O PPdeG destaca o éxito de Boiro Xoga como exemplo da aposta da Xunta pola innovación e a dinamización local

Os deputados do Grupo Parlamentario Popular de Galicia Magdalena Pérez e Ángel Rodríguez, acompañados do presidente do Partido Popular de Boiro, Nolo Romero, visitaron as actividades da campaña extraordinaria Boiro Xoga, onde destacaron o firme compromiso da Xunta de Galicia co impulso e a modernización do comercio de proximidade a través das axudas aos Centros Comerciais Abertos (CCA).

Esta iniciativa, promovida pola Asociación Boirense de Empresas (ABE), é a primeira que se dá a coñecer das cinco campañas extraordinarias apoiadas polo Goberno galego nesta convocatoria. Trátase de proxectos que foron recoñecidos pola súa calidade, capacidade de innovación e impacto no territorio, e aos que o Executivo autonómico destina un importe total próximo aos 100.000 euros. En termos globais, a orde de axudas da Xunta mobiliza máis de 2,35 millóns de euros para apoiar a un total de 56 centros comerciais abertos de toda Galicia.

APOIO AUTONÓMICO Á EXCELENCIA E ÁS BOAS IDEAS
Durante a visita, a deputada popular Magdalena Pérez subliñou o “potencial dinamizador” dunha campaña que, durante semanas, converte a Boiro no escenario dun xogo de mesa creado especificamente arredor das súas rúas, espazos e negocios. “Boiro Xoga demostra unha enorme capacidade para unir comercio, ocio e participación cidadá en beneficio directo dos nosos negocios locais. É unha fórmula atractiva para fixar as compras”, sinalou.

Pola súa banda, Ángel Rodríguez gabou o compoñente innovador da proposta, que combina o formato físico co dixital. A clientela poderá conseguir o xogo a través dun sistema de puntos e participar na versión en liña mediante a web da ABE ou con códigos QR. Ademais, os establecementos participantes entregarán vales de xogo por compras iguais ou superiores a 20 euros. “O apoio da Xunta a estas cinco propostas extraordinarias demostra que o Goberno galego non só financia, senón que premia e incentiva a excelencia e as boas ideas que dinamizan os nosos concellos”, concluíu o deputado popular.

IMPULSO AO COMERCIO LOCAL DE BOIRO
Pola súa banda, o presidente do PP local amosou a súa satisfacción pola calidade do tecido empresarial do concello: “En Boiro temos a sorte de contar cunha Asociación Boirense de Empresarios moi activa e que dá exemplo de emprendemento con este tipo de iniciativas tan orixinais e novidosas”. Neste sentido, puxo en valor a aposta firme que desde o Goberno galego se fai por este tipo de iniciativas que impulsan o comercio local, recoñecendo a Boiro como un dos referentes autonómicos dentro da figura dos centros comerciais abertos”, engadiu.

“Este tipo de sinerxías entre a Xunta de Galicia e o asociacionismo empresarial local trae consigo uns beneficios importantísimos para Boiro. Xerarase unha economía que fará medrar a comunidade e un Boiro máis vivo, seguro e con futuro”, concluíu.

O Parlamento reclama ao Goberno un incremento de prazas PIR e recursos formativos para reforzar o eido da saúde mental en Galicia

O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, a iniciativa do Grupo Popular relativa a que o Goberno central incremente o número de prazas de formación sanitaria especializada en Psicoloxía Clínica (PIR), actualmente insuficiente para dar resposta ás necesidades do Sistema Nacional de Saúde e á crecente demanda social.

A portavoz da área de Sanidade do Grupo Parlamentario Popular, Encarna Amigo, defendeu que a dispoñibilidade de profesionais especialistas resulta clave para garantir unha atención integral, accesible e de calidade no sistema público de saúde. “O que pedimos é máis capacidade para formar”, salientou Encarna Amigo, xa que, tal e como explicou, Galicia está ofertando o 100% da súa capacidade formativa, acreditada polo Ministerio de Sanidad.

