Alberto Pazos demanda ao Goberno central “a mesma dilixencia que amosa con Cataluña e o País Vasco coa transferencia de novas competencias a Galicia, como meteoroloxía ou ingreso mínimo vital”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, demandou hoxe ao Goberno de España “a mesma dilixencia que amosa con Cataluña ou o País Vasco cando Galicia lle solicite o traspaso das competencias en meteoroloxía ou cando insistamos na cesión do ingreso mínimo vital, sen esquecer as transferencias pendentes tanto da AP-9 como dos medios humanos e materiais para exercer as competencias sobre o litoral galego”. Así mesmo, Pazos informou da constitución no Parlamento galego, a solicitude dos catro grupos parlamentarios, das comisións non permanentes de igualdade e de discapacidade.

Alberto Pazos afirmou que a delegación de competencias en materia de inmigración ao Goberno de Cataluña “ataca directamente os principios recollidos na Constitución Española e a unidade de España, comprometendo a seguridade nacional”, e considerou inexplicable esta decisión do Goberno de Pedro Sánchez cando “non hai moito consideraba indelegable esta competencia porque está recollida no artigo 149 da Constitución Española”.

SITUACIÓN POLÍTICA E INSTITUCIONAL ALARMANTE

“España vive unha situación política e institucional alarmante porque esta cesión en materia de inmigración a Cataluña súmase ás xa consumadas da amnistía aos autores do intento de golpe de Estado independentista ou da imposición dunha condonación da débeda ás comunidades autónomas, un ataque directo á responsabilidade e ao cumprimento das obrigas de déficit e débeda que asumiron nos momentos de grave crise económica comunidades como Galicia e que premia a comunidades, como Cataluña, que destacaron polo seu despilfarro e gasto ineficaz en referendos ilegais ou na apertura sen sentido algún de embaixadas por medio mundo”, manifestou.

En concreto, asegurou que esta condonación da débeda ás comunidades autónomas é “un negocio ruinoso para Galicia, xa que somos a comunidade que recibe unha menor condonación da débeda por habitante axustado: 1.369 euros fronte a 1.892 euros de media para o conxunto das comunidades, e case 1.000 euros menos por habitante que vai recibir cada catalán, valenciano ou andaluz”.

REFORMA DO SISTEMA DE FINANCIAMENTO

“O que realmente interesa ás comunidades autónomas neste momento é unha reforma do sistema de financiamento autonómico, que recolla expresamente as peculiaridades de cada comunidade para financiar a prestación dos servizos públicos nas mesmas condicións en calquera punto da xeografía española”, subliñou.

Alberto Pazos criticou que “o Goberno de Pedro Sánchez é unha marioneta nas mans dos independentistas cataláns e vascos, e a mellor demostración disto son as constantes cesións a todo o que lle piden para poder manterse na Moncloa”. Así, referiuse ao acordo asinado onte para o traspaso ao País Vasco das competencias sobre os permisos de traballo para estranxeiros e sobre meteoroloxía, polo que demandou ao Goberno de España “que trate a Galicia do mesmo xeito que a Cataluña e o País Vasco e atenda as nosas demandas de novas transferencias”.

“Resulta lamentable a facilidade coa que o Goberno de Pedro Sánchez accede á cesión de competencias a Cataluña e o País Vasco e pouca disposición que amosa cando falamos de traspasar competencias para Galicia, porque non fai falta lembrar as 22 prórrogas que leva nesta lexislatura no Congreso a tramitación da proposición de lei para a transferencia da AP-9 á Comunidade galega ou as voltas que lle están dando para, logo de conseguir que o Tribunal Constitucional lle dera a razón a Galicia hai case un ano, facer efectiva a transferencia á nosa comunidade do persoal e os medios materiais necesarios para exercer as competencias sobre o noso litoral”, explicou.

NOVAS COMISIÓNS NON PERMANENTES

Por outra banda, o portavoz popular informou que os catro grupos parlamentarios deste Parlamento rexistraron a solicitude para a creación da Comisión especial non permanente para o seguimento das políticas relativas á discapacidade e elaboración de novas propostas a prol da integración das persoas con discapacidade; e da Comisión non permanente de estudo para a igualdade e para os dereitos das mulleres.

