Medio Rural, para dar conta dos resultados do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, unha vez rematada a tempada de alto risco de lumes de 2024.

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará diversas actuacións do Goberno central para garantir a continuidade da factoría de Alcoa na Mariña lucense. En concreto, solicitará a convocatoria inmediata da mesa de seguimento do pacto de viabilidade desta empresa, coa participación ao máis alto nivel dos titulares dos ministerios de Industria e Turismo e de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico; unha consignación de 74 millóns de euros correspondentes ao mecanismo de compensación de custes de emisións indirectas de CO2, que non percibiu esta empresa entre os anos 2018 e 2021; a autorización dos parques eólicos de competencia estatal vencellados a contratos a longo prazo para a produción de enerxía a prezos competitivos que prevén subministrar á factoría mariñá; e a articulación dunha liña de axudas públicas e apoios extraordinarios que garantan o investimento para a modernización da planta, no mesmo sentido que as que recibiron outras empresas tamén declaradas estratéxicas polo Estado.

INCAPACIDADE DO GOBERNO CENTRAL

Alberto Pazos lamentou que “o Goberno de Pedro Sánchez está a demostrar a súa incapacidade para poñer enriba da mesa un marco enerxético estable e competitivo que garanta o futuro de Alcoa na Mariña lucense, ao que se engadiu recentemente que esta factoría non poderá optar nesta anualidade a recibir ás axudas do mecanismo de compensación de custes de emisións indirectas de CO2, nin beneficiarse dos recursos procedentes dos fondos europeos vinculados ao Perte para a descarbonización”.

Pola contra, salientou “o compromiso da Xunta con esta empresa” e mostra disto lembrou a reunión mantida polo Presidente da Xunta co Comité de Empresa, na que lle trasladou a absoluta disposición a acudir a unha reunión en Madrid ao máis alto nivel con representantes do Goberno central. “Este compromiso do Goberno galego tamén se pon de manifesto no cumprimento dos seus deberes tanto coa tramitación dos parques eólicos dependentes da Administración galega como da ampliación da balsa de lodos vermellos”.

INFORMACIÓN PRECISA SOBRE METEOROLOXÍA

A segunda das proposicións non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo solicitar ao Goberno do Estado a transferencia da competencia dos servizos de meteoroloxía e estudos oceanográficos, iniciando os trámites para establecer un marco normativo propio. Alberto Pazos sinalou que “os últimos acontecemos ocorridos en Valencia e outras comunidades autónomas por fenómenos meteorolóxicos adversos, así como os acaecidos en Galicia na última alerta activada, poñen de manifesto a importancia de ter información precisa sobre os cambios meteorolóxicos, así como a potestade de poder activar alarmas, baseándose na proximidade dos servizos e a precisión aportada pola experiencia”.

Neste sentido, o portavoz popular explicou que o artigo 149.1.20 da Constitución Española establece como competencia exclusiva do Estado o servizo meteorolóxico, circunstancia que non debería ser inconveniente para que Galicia reciba a súa transferencia, xa que existe unha previsión no Estatuto de Autonomía de Galicia no artigo 27 núm. 32 que fai referencia “as restantes materias que con este carácter e mediante lei orgánica sexan transferidos polo Estado”.

“Consideramos que se o Goberno central ten verdadeira intención para traspasar a Galicia esta competencia existe un marco legal para poder facelo, aínda que, despois da experiencia que estamos a sufrir co traspaso das competencias e dos medios humanos e materiais para que Galicia asuma as súas competencias sobre o seu litoral, non somos moi optimistas para que, finalmente, as competencias en materia de meteoroloxía recaian na Administración galega”, manifestou.

Por último, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre as repercusións que terá na sanidade galega a posible transferencia de usuarios de MUFACE ao sistema sanitario público; as novidades que a Xunta introduciu no Plan Especial de Protección Civil ante o risco de inundacións de Galicia como consecuencia da recente actualización levada a cabo; e sobre o incumprimento dos compromisos do Goberno de Pedro Sánchez respecto de aplicar de forma inmediata os descontos comprometidos nas autoestradas estatais en Galicia, logo de que nas últimas semanas se publicaron diversas informacións sobre subas nas peaxes para 2025.