A deputada popular fixo fincapé no importante esforzo que a Xunta de Galicia vén realizando no eido da saúde mental, a través de plans específicos, o incremento de recursos humanos e a integración progresiva de psicólogos clínicos nos distintos niveis asistenciais: “O Goberno de Alfonso Rueda non está improvisando, ten unha folla de ruta para os próximos anos, con máis recursos, máis profesionais e novas medidas para mellorar a atención á saúde mental”.

Neste senso, salientou a aposta “clara, inequívoca e contundente pola saúde mental” do Executivo galego e recordou que a convocatoria de 2026-2027 será “a maior oferta de formación sanitaria especializada da historia da nosa Comunidade: 725 prazas, 43 máis que na convocatoria anterior”. E que o Plan de Saúde Mental 2026-2030 prevé a incorporación de 75 especialistas en Psicoloxía Clínica.

Porén, advertiu de que este compromiso autonómico choca cunha barreira que depende en exclusiva do Executivo central: o reducido número de prazas de formación sanitaria especializada en PIR. Por todo isto, Encarna Amigo reclamou ao Executivo de Pedro Sánchez unha planificación estratéxica estatal coordinada coas Comunidades e acompañada dos recursos económicos necesarios para facer fronte a esta demanda crecente: “Planificación, formación e asistencia teñen que ir da man”.

Así mesmo, instou a acometer os cambios normativos que faciliten a acreditación de novas unidades docentes ou de prazas nas xa existentes para que as comunidades poidan ampliar a súa oferta formativa con criterios de calidade. E subliñou que o Ministerio de Sanidad debe ter en conta o esforzo realizado por comunidades autónomas como Galicia no reforzo da saúde mental, dotándoas dos recursos formativos necesarios para consolidar e ampliar as medidas xa en marcha.

A deputada popular rematou criticando o voto en contra do BNG, que se traduce na súa negativa a pedirlle ao Goberno de España que permita que Galicia poida formar a máis profesionais médicos.

O Parlamento Europeo reclama unha reforma urxente da Política Pesqueira Común grazas ao papel determinante do Partido Popular Europeo

O Parlamento Europeo aprobou hoxe, no pleno celebrado en Estrasburgo, unha resolución sobre a avaliación da Política Pesqueira Común (PPC) e os pasos futuros, na que reclama á Comisión Europea que avance sen demora na súa revisión e actúe sobre os problemas estruturais identificados na súa propia avaliación.

O eurodeputado do PPdeG Francisco Millán Mon, membro da Comisión de Pesca, subliñou: “acabouse o tempo de avaliar, é tempo de actuar”. Así mesmo, destacou que o papel do Partido Popular Europeo foi “determinante”, tanto para impulsar a presentación desta resolución, como para conseguir que as principais demandas do sector quedasen recollidas no texto. Millán Mon agradeceu o labor da Presidenta da Comisión de Pesca, Carmen Crespo, na posta en marcha desta resolución.

A resolución reclama unha PPC máis equilibrada e flexible, que teña en conta as tres dimensións da sustentabilidade —ambiental, económica e social—, e pide revisar elementos como a obriga de desembarque, o concepto de capacidade pesqueira, os criterios socioeconómicos na fixación de TACs e cotas e a definición da pesca artesanal.

Por outra parte, a resolución pide tamén avanzar na simplificación das normas relativas á pesca e, entre outros elementos, urxe a cambiar o Plan Plurianual do Mediterráneo e a revisión da implementación de determinados aspectos do Regulamento de Control, como certas obrigas de notificación.

O PALANGRE NAS 87 ÁREAS

Para Millán Mon, un dos elementos máis destacados e de actualidade para Galicia é a demanda á Comisión para excluír o palangre de fondo do Regulamento de Augas Profundas de forma urxente. O eurodeputado galego recordou unha vez máis o grave prexuízo que o peche de 87 áreas está a provocar a esta arte e a necesidade de poñer remedio urxente “a unha situación que carece de sentido, ao excluírse das zonas de pesca unha arte cun impacto insignificante sobre os fondos mariños”.