En concreto, Pazos apuntou que o obxectivo coa Comisión de discapacidade é rematar a elaboración do ditame que xa se comezou a elaborar na pasada lexislatura, mentres que no caso da Comisión de Igualdade “queremos abordar unha nova fase, unha vez completado o plan de traballo desenvolto durante a pasada lexislatura con retos a afrontar logo da pandemia da Covid-19, na que dar un paso máis e afondar na posta en marcha de medidas que avancen cara unha igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, sobre todo no ámbito laboral, e na loita contra a violencia de xénero, onde Galicia xa se converteu nun referente a nivel estatal na atención ás vítimas”.

NACIONALISMO MACHISTA E SECTARIO

“Todo isto, nunha semana que remata coa celebración mañá do Día Internacional da Muller, unha xornada que, para o Grupo Popular, ven empanada pola negativa persistente do BNG, e da súa voceira especialmente, a condenar a noxenta campaña machista da CIG contra a conselleira de Política Social”, lamentou o portavoz popular.

Neste sentido, avanzou que “seguiremos insistindo unha e outra vez, e así o faremos no Pleno da vindeira semana a través dunha proposición non de lei, ata que as deputadas do BNG recapaciten e tomen conciencia da pésima imaxe que están trasladando a todas as galegas dun nacionalismo machista e sectario, e que amosa o seu sometemento ao que ditan desde os seus cuarteis os coroneis da CIG e da UPG”.

O PPdeG reivindica este 8-M que é o partido galego con máis representación feminina: “Somos un partido de mulleres que gobernan”

O Partido Popular de Galicia aproveita a conmemoración do Día Internacional da Muller para reivindicar que é o partido galego con máis concelleiras, máis alcaldesas, máis deputadas autonómicas, máis deputadas nacionais e máis senadoras: “Somos un partido de mulleres que gobernan”

“Temos a sorte de contar con moitas mulleres que gobernan, que fan mellor unha Galicia mellor e que día a día son exemplo do feminismo real e do traballo en igualdade do PPdeG”, salientou a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, esta mañá nunha rolda de prensa celebrada na sede autonómica do partido.

Unha comparecencia na que anunciou que este sábado, 8 de marzo, terá lugar unha reunión do Foro de Alcaldesas do PPdeG en Boimorto que contará coa súa participación e coa da responsable de Igualdade no Goberno galego, Fabiola García.

Prado apuntou a que o seu partido “ten mulleres que gobernan e valentes fronte a unha posición con mulleres covardes”. Referíndose así a unha Ana Pontón que onte “demostrou unha vez máis que é refén da CIG e que é incapaz de enfrontarse ao seu sindicato para censurar o cartel sexista e machista contra unha conselleira”.

A isto engadiu a incapacidade da líder do independentismo galego tanto para “dar explicacións por levar o BNG a un pederasta nas listas das municipais” como para “deixar de apoiar a Lei do ‘só si é si’ que rebaixou a pena de cárcere a máis de 1.500 agresores sexuais”.

Tamén se referiu a Yolanda Díaz, da que ironicamente afirmou que “ten un imán para os agresores sexuais no seu entorno político”, xa que “segue sen desvelar se coñecía os casos de depredadores sexuais como Ramiro Santalices, Íñigo Errejón, Monedero ou Xabier Ron”.

“Por todo isto, as galegas xa deixaron de crer na defensa das mulleres de toda a esquerda”, concluíu preguntándose “con que cara” se van atrever a ir ás manifestacións deste 8 de marzo todos estes partidos.

UN GOBERNO QUE NON GOBERNA

Facendo un repaso da actualidade da semana, Paula Prado concluíu que no se refire ao Goberno central o resumo foi: “Máis cesións ao independentismo e, mentres tanto, máis agravios a Galicia, como a prórroga número 37 do debate da transferencia da AP-9”.

“Sánchez segue profundando na desigualdade dos españois”, asegurou ao tempo que criticaba a “humillación dobre” que supón o feito de que mentres se nega a Galicia a transferencia da AP-9, en cambio, “transfire unha competencia exclusiva do Estado como é a de estranxeiría e ademais logo de negocialo noutro país”.