 

O PPdeG considera que o novo pronunciamento de Europa sobre Altri deixa en evidencia ao BNG e á esquerda: “Seis veces preguntaron e seis veces dixéronlles que non hai incumprimento”

Os eurodeputados do Partido Popular de Galicia, Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, celebran o novo pronunciamento da Comisión Europea sobre o a futura biofábrica de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei no que, tras un novo intento por parte do BNG de “obstruír o proxecto”, o órgano comunitario lembra que este “aínda está a ser obxecto dunha avaliación” e reafirma así a súa confianza no traballo realizado pola Xunta.

É a sexta vez que a Comisión Europea se pronuncia sobre o proxecto de Altri. Nesta ocasión, a eurodeputada do BNG preguntaba se se examinaran os documentos presentados polos colectivos afectados en abril deste ano. A Comisión Europea, pola súa banda, confirma que revisou a información dispoñible –tanto os mencionados documentos como os publicados pola Xunta de Galicia– e reitera que non recibiu probas que apunten a un incumprimento da lexislación da UE.

O eurodeputado Francisco Millán Mon subliña que este novo pronunciamento da Comisión pon en evidencia a “insistencia irrazonable” do BNG e da esquerda: “Seis veces preguntaron á Comisión e seis veces respondéronlles que non hai incumprimento. A Comisión non pode ser máis clara”.

“Desde o Partido Popular sempre defendemos que o proxecto de Altri pode ser un bo medio de creación de emprego e innovación industrial, pero é esencial que se cumpran os requisitos legais e ambientais. Por iso, a tramitación do proxecto está a ser absolutamente garantista”, argumenta o eurodeputado popular. “Hai que deixar traballar aos técnicos e aos expertos, que están a levar a cabo a súa tarefa de análise e avaliación do proxecto con todo rigor”, pide Millán Mon.

Pola súa banda, Adrián Vázquez insiste en que “en Europa teñen claro que a obsesión do BNG con Altri non ten nada que ver coa ecoloxía, senón que se trata dunha maneira pouco sofisticada de tentar desgastar a un Goberno que funciona”.

Nesa mesma liña, Vázquez celebra que Europa avale por sexta vez que “as cousas se fan ben e que sexa a Xunta, quen mellor vela polos intereses de Galicia, a que decida sobre un proxecto tan importante como este”.

“A Administración autonómica conta con magníficos profesionais. Deixemos que faga o seu traballo e deixemos de presentar peticións á Comisión que só danan a imaxe de Galicia en Europa”, conclúe.

 

O PPdeG defende que combater a violencia de xénero “non é cousa de cores” e fai un chamamento á acción colectiva para protexer as vítimas

O Partido Popular de Galicia defendeu hoxe que a violencia de xénero “non é cousa de cores” e por iso fixo un chamamento á acción colectiva para rexeitar “con contundencia e rotundidade” todo tipo de violencia contra as mulleres e traballar conxuntamente por apoiar e protexer ás vítimas deste “problema público de primeira magnitude”.

Así o manifestou esta mañá a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, no acto organizado polo seu partido en Santiago de Compostela para conmemorar o Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, e que contou cun cento de asistentes. Un acto no que invitou aos asistentes a reflexionar, sensibilizarse e rexeitar sobre o que definiu como “unha lacra social que aínda estamos moi lonxe de eliminar”.

“Nunca nos imos resignar nin nos daremos por satisfeitos ata acadar a única cifra que vale: cero. Mentres non teñamos esa cifra, teremos que seguir traballando día a día porque nada do que fagamos será suficiente”, afirmou recordando ás catro vítimas mortais deste ano en Galicia e ás outras 36 mulleres que no que vai de ano foron asasinadas en toda España.

Reivindicando o compromiso do PPdeG coa eliminación da violencia de xénero, Prado destacou que o Goberno presidido por Alfonso Rueda loita contra ela “con feitos e non só con slogans, con recursos e non só con promesas” e puxo como exemplo o cumprimento da promesa electoral de aprobar unha lei específica e integral contra a violencia dixital.