Millán Mon lembrou que a pasada semana a OPP de Burela presentou en Bruxelas o informe ISPAMER, que conclúe que o impacto do palangre pedra-bola sobre os fondos mariños é practicamente inexistente. “Hai evidencia científica que debe ser tida en conta”, destacou. “O Parlamento Europeo acaba de pronunciarse e está a pedir á Comisión que actúe. Agora correspóndelle á Comisión actuar e corrixir esta situación o antes posible”, concluíu.

Paula Prado urxe un diálogo “real e efectivo” co colectivo médico ante o “deterioro de servizos” por culpa do Goberno de Sánchez e o BNG na sanidade pública

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, urxe abrir un diálogo “real e efectivo” co colectivo médico para negociar a modificación do Estatuto Marco que permita acabar coas folgas e, por conseguinte, cos graves problemas que está ocasionando, dos que culpa “ao Goberno de Sánchez e os seus socios independentistas do BNG”, responsables do “deterioro progresivo dos servizos” na actividade e nos tempos de acceso á sanidade pública. “Coa sanidade non se xoga”, engadiu.

Así o manifestou hoxe a número dous dos populares galegos nunha rolda de prensa na sede autonómica do PPdeG, onde advertiu que o conflito sanitario provocado polo Goberno central está impactando nas listas de espera en Galicia. Neste punto, lamentou que dende o pasado mes de decembro, os paros médicos xa supuxeron a suspensión de case 280.000 actos médicos na comunidade.

Para Prado, o proxecto de Lei do Estatuto Marco é un texto que non conta co apoio e respaldo dos facultativos, senón que máis ben provocou incrementar aínda máis o enfado e a crispación entre o colectivo. De feito, xa se fixou unha folga indefinida e ininterrompida a partir do 28 de outubro.

“Sánchez actúa sen ter en conta outros intereses que non sexan os del, goberna por supervivencia e día tras día amosa a súa falta de compromiso con Galicia”, lamenta Prado, que reivindica un trato “xusto” para Galicia que o Executivo central “deixe de recortar” en medidas, achegas e iniciativas que poidan beneficiar á comunidade.

Para a secretaria xeral, destes recortes tamén ten culpa o BNG, que define como o partido que decidiu “vender a Galicia a cambio de nada”, unha alianza que “lle está saíndo cara a todos os galegos e galegas”. Así, a dinámica de recortes de servizos de Sánchez con Galicia, está “sustentada polos independentistas galegos”.

O GOBERNO GALEGO, RESPONSABLE E COMPROMETIDO

Entre outros recortes á sanidade galega, citou o prexuízo que provoca o déficit de profesionais no sistema, cuxa situación compete ao Ministerio de Sanidade. “Precisamos medidas que axuden a paliar este déficit de especialistas, como aumentar a idade de xubilación ata os 72 anos, axilizar a homologación de títulos estranxeiros e incrementar a oferta de formación sanitaria especializada”, citou.

Pola contra, Prado valorou que Galicia conta cun Goberno “serio, responsable e comprometido” co que de verdade importa: os galegos e galegas. Así, subliñou que o Executivo de Rueda incrementou a oferta de formación sanitaria especializada en especialidades como medicina familiar e comunitaria e pediatría, ofertando nos últimos anos o 100% das prazas formativas que se lle acreditan. Ademais, lembrou que antes dos paros de decembro, a data de 30 de novembro, a sanidade galega rexistraba máis actividade e menos tempos de espera.

O Grupo Popular estreita a colaboración co Consello da Cultura Galega para impulsar a cultura e a lingua galega

O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, acompañado dos deputados e membros da Comisión de Educación e Cultura, Carmen Pomar e José Luis Ferro, mantivo, hoxe, unha reunión de traballo coa presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra.

