Pazos sitúa o retraso ata 2027 da liberalización do AVE e a eliminación de dous xulgados de primeira instancia en Vigo e A Coruña como as novas aldraxes do Goberno de Sánchez con Galicia

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou hoxe que os agravios do Goberno de Pedro Sánchez con Galicia sumaron esta semana dúas novas aldraxes co aprazamento ata 2027 da liberalización do transporte ferroviairio de alta velocidade e a eliminación de dous xulgados de instrución en Vigo e A Coruña para a creación de novos xulgados de violencia sobre a mulleres nestas cidades, decisión que suporá un aumento considerable da carga de traballo para os outros xulgados.

Alberto Pazos comezou a súa comparecencia referíndose á Conferencia de Presidentes que se está a celebrar hoxe en Barcelona, un encontro no que “non temos depositada moitas esperanzas de que se cheguen a acordos, pero que esperamos que finalmente sexa útil e sirva para avanzar nas cuestións que preocupan ás comunidades”.

PRESIÓNS PARA AMPLIAR A ORDE DO DÍA

Neste sentido, saudou que “as presións realizadas polos presidentes autonómicos do PP conseguiron finalmente que o Goberno de Pedro Sánchez aceptara ampliar a orde do día desta Conferencia para incluír outras cuestións que desde as comunidades consideramos prioritarias”. Así, a maiores de abordar asuntos propostos polo Goberno central como a vivenda ou a formación universitaria e profesional, abordaranse outras cuestións como as medidas que se deben adoptar para que non se volva repetir o apagón eléctrico que sufrimos hai pouco máis dun mes; o control das fronteiras e a política migratoria; afrontar o caos existente no transporte ferroviario, cun plan de choque urxente de investimentos e coordinación coas comunidades autónomas; ou, unha vez máis, reclamando accións para incrementar o número de profesionais sanitarios ou o abono do 50 por cento do custo da prestación da dependencia.

“E, por suposto, a posta en marcha dun novo modelo de financiamento autonómico, tan necesario como demandado polas comunidades autónomas que lles permita facer fronte á prestación dos servizos que piden os seus cidadáns, e que leve aparellado tanto o rexeitamento da proposta de condonación da débeda; como o respecto á autonomía tributaria; ou a actualización das entregas a conta, que cada mes supoñen cerca de 130 millóns de euros para as arcas galegas”, indicou.

AGRAVIOS EN AUMENTO

Así mesmo, Alberto Pazos que “cada día que pasa, os agravios do Goberno de Pedro Sánchez con Galicia van en aumento, co beneplácito de nacionalistas e socialistas galegos”, porque lembrou que “esta semana sumamos dúas novas aldraxes”.

“A primeira delas, cando coñecemos que o Ministerio de Transportes retrasou ata o vindeiro 2027 a chegada a Galicia da liberalización do transporte ferroviario de alta velocidade, co que Galicia volve a sufrir o desprezo do Goberno socialista ao situala como unha comunidade de segunda, xa que os usuarios das liñas entre Madrid e Barcelona, Andalucía ou Levante xa poden gozar desde hai anos das vantaxes e do menor custo logo da liberalización viaxes no tren de alta velocidade”, explicou.

Respecto da segunda aldraxe do Goberno de Pedro Sánchez sufrida esta semana por Galicia, o portavoz popular referiuse á eliminación de dous xulgados de instrución en Vigo e A Coruña para a creación de novos xulgados de violencia sobre a muller nestas dúas cidades”. “Por suposto que saúdamos a creación de catro novos xulgados de violencia de xénero en Galicia, pero, ao mesmo tempo, lamentamos que só serán de nova creación os xulgados de Santiago e Ourense”, concretou.

“Esta decisión suporá un aumento considerable da carga de traballo nos xulgados de instrución de A Coruña e Vigo, agravando a xa excesiva ocupación que sufrían estes xulgados, denunciada incluso polo propios Colexios de Avogados”, sinalou Alberto Pazos, quen apuntou que esta situación “derivará nun atraso e nunha deficiente atención aos asuntos que chegan aos xulgados de A Coruña e Vigo, prexudicando aos galegos que se ven obrigados a acudir a estas instancias para a tramitación das correspondentes dilixencias”.