“Cumprimos a palabra dada e esa lei será unha realidade o próximo ano, converténdonos na primeira comunidade en lexislar sobre as novas formas de violencia contra as mulleres que se estenden a través de Internet”, explicou.

A secretaria xeral lamentou que, pola contra, “algúns sigan empeñados en facer disto unha cuestión partidista e en patrimonializar unha loita que é de todos”; citando especificamente a un BNG que “segue sen pedir perdón por ter apoiado a chapuza lexislativa que beneficiou a máis de 1.400 agresores sexuais” e a un PSOE “centrado en manter a Sánchez na Moncloa a costa dunha parálise que está a prexudicar ás vítimas de violencia de xénero”.

Dita parálise, engadiu, é a que provoca que a Unidade de Policía Adscrita non conte con suficientes axentes para protexer ás vítimas ou que siga sen haber un xulgado específico de violencia de xénero en cada unha das cidades galegas. Así mesmo, criticou a falta de cumprimento e de renovación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero ou que o sistema VioGen “non estea a resultar todo o efectivo que debería ser”.

Referíndose aos feitos que levaron á recente dimisión de Íñigo Errejón, a número dous dos populares galegos mostrouse especialmente crítica con Sumar –que este 25-N “cargará coa responsabilidade de ter protexido a un condenado por agresión sexual e coa culpabilidade de ter silenciado ás súas vítimas”– e con Yolanda Díaz, á que acusou de “saber, tapar, consentir e encubrir un secreto a voces polo que aínda non asumiu ningún tipo de responsabilidade”.

Por último, lembrou que o pasado 18 de febreiro, nas eleccións autonómicas, “as mulleres votaron de forma maioritaria ao Partido Popular de Galicia”.

FABIOLA GARCÍA: “A IGUALDADE É UNHA NECESIDADE DE XUSTIZA SOCIAL”

Pola súa banda, a responsable de Política Social e Igualdade no Goberno galego tamén quixo reivindicar que “a igualdade non é cuestión de ideoloxía, senón que é unha cuestión de xustiza social e unha necesidade que se acada con esforzo, con políticas concretas e con traballo diario”.

“Isto non vai de cores, vai de investir cada ano máis e de deseñar políticas que beneficien ás mulleres e permitan o avance da nosa sociedade”, incidiu poñendo en valor o incremento dun 10% en 2025 dos orzamentos autonómicos na loita contra a violencia de xénero e a promoción igualdade ata superar os 56 millóns de euros.

Fabiola García defendeu que Galicia é “un referente a nivel estatal” neste eido ao ter sido a primeira comunidade en ofrecer recursos económicos propios para axudar ás vítimas, en poñer en marcha a quenda de agarda, en ofrecer vivendas tuteladas e unha das primeiras en recoñecer a violencia dixital como unha forma de violencia de xénero.

Así mesmo, quixo aproveitar o acto para dar as grazas a todas as mulleres, como as 28 alcaldesas e 700 concelleiras do PPdeG, que traballan día a día nos concellos, “porta de entrada aos servizos sociais e lugar de apoio e comprensión”, e que son mulleres “valentes, comprometidas co traballo e garantes de que Galicia sexa un lugar seguro e un lugar cada vez mellor no que vivir”.

A VIOLENCIA DIXITAL E AS AGRESIÓNS SEXUAIS NON SON COUSA DE CORES

O acto organizado polo PPdeG albergou ademais dúas mesas redondas centradas na violencia dixital e no drama das agresións sexuais, moderadas respectivamente pola vicesecretaria de Igualdade do partido, Raquel Touriño, e polo responsable de Loita contra a Violencia de Xénero no Goberno galego, Roberto Barba.

Na primeira delas participaron o deputado autonómico Raúl Santamaría, a comunicadora Belén Xestal e a especialista en educación Ana Alzate, que debateron sobre a violencia dixital contra as mulleres, como é o control telefónico ou das redes sociais, entre moitos outros, e confrontaron as diferentes perspectivas desta problemática baixo os prismas da mocidade, da industria audiovisual e do ámbito socioeducativo.

Posteriormente, as concelleiras populares Susana CatalánPaz Pérez e Sabela Fole compartiron as súas experiencias coas vítimas de agresión sexual a través do seus respectivos traballos como policía local, como xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller en Pontevedra, e como avogada especialista en familia.