Algo que, na súa opinión, demostra que “temos un Goberno que non goberna e que segue cedendo ás esixencias de Puigdemont e á chantaxe independentista” e afonda na necesidade de que “o Goberno de España traballe polo interese xeral e non por un prófugo da xustiza” e de que o seu presidente “non estea rodeado dunha corrupción sistémica”.

Por último, e en referencia á “primeira visita a Galicia en máis dun ano” de Pedro Sánchez este domingo, a secretaria xeral do PPdeG agarda que “non veña a dar leccións, senón a pedir perdín a todos os galegos e galegas”.

“Sánchez ten que pedir perdón a Galicia por todos os agravios durante os seus anos de goberno, polo deixamento dos seus ministros, por todos os desprezos en infraestruturas ou en traspaso de competencias e por querernos enganar coa condonación da débeda”, concluíu argumentando que “máis Sánchez sempre significou menos Galicia”.

O Grupo Popular estuda coa presidenta do Consello Galego de Consumidores regular que as empresas de subministracións domésticas oferten a tarifa máis baixa dispoñible

Os deputados do Grupo Popular Jesús María Fernández Rosende e Felisa Rodríguez Carrera mantiveron un encontro coa presidenta do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, Rosa Celia Otero Raña, co obxecto de estudar distintas iniciativas para a mellora das relacións coas empresas que prestan as principais subministracións domésticas.

En particular, se trata de estudar a posibilidade de requirir ao Goberno de España que regule o feito de que todas estas compañías comuniquen aos seus clientes e, no seu caso, aplicar por defecto, as tarifas máis baixas vixentes polos servizos contratados, sen necesidade de solicitude previa. A medida favorecería aos consumidores na súa relación coas grandes empresas que prestan os servizos máis básicos do fogar, como telefonía, electricidade, gas e tamén ás aseguradoras.

NOVAS ACHEGAS

A presidenta do Consello Galego de Consumidores e Usuarios tamén insistiu na oportunidade de estudar a elaboración dun protocolo que facilite que a baixa dos servizos contratados destas subministracións sexa como mínimo tan áxil como o procedemento previsto para darse de alta, evitando así as dilacións e atrancos que se producen habitualmente.

Fernández Rosende e Felisa Rodríguez acordaron continuar traballando en coordinación co Consello Galego de Consumidores e realizando achegas na liña de seguir ampliando os dereitos das persoas consumidoras nas súas relacións habituais coas empresas comerciais.

Deputados do Grupo Popular estudan con Aetinape medidas para mellorar a sinalización e a visualización dunha emerxencia en alta mar

Os deputados do Grupo Popular Miguel Fidalgo e Jesús María Fernández Rosende mantiveron unha reunión con representantes da Asociación Española de Titulados Náutico-Pesqueiros (Aetinape) na que se estudaron distintos aspectos para mellorar a sinalización e a visualización dunha situación de emerxencia en alta mar, así como outras posibles actuacións relacionadas con esta situación.

Na xuntanza, na que estiveron presentes o presidente de Aetinape, José Manuel Muñiz, xunto cos asesores desta organización José Manuel Costas e Vicente Yáñez, acordouse a presentación dunha iniciativa no Parlamento de Galicia con cuestións relacionadas coa formación e as prácticas, tanto de mariñeiros mercantes como de profesionais da pesca ou de recreo, en materia de utilización de medios de salvamento, así como o estudo da sinalización de mexiloeiras e outros artefactos flotantes que poidan ocasionar accidentes na navegación, e posibles intervencións no caso de condicións climáticas moi adversas que aconsellen ás embarcacións quedar en porto.

O PPdeG lamenta que Sánchez dea vía libre aos “caprichos” do independentismo catalán mentres a transferencia da AP-9 a Galicia acumula xa 37 adiamentos

Os deputados do PPdeG no Congreso denuncian hoxe o feito de que a Cámara Baixa admita a trámite todas as iniciativas que rexistran os socios de Pedro Sánchez, aínda que vaian en contra do interese xeral, mentres, ao mesmo tempo, segue bloqueando de forma “obstinada” o debate sobre a transferencia da AP-9 a Galicia.