Por último, Alberto Pazos tamén lembrou “outras recentes decisións do Goberno de Pedro Sánchez que tamén supoñen prexuízos para Galicia, en ámbitos tan sensibles como é a política social”, En concreto, citou a decisión de reducir nun 25 por cento a aportación do Goberno central ao Plan Corresponsables, obrigando ás comunidades autónomas que queiran recibir esta axuda a poñer do seu peto ese recorte.

E tamén puxo de manifesto a “alarmante falta de financiamento do Goberno de Pedro Sánchez para a Lei ELA”. “Agora anunciou un fondo de 10 millóns de euros, ou sexa, o 5 por cento do custo da implantación da Lei, para atender aos enfermos máis críticos, algo totalmente insuficiente cando xa hai sete meses que se aprobou a Lei, tempo no que os enfermos e as súas familias pasaron da satisfacción e a esperanza inicial, ao pesimismo e sensación de abandono por parte do Goberno central”.

O Grupo Popular salienta que os novos centros de información á muller móbiles da Xunta achegarán este recurso ás zonas rurais e aos sete campus universitarios galegos

A portavoz de Política Social do Grupo Popular, Raquel Arias, salientou hoxe no Parlamento galego que os catro novos centros de información á muller móbiles que porá en marcha a Xunta proximamente “permitirán achegar este recurso ás zonas rurais que carecen desta atención, así como aos sete campus universitarios galegos”.

Raquel Arias explicou que estes novos CIM móbiles “percorrerán os concellos rurais que na actualidade non contan con este servizo co obxectivo de identificar os posibles casos de violencia de xénero ocultos, así como outras casuísticas que afectan ás mulleres que residen lonxe dos centros urbanos”.

“Así mesmo, estes CIM móbiles tamén estarán presentes nos sete campus universitarios galegos, prestando asesoramento e información ás vítimas de agresións sexuais, informando á poboación universitaria sobre os servizos e recursos da Xunta para este fin e, sobre todo, coordinando as peticións das estudantes cos centros de crises, os CIM municipais e os centros de recuperación integral”, indicou.

A portavoz popular sinalou que estes CIM móbiles sumaranse aos 84 centros de información á muller que xa existen en Galicia e dan servizo a cerca de 200 concellos galegos, proporcionando unha atención integral e de proximidade a máis de 17.000 persoas cada ano.

Neste sentido, Raquel Arias manifestou que “a colaboración e coordinación interinstitucional é fundamental para poder prestar unha axeitada atención ás vítimas de violencia de xénero, polo que estes CIM móbiles estarán coordinados cos CIM físicos xa existentes e cos centros de crise, co obxectivo de atender todas aquelas necesidades que as vítimas precisen, priorizando sempre a súa vontade e o principio de proximidade”.

O Grupo Popular salienta que a espera cirúrxica na área sanitaria de Ourense é de 69,5 días, 57 menos que a media estatal

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, salientou hoxe no Parlamento de Galicia que a espera media para unha operación cirúrxica na área sanitaria de Ourense é de 69,5 días, case 57 días menos que a media estatal, que se sitúa en 126 días. Máis en concreto, no caso dos hospitais comarcais de Verín e Valdeorras a espera redúcese a 48 e 31 días, respectivamente.

Encarna Amigo subliñou que “todas as áreas sanitarias de Galicia, incluída a de Ourense, teñen mellores tempos de espera para cirurxía que calquera comunidade autónoma gobernada polo Partido Socialista”. Neste sentido, lembrou que “Galicia situouse como a cuarta comunidade de toda España con menores tempos de espera cirúrxica, segundo os datos publicados polo propio Ministerio de Sanidade”.

“A transparencia é unha constante na xestión da Xunta”, afirmou a portavoz popular, quen dixo que “a forma de contabilizar as listas de espera está regulada por normativa estatal desde hai máis de vinte anos, e é igual para todas as comunidades autónomas”. “Polo tanto, xa basta de insinuar manipulacións ou maquillaxes de datos, porque estes son públicos, auditables e están desagregados por hospital, algo que Galicia fai voluntariamente e que non fan outras comunidades autónomas”, apuntou.

O Parlamento de Galicia solicita a posta en marcha neste ano 2025 do Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable dos deputados do BNG e do PSdeG, a través da que se solicita á Xunta a posta en marcha, ao longo do presente ano 2025, do Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar, cunha sección do Mar e outra do Rural. Así mesmo, pídese que se axilice a creación dos Estatutos das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro, abrindo este mesmo ano o proceso de diálogo coas entidades representativas en ámbolos dous eidos.