 

O Grupo Popular salienta que Galicia xa abonou o 82% das axudas solicitadas para o fomento do autoconsumo enerxético de Galicia

O deputado do Grupo Popular Miguel Fidalgo salientou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta xa abonou o 82 por cento das axudas solicitadas para o fomento do autoconsumo enerxético en Galicia, xestionadas a través do Instituto Enerxético de Galicia.

Miguel Fidalgo sinalou que “a incorporación do autoconsumo con fontes de enerxía renovables é moi positiva por múltiples factores: é bo para a consecución dos obxectivos de implantación das enerxías renovables, é bo a redución de emisións, e é bo porque tamén axuda á creación de emprego, a mellorar a competitividade da nosa economía e tamén supón un apoio ao terceiro sector, entre outros beneficios”.

Na súa intervención, lembrou que “o contexto enerxético existente no momento da apertura da convocatoria deu lugar a que o número de solicitudes superaran amplamente os fondos dispoñibles inicialmente, polo que moitos proxectos non puideron recibir inicialmente a axuda solicitada”. Diante desta situación, a Xunta foi solicitando ampliacións de orzamento para poder subvencionar todos os proxectos presentados na convocatoria, incrementando un 338 por cento o orzamento inicial, ao pasar de 11,5 a 38,9 millóns de euros.

“Con estes fondos a Xunta vai poder atender todas as solicitudes presentadas, situando neste momento a Galicia como a comunidade coa porcentaxe máis alta de España en expedientes pagados: o 82 por cento xa están abonados, segundo os datos do propio Ministerio”, rematou.

 

O PPdeG animará aos concellos a sumarse ao Pacto pola lingua e así “construír un acordo social para trazar o mellor futuro para o galego”

O Partido Popular de Galicia presentará a través dos seus grupos municipais unha moción para que os concellos se animen a formar parte do Pacto pola lingua e que así “as entidades máis próximas á cidadanía poidan contribuír a construír un acordo social que permita trazar o mellor futuro para o gran tesouro que é a lingua galega”.

Así o anunciou esta tarde a secretaria xeral Paula Prado durante a reunión da Comisión de Cultura do partido celebrada en Padrón e que se enmarca nun “momento clave para o galego” como é a negociación do Pacto pola lingua que lidera a Xunta de Galicia.

“O PPdeG comparte o compromiso da inmensa maioría dos galegos co futuro da nosa lingua e por iso, para nós e para o resto de partidos políticos, o momento de comprometerse é agora”, asegurou incidindo en que nesta negociación “todos temos que ceder e non só o Goberno galego”.

A número dos populares galegos lamentou que haxa partidos aos que “só lles interesa a lingua como elemento de confrontación” e afeoulle a estes a súa negativa a “atopar puntos de unión”. Porque, na súa opinión, “as bandeiras independentistas, a politización e a apropiación non axudan en nada nesta cuestión”.

Fronte a isto, concluíu Paula Prado, o PPdeG ten clara a súa senda. Unha senda compartida pola maioría dos galegos e que non é outra que “apoiar o galego, coma sempre, no marco do bilingüismo cordial que nos trouxo ata aquí e sen poñer ningunha lingua por enriba da outra”.

LÓPEZ CAMPOS: “A LINGUA GALEGA É UN ELEMENTO DE UNIÓN”

A reunión desta tarde foi a primeira na que participou a nova coordinadora de Cultura do PPdeG, María Baleato, e nela subliñouse que o partido “ten moito que dicir” no marco das actuais negociacións do Pacto pola lingua.

“Somos un partido galeguista que concibe a nosa lingua como un elemento de unión para todos os galegos e galegas e como un patrimonio compartido que temos a responsabilidade de legar ás xeracións vindeiras”, apuntou o responsable de Cultura e Xuventude no Goberno galego.

José López Campos fixo un chamamento a “apartar o foco político do uso social da lingua e seguir facendo do galego un idioma amable, que a xente poida utilizar con normalidade, sen imposicións e co convencemento de que é un gran tesouro que forma parte do noso patrimonio e que debemos conservar e transmitir”.