Durante a reunión, acordaron estreitar a colaboración entre o Parlamento e o CCG co fin de impulsar políticas comúns a prol da cultura e da lingua galega: “A casa grande dos galegos, que é o Parlamento de Galicia, ten a obriga de manter esa relación permanente”. O representante popular aproveitou a xuntanza para poñer en valor as achegas feitas pola institución sobre a situación da lingua galega. “Imos manter –concluíu Pazos- unha colaboración tan necesaria como desexada”.

Barreiro: “Sánchez recauda más que nunca mientras a los españoles cada vez les cuesta más llegar a fin de mes”

El portavoz adjunto de Economía del GPP reprocha a Sánchez porque desde su llegada al Gobierno “los precios han aumentado más de un 27%, mientras la recaudación tributaria superó los 325.000 millones de euros en 2025”.

Reclama al Ejecutivo que deje de refugiarse en las cifras de PIB, empleo o recaudación y explique cuánto ha mejorado realmente el poder adquisitivo de las familias después de descontar la inflación y la presión fiscal.

“No basta con decir que los españoles cobran más. Lo que hay que saber es cuánto pueden comprar con lo que cobran y cuánto dinero les queda después de pagar impuestos”, señala.

O PP na FEGAMP alerta da “incertidume” e o “desprezo” do Goberno de Sánchez cos concellos galegos pola falta de Orzamentos

O grupo do Partido Popular na Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) urxe, unha vez máis, que o Goberno central informe dos fondos que recibirán os concellos galegos a través da Participación nos Ingresos do Estado (PIE) e alerta que a “incertidume” xerada pola falta de Orzamentos Xerais no Executivo de Sánchez está condicionando a xestión financeira dos municipios galegos. “Unha vez máis, vemos o desprezo do Goberno de España pola autonomía local e por Galicia. Insistimos na importancia de saber que ingresos recibiremos os concellos para poder aprobar os nosos orzamentos en tempo e forma”, sinala o vicepresidente primeiro e voceiro dos populares galegos, Ángel Moldes.

Así o trasladou na reunión da comisión executiva da FEGAMP, na que os populares insistiron na “falta de resposta” do Goberno de Sánchez ante as peticións do PP para coñecer con que partidas contarán os municipios galegos de cara a 2027, unha cuestión “fundamental para o interese da veciñanza”. Para o Grupo Popular na FEGAMP queda acreditado de novo o “desprezo do Goberno central pola autonomía local”.

Ángel Moldes lembra tamén que o ano pasado os concellos galegos recibiron “ata tres cantidades distintas”, unha cuestión que “complica a xestión dos concellos e do traballo diario dos técnicos para elaborar uns orzamentos axeitados en tempo e forma”. Igualmente, destaca que a semana pasada se trasladou esta situación na xunta de portavoces da FEGAMP por parte do Grupo Popular.

“Esta situación é unha demostración máis da importancia que ten ter Orzamentos ou non. Que Sánchez non os aprobe prexudica os intereses da veciñanza e de todos os concellos galegos”, sinala Moldes.

Por último, insiste na necesidade de “transparencia” por parte do Goberno central para que os concellos galegos “coñezan con claridade os recursos que lle pertencen, para que poidamos traballar”.

O Parlamento aproba reclamar ao Goberno un proxecto integral de restauración das infraestruturas deterioradas do litoral de Oleiros

O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, instar ao Goberno central a que leve a cabo un plan integral de reparación de todas as infraestruturas deterioradas –paseos marítimos, varandas, escaleiras, pasarelas e miradoiros- de todo o litoral de Oleiros.