A portavoz popular de Política Social, Raquel Arias, lembrou que a Lei galega 7/2023 para a igualdade efectiva de mulleres e homes prevé a creación do Observatorio das mulleres rurais e do mar como órgano colexiado de asesoramento, análise e seguimento da situación das mulleres rurais e do mar en Galicia.

En concreto, este Observatorio ten como funcións principais recompilar, analizar e intercambiar información relevante que permita coñecer mellor a situación das mulleres rurais e do mar na Comunidade galega, así como detectar as súas necesidades particulares; formular propostas e recomendacións sobre liñas estratéxicas e prioridades de actuación, e tamén medidas correctoras que se consideraren oportunas, para mellorar a situación das mulleres galegas que traballen no medio rural e no mar, especialmente no relativo ao seu acceso a postos directivos e de representación; propor ás consellerías con competencias en Medio Rural e en Mar a realización de investigacións e de estudos específicos que foren de interese, así como a realización de campañas de sensibilización, de visibilización e de apoderamento das mulleres rurais e do mar; e promover foros de comunicación e de debate que permitan o encontro e a reflexión.

O Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar estará formado, ademais de por representantes do sector a diferentes niveis, por representantes e técnicos das diferentes consellerías, representante dos municipios, e expertos.

Raquel Arias indicou que “a Consellería de Política Social e Igualdade está traballando neste momento no decreto que regulará este Observatorio das mulleres rurais e do mar de Galicia, co que se pretende dar un pulo á participación das profesionais dos ámbitos pesqueiros e marisqueiro”. “O obxectivo é que antes de fin de ano o Observatorio estea creado e celebre a súa sesión plenaria constitutiva”, concretou.

O Parlamento de Galicia reclama ao Goberno de España máis fondos para que os centros especiais de emprego poidan facer fronte á suba do salario mínimo interprofesional

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reclama ao Goberno de España máis fondos destinados ao financiamento dos centros especiais de emprego para poder sufragar os custos derivados destes, xa que as axudas se ven reducidas polo aumento do Salario Mínimo Interprofesional.

A portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez considerou os centros especiais de emprego en Galicia como “unha peza clave para a integración laboral das persoas con discapacidade, porque non só ofrecen un posto de traballo digno, senón tamén apoio persoal e social, mellorando a calidade de vida de milleiros de galegos e galegas”.

Así mesmo, considerou “léxitimo e un avance social” a suba do salario mínimo interprofesional, pero afirmou que “facelo fora do diálogo social e sen unha avaliación previa do seu efecto nos diferentes axentes do mercado laboral é unha irresponsabilidade”.

MAIOR IMPACTO NOS CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO

“A suba do salario mínimo interprofesional ten impacto en case tódalas empresas, pero no caso dos centros especiais de emprego, que son proxectos de vida para persoas que atopan portas pechadas no mercado laboral ordinario, é maior”, asegurou Noelia Pérez.

En concreto, afirmou que a suba do salario mínimo interprofesional provocou que os custos de persoal nos centros especiais de emprego se incrementaran un 54 por cento, “unha suba que é imposible repercutila nos seus clientes e afecta á súa capacidade para competir con outras empresas convencionais”.

“A necesidade de adaptarse aos novos custos salariais podería facer que os servizos ofrecidos polos centros especiais de emprego resulten menos atractivos para os empregadores, reducindo as oportunidades de emprego para as persoas con discapacidade porque esta perda de competitividade pode derivar na redución da contratación de traballadores con discapacidade, despedimentos ou na non renovación de contratos”, manifestou a portavoz popular.

O PPdeG asegura que as tres prazas de pediatría de Lalín están cubertas neste momento e teñen un cupo que non supera os 830 nenos, lonxe dos 1.100 recomendados polo Ministerio de Sanidade

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, asegurou hoxe no Parlamento de Galicia que as tres prazas de pediatría de Lalín están cubertas neste momento e contan cun cupo que non supera os 830 nenos por pediatra, moi por baixo dos 1.100 que recomenda o Marco Estratéxico para a atención primaria do Ministerio de Sanidade. Así mesmo, considerou “unha medida inxustificada e populista, propia do catecismo do BNG e insostible para calquera xestor sanitario responsable engadir un cuarto pediatra ao Centro Integral de Saúde de Lalín cando non se supera o límite de nenos establecidos para cada profesional”.