 

O PPdeG elixe o lema ‘Non é cousa de cores’ para conmemorar o Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres

O Partido Popular de Galicia elixe o lema Non é cousa de cores para conmemorar o Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres o próximo 25 de novembro, poñendo o foco así na responsabilidade colectiva de loitar contra esta lacra.

“Esta cuestión non vai de gaivotas, de bandeiras estreladas ou puños e rosas; nin de azul, vermello ou amarelo”, afirmou esta mañá a secretaria xeral do partido, Paula Prado, nunha rolda de prensa na que incidiu en que a violencia de xénero “é un problema público e social de primeira magnitude” e que, polo tanto, “todos os poderes públicos temos o deber de adoptar as medidas necesarias para facer reais e efectivas os dereitos das mulleres”.

A número dous dos populares galegos explicou nesta liña que a elección do lema co que o seu partido quere “incitar á reflexión e á sensibilización sobre a violencia contra as mulleres” responde a que a loita pola eliminación de todo este tipo de violencias “é cousa de todos e non cuestión de cores”.

Aínda así, Paula Prado quixo poñer de manifesto que “o Goberno central ten moito que mellorar nesta materia” e apuntou á necesidade de renovar o Pacto de Estado contra a violencia de xénero, revisar os erros do sistema VioGén á hora de valorar o risco das vítimas, promulgar unha lei estatal contra a trata de persoas ou “pedir perdón pola chapuza de lei que beneficiou a máis de 1.400 agresores sexuais”.

Puxo en valor, pola contra, o traballo constante e pioneiro do Goberno galego neste eido e que se demostra no anuncio realizado esta semana polo presidente Rueda de que Galicia contará o próximo ano coa primeira Lei de violencia dixital de España.

BALANCE DE LEXISLATURA

Paula Prado amosou tamén o seu orgullo de vivir en Galicia e de formar parte dun partido como o PPdeG, que ao longo deste ano renovou a confianza dos galegos e galegas e comezou a executar os compromisos adquiridos na campaña electoral.

“Mentres tanto, Pedro Sánchez cumpriu esta semana un ano de lexislatura que non lle desexo a ninguén: un ano de corrupción, amnistía e parálise”, contrapuxo referíndose á “agonía lexislativa que paraliza ao Goberno central e á agonía xudicial que o rodea de corrupción”.

A secretaria xeral dos populares galegos ten claro que “Sánchez non goberna, senón que está na Moncloa”, do mesmo xeito que “España non ten un Goberno, senón unha coalición de intereses que só comparten que non goberne quen gañou as eleccións”. Nesta liña engadiu a falta de proxecto de país de quen “o único que ten é unha causa xudicial para cada mes”.

A todo isto hai que engadir o “agravio continuado a Galicia”, como se exemplificou co décimo aprazamento no Congreso do traspaso da AP-9 esta semana. “A Sánchez non lle preocupan as urxencias dos españois nin dos galegos: só lle preocupa a súa axenda xudicial”, concluíu.

NOVA COORDINADORA DE CULTURA

Prado tamén anunciou a proposta de nomeamento da nova coordinadora de Cultura do PPdeG, que recaerá en María Baleato, actualmente concelleira responsable das áreas de Cultura, Turismo e Relacións Institucionais no Partido Popular de Santiago de Compostela.

Baleato é ademais presidenta da Comisión local de Turismo, Acción Cultural e Relacións Institucionais da formación local, membro da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico do Concello e secretaria desde hai anos da Asociación Cultural Casino de Santiago. Tamén formou parte do xurado do Premio Novela Europea, así como do Premio Lorca, Guerra da Cal, Blanco Amor.

“Trátase dunha persoa moi activa na vida cultural da cidade cultural por excelencia de Galicia”, afirmou a secretaria xeral do PPdeG dándolle a benvida ao Comité Executivo do partido e desexándolle moito éxito nas súas novas responsabilidades.

 

O Parlamento galego pide reforzar a adaptación e integración educativa e pedagóxica do alumnado estranxeiro

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a que, apoiándose na experiencia destes anos e ante os novos retos, reforce a adaptación e a integración educativa e pedagóxica dos alumnos e alumnas orixinarios doutros países e que estuden no sistema educativo galego para facilitar o seu proceso de aprendizaxe.