Fano logo de que hoxe mesmo a Mesa do Congreso dos Deputados, dominada polo PSOE e Sumar, acordase a 22ª prórroga nesta lexislatura de presentación de emendas á proposición de lei orgánica de transferencia da titularidade e competencias da autoestrada á Comunidade galega. Polo tanto, son xa 37 as prórrogas desde que Sánchez asumise a Presidencia do Goberno de España.

“É absolutamente inexplicable e inxustificable o desprezo a esta iniciativa lexislativa aprobada pola unanimidade do Parlamento de Galicia e que siga bloqueándose a súa tramitación parlamentaria, mentres Sánchez cumpre os caprichos do independentismo catalán”, denuncia o deputado galego e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado.

Un claro exemplo deses “desexos cumpridos” ao independentismo é a proposición de lei rexistrada onte no Congreso por PSOE e Junts para a delegación de competencias en materia de inmigración e control de fronteiras.

Unha iniciativa “claramente inconstitucional” xa que vulnera as competencias exclusivas do Estado, que “non poden ser delegadas como pretenden os independentistas de Puigdemont e como transixe Pedro Sánchez”. Ademais, esta proposición de lei “pretende burlar unha serie de controis legais como informes vinculantes de varios organismos constitucionais”, e ao mesmo tempo “non responde á defensa do interese xeral do noso país, senón só ao interese particular de Sánchez por manterse no poder algún tempo máis, o que é indignante”.

“Tampouco nos explicamos como o BNG pode seguir apoiando ao Goberno de Sánchez e subscribindo esta nova iniciativa de Junts mentres seguen maltratando a Galicia”, denuncia Celso Delgado.

Por último, os populares lembran que a semana pasada os socialistas, tamén os galegos, votaron no Senado en contra da transferencia e da gratuidade da AP-9, o que dá conta do seu “escaso interese” en que se fagan efectivas.

O PPdeG critica a falta de diálogo na convocatoria do ‘cumio municipal’ sobre a gratuidade da AP-9

O vicepresidente e portavoz do Partido Popular de Galicia na Fegamp, Ángel Moldes, lamentou hoxe a “falta de diálogo e transparencia” na convocatoria do ‘cumio municipal’ sobre a gratuidade da AP-9, anunciado por sorpresa pola alcaldesa de Santiago a través dun correo electrónico enviado a varios alcaldes.

“Unha vez máis, enterámonos das intencións da Fegamp, do seu presidente, Alberto Varela, e do PSOE, fóra do seo da Fegamp e sen ningún tipo de diálogo co Partido Popular”, afirmou Moldes, denunciando a “utilización partidista” da Federación Galega de Municipios e Provincias por parte do PSOE en conivencia co BNG.

O portavoz popular solicitou a Varela que “recapacite e dialogue co PP”, ao tempo que demandou que o debate inclúa non só a gratuidade da AP-9, senón tamén a súa transferencia a Galicia. “Antes dun anuncio tan importante e de falar en nome de todos os municipios galegos, débese consensuar”, insistiu.

Moldes criticou ademais que “o PSOE non está preparado para liderar un cumio sobre a gratuidade da AP-9”, recordando que o partido votou en contra desa medida no Senado a semana pasada e aprazou ata en 36 ocasións no Congreso o debate sobre a transferencia da autoestrada.

“Xa está ben de tanta deslealdade e de utilizar a Fegamp ao antollo do PSOE e do BNG. O que Galicia precisa é unha defensa real dos seus intereses, non estratexias partidistas”, concluíu Moldes.

O Grupo Popular leva ao Pleno da vindeira semana que o Parlamento galego reprobe a campaña sexista da CIG contra a conselleira de Política Social

O Grupo Popular levará ao Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se propón que o Parlamento de Galicia reprobe a campaña sexista levada a cabo polo sindicato nacionalista CIG que desvaloriza o traballo da conselleira de Política Social, quen, á súa vez, comparecerá na sesión plenaria para dar conta das políticas en materia de igualdade que está a desenvolver a Xunta. A orde do día tamén inclúe a comparecencia do conselleiro de Facenda, para informar da reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira; o debate para a aprobación da Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia; e outra proposición non de lei do Grupo Popular para que o Goberno central declare o Xacobeo 2027 como acontecemento de excepcional interese.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, sinalou que o Pleno da vindeira semana estará marcado pola celebración este sábado, 8 de marzo, do Día Internacional da Muller. Así, a comparecencia, a petición propia, da consellería de Política Social dará conta das políticas que en materia de igualdade está a desenvolver a Xunta, “un ámbito no que é patente o compromiso firme do Goberno galego por impulsar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes con medidas transversais nas que participan todos os departamentos do Goberno galego”.