Encarna Amigo pediu aos nacionalistas galegos que “deixen a demagoxia e o alarmismo, e non xoguen coa sanidade pública galega, porque a situación da atención pediátrica en Lalín está controlada, organizada e perfectamente dimensionada conforme ás necesidades reais da poboación infantil da comarca”.

CONTRATACIÓN DE TODO O PERSOAL DISPOÑIBLE

En concreto, afirmou que as tres prazas de pediatría do CIS de Lalín están cubertas: unha pola súa titular e as dúas restantes por residentes de pediatría, que están a prestar o servizo ata o 19 de xullo. “A partir desa data unha nova pediatra cubrirá a praza por renuncia e a outra será atendida polos pediatras da zona”, asegurou.

Ademais, e referíndose ao Marco Estratéxico para a atención primaria do Ministerio de Sanidade, no que se recolle unha ratio máxima recomendada de 1.100 nenos por pediatra, Encarna Amigo subliñou que “en Lalín ningún dos tres cupos existentes supera os 830 nenos: 828 o primeiro, 808 o segundo e 602 o terceiro”. Deste xeito, criticou ao BNG porque “non se pode pedir máis prazas sen unha necesidade asistencial real, nin xerar alarma onde hai eficacia”.

“Deixen de demonizar aos médicos de atención primaria e de estender a sospeita de que os nenos están mal atendidos por un médico de familia”, demandou a portavoz popular, quen lamentou que “BNG e PSdeG finxen non saber que a escaseza de pediatras é un problema de toda España, non exclusivo da Comunidade galega”.

Diante desta situación, Encarna Amigo lembrou que a Xunta “contrata a todo o profesional dispoñible” e salientou que “Galicia leva sete anos consecutivos cubrindo o 100 por cento das prazas acreditadas en pediatría e medicina familiar, ao tempo que as listas de contratación están a cero”.

“Hoxe hai máis pediatras en atención primaria que en 2008 cando gobernaban socialistas e nacionalistas, a pesar de que hai 30.000 nenos menos agora que entón”, destacou.

Paula Prado invita a Pontón e a Besteiro a acudir á concentración deste domingo en Madrid: “Eles tamén deberían dicir ‘xa basta’ a Sánchez”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, denunciou hoxe que “o sanchismo está arrastrando o nome de España polas cloacas” e invitou a todos os galegos e ao resto de españois a manifestar o seu rexeitamento a esta situación: “A calquera demócrata, sexa de esquerdas ou de dereitas, debería preocuparlle que dentro do PSOE haxa tramas mafiosas”.

Referiuse así á concentración convocada este domingo en Madrid e á que o presidente Alfonso Rueda, ela mesma e unha “boa representación” dos populares galegos acudirán para “esixir alto e claro respecto para Estaña” e “dicir que xa está ben”. De feito, invitou a acudir tamén aos líderes da oposición galega, Ana Pontón e a Xosé Ramón Gómez Besteiro, xa que, na súa opinión, eles “tamén deberían dicir ‘xa basta’ a Sánchez, condenar ao Goberno das cloacas e pedir eleccións xerais”.

“Estamos ante un PSOE que está sostido, entre outros, polo BNG, e atrapado nas súas propias mentiras, nas súas propias trampas e nun sistema absolutamente corrompido”, asegurou cualificando de “verdadeira vergoña” os feitos coñecidos nos últimos días e que supoñen “a retransmisión en vivo e en directo da degradación de España, da caída do Partido Socialista e o adeus de Pedro Sánchez”.

A número dous do PPdeG subliñou que “nin os galegos nin o resto de españois merecen os espectáculos que levamos vivindo nos últimos meses e que xa son incontables”. Non en balde, engadiu, “cando parece que nada pode ir a peor neste epílogo do Goberno central, sempre aparece algo novo”.

“O sanchismo está arrastrando o nome de España polas cloacas e o que pasou onte non foi un circo, foi un sinal máis de que o PSOE está en caída libre”, concluíu ironizando que, con Pedro Sánchez presente na Conferencia de Presidentes de mañá, “pode pasar de todo e mesmo que apareza Aldama por unha esquina”.

CONFERENCIA DE PRESIDENTES

Precisamente ao respecto da Conferencia de Presidentes, a secretaria xeral dos populares galegos manifesto o seu escepticismo logo do que ten acontecido noutras ocasións: “Galicia vai coas expectativas baixas”.