Durante a súa intervención na Comisión 8ª, o deputado do Grupo Parlamentario Popular Jesús Fernández Rosende puxo o foco na falta de conservación continuada e en como varios derrubes e desprendementos ocasionaron un deterioro grave de toda esta contorna. Entre os puntos máis afectados, están: o parque Trece Rosas, a baixada ao paseo de Santa Cruz, as escaleiras de acceso á praia de Canide, a varanda na zona de Punta de Boi de Canto, a pasarela de acceso ao castelo de Santa Cruz, a baixada á praia de Bastiagueiro e os derrubes na praia de Naval e na zona do Xunqueiro.

Tal e como sinalou, esta situación, ademais de xerar un evidente impacto negativo na imaxe do municipio, constitúe un grave problema de seguridade, ao pór en risco a integridade física dos miles de peóns que transitan diariamente por estas zonas. Por iso, a iniciativa do Grupo Popular, que saíu adiante sen votos en contra, tamén propón que se leve a cabo a súa sinalización e, no caso de que fose necesario, o peche ou restrición de acceso en todas aquelas zonas onde exista perigo para a integridade das persoas.

FALTA DE COORDINACIÓN ENTRE CONCELLO E ESTADO
Segundo expuxo o parlamentario popular, estas incidencias non só responden aos efectos da climatoloxía adversa e á acción do mar, senón que tamén a unha evidente falta de mantemento preventivo e correctivo de concello e do Goberno estatal. Fernández Rosende lamentou a preocupante falta de coordinación e unha inacción prolongada das administracións competentes: o concello de Oleiros e a Demarcación de Costas –dependente da Administración central-; debido a que as responsabilidades sobre mantemento e conservación non están debidamente definidas e asumidas, derivando, polo tanto, nunha inaceptable parálise administrativa.

Así, a iniciativa avoga por establecer un protocolo claro de mantemento periódico, no que se especifique as competencias de cada administración implicada, as obrigas de conservación ordinaria e extraordinaria e os mecanismos de coordinación interadministrativa, así como tamén unha contía orzamentaria para facer fronte tanto á reparación inmediata como ao mantemento futuro. Para o parlamentario popular resulta prioritario realizar unha avaliación técnica completa do estado do litoral urbanizado, co fin de previr novos derrubes e anticipar actuacións en zonas de risco.

Por todo iso, o PPdeG urxe actuar de maneira inmediata para garantir a seguridade, restaurar as infraestruturas danadas e establecer un marco claro de responsabilidades que evite a repetición deste tipo de situacións.

O PPdeG pide cambiar o proxecto de ampliación dos atraques de pasaxe do porto de Cangas pola reforma das casetas de mariñeiros

A través dunha proposición non de lei do Grupo Parlamentario Popular, o Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, por unanimidade solicitar á Xunta de Galicia o cambio do proxecto de ampliación dos atraques de pasaxe no porto de Cangas pola reforma urxente das casetas de mariñeiros, as cales presentan graves problemas funcionais e de deseño.

Durante a súa intervención na Comisión 8ª, a deputada do Grupo Parlamentario Popular e portavoz local, Dolores Hermelo, explicou que, tal e como trasladan os propios usuarios, o servizo de pasaxe está sendo prestado cunha frecuencia axeitada, sendo moi satisfactorio coas instalacións actuais e non existindo polo tanto a necesidade de ampliación dos atraques existentes. Asemade, advertiu de que esta obra suporía a invasión parcial dunha zona de sementeira de ameixa, afectando moi negativamente á actividade marisqueira da zona.

Pola contra, fixo fincapé na demanda social, amplamente compartida no municipio de Cangas, así como formulada de forma reiterada pola confraría de pescadores, para acometer de maneira urxente a substitución das actuais casetas dos mariñeiros situadas no porto pesqueiro.

Neste punto, referiuse a problemas de contaminación sonora, derivados do deseño das casetas en forma de gaiola, que ocasiona que o vento produza un asubío constante e moi molesto que afecta tanto aos profesionais como aos veciños do centro urbano. Así mesmo, fixo fincapé nos graves problemas de illamento das cubertas, que fan inoperativas as casetas en varios puntos, sumado a un deseño pouco funcional con espazos infrautilizados, ademais de facer de barreira visual entre a vila e o seu litoral.