Así mesmo, o Grupo Popular demandará que o Parlamento galego reprobe a campaña sexista levada a cabo pola CIG, que claramente desvaloriza o traballo dunha muller que ostenta un cargo público, neste caso o da conselleira de Política Social, e que “a día de hoxe segue sen ser condenada nin rexeitada tanto pola portavoz do BNG como por calquera das autoproclamadas defensoras nacionalistas a ultranza do feminismo”.

“Estamos diante dunha demostración máis de que para o nacionalismo galego o feminismo é unha cuestión sectaria, xa que só é reprobable cando son elas mesmas as afectadas, pero gardan un repugnante silencio cando a vítima é unha muller que non segue a súa doutrina política”, criticou o portavoz popular.

Alberto Pazos pediu aos deputados e deputadas do BNG que “recapaciten a súa decisión e teñan a ben condenar este ataque machista á conselleira de Política Social”, para o que disporán “dunha nova oportunidade no Pleno apoiando esta iniciativa do Grupo Popular, que solicita a condena de calquera manifestación que vulnere o principio de igualdade de trato entre mulleres e homes ou se denigre a dignidade das mulleres, solicitando expresamente á señora Pontón e aos deputados do BNG que amosen o seu rexeitamento ao contido sexista e machista destes carteis do sindicato nacionalista CIG”.

CONDONACIÓN DA DÉBEDA

O Pleno inclúe a comparecencia, a petición propia, do conselleiro de Facenda e Administración Pública para dar conta do tratado no Consello de Política Fiscal e Financeira celebrado a pasada semana, no que todas as comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular rexeitaron a imposición dunha condonación da débeda, así como outras medidas decididas unilateralmente polo Goberno central prexudiciais para as facendas autonómicas.

“Galicia rexeita de forma tallante esta quita da débeda das comunidades autónomas acordada polo Goberno de España e os seus socios independentistas cataláns, porque supón un ataque directo ás comunidades que, como Galicia, foron responsables no control do seu déficit e a súa débeda nos tempos de crise económica e premia a aquelas que despilfarraron os cartos pagando intentos de golpes de Estado, como o que levaron a cabo os independentistas en Cataluña, ou creando embaixadas por medio mundo para vender o que non tiñan nin chegaron a ser”.

Dentro do apartado de iniciativas lexislativas, a sesión plenaria inclúe o debate para a súa aprobación do proxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, unha nova lei que adapta a normativa galega á lexislación española e europea e dota a estes medios dun marco normativo co que poidan dar resposta aos retos de futuro nun mercado tan competitivo como é o audiovisual.

DESGRAVACIÓNS FISCAIS PARA O XACOBEO 2027

Volvendo ás iniciativas incorporadas polo Grupo Popular á orde do día do Pleno, Alberto Pazos apuntou que “imos solicitar ao Goberno de España a declaración do Xacobeo 2027 como acontecemento de excepcional interese, de xeito que as empresas que desexen implicarse e participar na promoción deste evento poidan beneficiarse dos correspondentes beneficios fiscais”.

Neste sentido, lembrou que as desgravacións fiscais ás que puideron acollerse as empresas que patrocinaron o Xacobeo 2021-22 supuxeron unha aportación total de 28 millóns de euros, o que da mostra “da importancia da declaración como acontecemento de excepcional interese para o Xacobeo 2027 e da urxencia deste recoñecemento, a menos de dous anos de que se volva abrir a Porta Santa na Catedral de Santiago e cando as empresas necesitan coñecer con antelación suficiente as opcións de investimento e beneficios fiscais dos que van dispoñer”.