A portavoz popular de Educación, Cecilia Vázquez, explicou que Galicia conta con arredor de 21.000 alumnos estranxeiros, o que representa o 6 por cento do total e a sitúa entre as comunidades españolas con menor número deste tipo de estudantes. Porén, afirmou que Galicia é a comunidade onde máis medra nos últimos anos o número de estudantes estranxeiros.

Diante desta situación, Cecilia Vázquez explicou que a Xunta está a traballar para presentar antes de que remate o presente ano un protocolo de acollida para alumnado estranxeiro, co obxectivo de favorecer a súa integración, non só desde o punto de vista formativo, senón tamén emocional.

ADIANTARSE AOS DESAFÍOS

“Este plan de acollida busca adiantarse aos desafíos a curto, medio e longo prazo, facilitando o labor de escolarización, acollida e benestar emocional do alumnado especialmente vulnerable polas súas condicións de procedencia, entre outras”, indicou.

En concreto, entre os obxectivos deste plan están reducir as barreiras que poidan frear a participación plena do alumnado inmigrante na contorna escolar; asegurar a expresión e a comprensión lingüística efectiva no contorno escolar; fortalecer as súas habilidades de lectura e escritura; e desenvolver actividades que promovan o entendemento intercultural a través das bibliotecas escolares.

A portavoz popular asegurou que “o ensino galego destaca pola equidade, inclusión e igualdade para o alumnado, ademais de por un bo clima de convivencia nas aulas”. “Esta situación é resultado do traballo de diferentes departamentos da Xunta, que teñen permitido que, desde hai tempo, Galicia conte con instrumentos para traballar a integración e a boa convivencia, tanto no conxunto da sociedade como, de xeito máis específico, nas aulas galegas”, apuntou.

Entre as iniciativas postas en marcha, Cecilia Vázquez referiuse á Estratexia galega da convivencia escolar-Educonvives, enfocada a afianzar un bo clima nas aulas galegas, coa previsión de accións de impacto no eido da convivencia positiva, a cidadanía dixital responsable, melloras para o benestar emocional e a coeducación.

 

O Parlamento galego pide que a Xunta reforce os programas Xuventude Mentoring e Xuventude Mentoring Empresa

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, sen o apoio de BNG e PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a seguir reforzando o programa Xuventude Mentoring e o Programa Xuventude Mentoring na Empresa, co obxectivo de continuar apoiando a transición da mocidade galega do ámbito académico ao laboral.

A portavoz popular de Xuventude, Nicole Grueira, cualificou como “unha ferramenta eficaz e transformadora” o programa Xuventude Mentoring, que desde a súa posta en marcha en 2021 permitiu que máis de 750 mozos e mozas melloraran as súas habilidades prácticas e as súa perspectivas laborais, ao tempo que facilitou que 140 mozos e mozas participaran en estadías formativas en empresas.

“O 30 por cento deses participantes no programa conseguiron a súa inserción no mercado laboral, unha porcentaxe importante pero que o Goberno galego quere incrementar ata o 50 por cento realizando maiores investimentos neste programa de emprego xuvenil”, manifestou.

PROGRAMA PIONEIRO

Xuventude Mentoring é un programa pioneiro, promovido polo Goberno galego e dirixido ás persoas mozas que están inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. “O seu obxectivo é axudar ás persoas máis novas a mellorar a súa empregabilidade, mediante accións como poden ser as de formación, orientación e mentoría, converténdose nunha ponte entre a vida académica e a vida laboral”, sinalou Nicole Grueira.

Este programa conta cunha versión adaptada ao ámbito empresarial, Xuventude Mentoring na Empresa, que permite ás persoas participantes realizar estadías formativas en empresas ou entidades galegas públicas ou privadas vinculadas a sectores estratéxicos, ofrecéndolles unha experiencia práctica e directa no mundo laboral, e favorecendo o contacto co tecido empresarial. Durante este período, os participantes reciben unha bolsa de formación dun mínimo de 661,50 euros ano mes, que pode incrementarse con axudas para desprazamentos ou en casos de discapacidade.