Para o Grupo Popular, esta substitución non só mellorará radicalmente as condicións laborais dos profesionais do mar, senón que potenciará a integración porto-vila e eliminará un problema ambiental e urbanístico nunha zona de gran afluencia cidadá.

Para levar a cabo estes traballos de mellora, a iniciativa avoga por destinar os 1,5 M€ previstos para o proxecto de ampliación dos atraques de pasaxe á reforma das casetas.

O PPdeG pide a “revisión profunda” da LOMLOE e aposta por un novo marco legal baseado no consenso e adaptado ás necesidades do ensino

“Cinco anos despois da aprobación da LOMLOE son suficientes para comprobar que é necesario abordar unha revisión profunda da lei”, sinalou, hoxe, o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos.

Tras apuntar que o actual modelo, imposto polo Goberno central, non funciona e está a lastrar o futuro da mocidade, avogou por un novo marco legal, asentado no diálogo coas Comunidades autónomas e coa comunidade educativa, que permita avanzar nun sistema educativo que responda aos retos e necesidades do ensino e supere “esta etapa negra, marcada por unha normativa que, en lugar de atallar os problemas, creou máis”.

Aproveitou para afear o “atropelo lexislativo” promovido polo Executivo de Pedro Sánchez de costas ás administracións responsables de xestionar o día a día das políticas educativas; e fixo fincapé nas graves consecuencias da LOMLOE, a “lei do tanto dá”, sobre a cultura do esforzo, a calidade educativa e a igualdade de oportunidades.

Para paliar esta situación, o representante popular subliñou que, durante estes cinco anos, Galicia nadou contra corrente e puxo en marcha medidas para paliar os efectos da normativa estatal e seguir mellorando o ensino. Como exemplos deste compromiso coa calidade, destacou o Acordo de Mellora do Sistema Educativo, os programas de mellora da competencia lectora e matemática integrados no Plan MEGA, e o plan específico deseñado pola Xunta para a redución da burocracia do profesorado.

DEFENSA DA SOBERANÍA E APOIO A CEUTA
Asemade, os populares galegos presentarán outra proposición non de lei no vindeiro pleno relativa á crise que se vive desde o verán na cidade ceutí, xa que, tal e como afondou Alberto Pazos, “o sucedido non pode considerarse un problema local”. “O Goberno central ten a obriga de actuar con previsión e firmeza para recuperar a normalidade e aplicar a lei, e non pode pretender trasladar as consecuencias da súa inacción ás comunidades autónomas”, dixo.

A través desta iniciativa, os populares formularán unha serie de esixencias firmes ao Goberno de España, instándoo a despregar todos os recursos necesarios para recuperar a normalidade e a reforzar de xeito permanente a seguridade fronteiriza. Así mesmo, demandarase ao Executivo central que execute os procedementos de retorno e readmisión das persoas que accederon irregularmente, asumindo de xeito pleno as súas competencias de control sen derivar responsabilidades ás comunidades autónomas. Finalmente, reclamarase a implicación directa do Ministerio de Igualdade para extremar a protección de mulleres e nenas fronte á violencia e o cumprimento estrito de Marrocos de todas as obrigas de control e cooperación bilateral.

Por outra banda, avanzou que o Grupo Popular formulará tres preguntas orais, relativas á convocatoria de folga indefinida de médicos, propiciada pola falta de diálogo do Executivo de Pedro Sánchez na elaboración do Estatuto Marco; á revisión do reparto das cotas de sardiña e bocarte e ao Plan Social polo Clima do Goberno de España. Para rematar, avanzou, tamén, a comparecencia, a petición propia, do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deporte, para abordar a situación do transporte na nosa Comunidade; e o debate á totalidade do proxecto de Lei de Educación dixital de Galicia.