Por último, dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular cuestionará sobre as medidas que ten previsto levar a cabo para mellorar a seguridade do persoal sanitario e dos usuarios do Servizo Galego de Saúde; a deficiente xestión do tratamento de residuos de Nostián, logo dos sucesivos incumprimentos por parte do Concello de A Coruña aos requirimentos realizados pola Xunta para mellorar esta planta de tratamento; e as accións que está a desenvolver o Goberno galego para elaborar o plan de usos do Teatro-Cine Fraga de Vigo.

Deputados do Grupo Popular coñecen en Castroverde o resultado das axudas da Xunta para a incorporación de novos agricultores e gandeiros

Os deputados do Grupo Popular Nicole Grueira, Enrique Barreiro e José Manuel Mato visitaron en Castroverde a granxa do mozo Jesús López para coñecer de primeira man os resultados das axudas da Xunta para a incorporación de novos agricultores e gandeiros á actividade do rural galego.

Durante a visita, na que os deputados populares estiveron acompañados dos concelleiros do Partido Popular Pablo Figueiras e Óscar Pérez, puideron comprobar as consecuencias positivas nesta granxa do compromiso do Goberno galego coa mocidade, coa actividade agrogandeira e coa aposta decidida polo rural.

Desde o ano 2009, máis de 5.000 mozos e mozas galegas se incorporaron ao rural gracias ás axudas da Xunta dirixidas a facilitar o relevo xeracional no sector primario, moi en particular as subvencións para a incorporación dos mozos, os plans de mellora e tamén a posta en marcha do banco de explotacións.

O PPdeG pide á Comisión de Transición Ecolóxica do Senado que inste ao Goberno central a traspasar xa os medios para que Galicia xestione o seu litoral

O PPdeG pediu esta semana á Comisión de Transición Ecolóxica do Senado que inste ao Goberno de Sánchez a realizar o traspaso inmediato á Xunta de Galicia dos medios materiais e humanos, incluídos os expedientes, para xestionar o seu litoral e, deste xeito, estar en disposición de poder outorgar as concesións administrativas necesarias para dar seguridade xurídica ás actividades que se poidan realizar na costa.

Fíxoo a través dunha moción asinada polos 14 populares galegos presentes na Cámara Alta, na que deixan claro que a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia xa está en vigor e, polo tanto, a Xunta de Galicia debe exercer as competencias nela contempladas.

O PPdeG, na iniciativa liderada polo senador Manolo Ruiz, lembra que a norma autonómica naceu “co obxectivo de impulsar unha xestión que integre as actividades humanas no litoral e co fin de garantir un aproveitamento sostible dos seus recursos e o bo estado dos ecosistemas costeiros desde unha tripla perspectiva: ambiental, social e económica; algo que non estaba facendo o Estado”.

Así mesmo, sinalan que o 23 de abril cumprirase un ano desde que o Tribunal Constitucional avalou a lei, despois de rexeitar o recurso de inconstitucionalidade que interpuxera o Goberno de Sánchez co único fin de poñer impedimentos á súa tramitación, polo que inciden en que o traspaso dos medios materiais e humanos se faga antes desa data.

“PLENAS COMPETENCIAS” DE GALICIA

Neste sentido, explican, están ratificadas as “plenas competencias” de Galicia para

xestionar o litoral sen necesidade de reformar o Estatuto de Autonomía, tal e como

tamén ditaminara, no seu día, o Consello Consultivo de Galicia.

Os populares galegos denuncian que o Goberno central “quixo tratar de forma diferente” á nosa Comunidade respecto a outras como o País Vasco, á que simultaneamente lle estaba transferindo esas competencias, pero o Tribunal Constitucional quitoulle a razón.

De aí que conclúan amosando o seu convencemento de que “agora o Estado, lonxe de cumprir e sen atender ao que dixo a Xustiza, o que está facendo é atrasar a transferencia dos medios materiais e humanos, entorpecendo o exercicio das nosas competencias dunha forma arbitraria e poñendo en perigo a actividade”.

“A transferencia ten que levarse a cabo antes do próximo 23 de abril. Galicia non só é a comunidade autónoma con máis quilómetros de costa, senón a máis necesitada dunha conservación ambiental axeitada e da supervivencia da actividade no litoral, tan relevante”, engade Manolo Ruiz.