“A última Conferencia e a última reunión de Alfonso Rueda con Pedro Sánchez foron estériles e a sensación é que o Goberno central non ten a mínima intención de escoitar nin de pactar nada”, denunciou apuntando a que o obxectivo “evidente” desta convocatoria é “tapar o ruído atronador que fan as cloacas socialistas”.

Con todo isto, remarcou, “Galicia non vai renunciar a facerse escoitar e a elevar as súas inquedanzas e prioridades a todos os foros nos que estea presente”.

ANIVERSARIO DAS ELECCIÓNS EUROPEAS

Paula Prado aproveitou a ocasión para recordar así mesmo que o próximo luns vaise cumprir un ano das eleccións europeas nas que o PPdeG sumou case medio millar de votos –“máis votos que o PSOE e o BNG xuntos”, apuntou– e gañou no 97% dos concellos galegos, sendo Ourense e Lugo as provincias con máis apoio ao PP de toda España.

“Demostramos que cando lle preguntamos aos galegos e galegas nas urnas, sempre somos maioritariamente a súa resposta e, grazas a iso, somos o único partido galego con dos eurodeputados”, destacou facendo unha contraposición do éxito do proxecto popular co “fracaso” do independentismo galego.

De feito, a secretaria xeral acusou ao BNG de “estafar” aos galegos logo de que “non lles chegara con mentir sobre o seu programa nas eleccións autonómicas, nin con ocultar aos seus socios nas europeas, senón que tamén esconderon o seu reparto de tempos co independentismo catalán cun escano medio galego, medio catalán”.

O escano do independentismo galego na Eurocámara é, polo tanto, un “engano” e, de deito, xa falta menos “para que o escano do BNG se converta nun escano en mans do independentismo catalán unha vez se cumpra o pacto que ocultan a todos os galegos e galegas”.

O PPdeG ironiza sobre a 50ª prórroga do debate sobre a transferencia da AP-9: “Chegados ás vodas de ouro, toca pedir o divorcio de Pedro Sánchez e quedar coa custodia da autopista”

O PPdeG recorre á ironía para denunciar a aprobación da 50ª prórroga do debate sobre a transferencia da AP-9 no Congreso e asegura que “chegou o momento de conmemorar as vodas de ouro de Pedro Sánchez co bloqueo a Galicia pedindo o divorcio e quedando coa custodia da autopista”.

Faino logo de que a Mesa do Congreso dos Deputados, dominada polo PSOE e os seus socios, aprobase onte a prórroga número 35 á tramitación parlamentaria da proposición de lei sobre a transferencia da AP-9 no que vai de lexislatura, sumando 50 desde que Pedro Sánchez chegou á Moncloa.

“50 anos de relación normalmente marcan unha vida de compromiso e constancia, só que neste caso o compromiso é co bloqueo, e a constancia, coa falta de respecto a Galicia”, defendeu a secretaria xeral Paula Prado nun encontro que mantivo en Oroso cos presidentes provinciais do partido na Coruña e Pontevedra, Diego Calvo e Luis López, a responsable de Vivenda e Infraestruturas do Goberno galego, María Martínez Allegue, e o alcalde Álex Doval.

Un encontro no que tamén participaron o deputado nacional e vicepresidente 2º da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado, e o coordinador de Infraestruturas e Territorio do PPdeG, Antonio Ameijide.

A número dous dos populares galegos defende que “cando non hai dúbidas técnicas, nin falta de orzamento, nin oposición á transferencia da AP-9, o que hai é bloqueo” e que “cando se fala de desatender unha demanda unánime da sociedade galega e do Parlamento galego, o que hai é unha falta de respecto a Galicia”.

Criticou así que, mentres se suceden estas prórrogas, os galegos e galegas teñan que “seguir pagando peaxes abusivas por circular por unha autoestrada que, por xustiza e por eficacia, debe xestionarse desde Galicia” e comprometeu o traballo do PPdeG para que “canto antes se faga realidade o que levamos anos reclamando”.

“NON QUEREMOS SER MÁIS QUE NINGUÉN, PERO TAMPOUCO MENOS”

A responsable de Vivenda e Infraestruturas do Goberno galego, María Martínez Allegue, pediu non só que se desbloquee a tramitación da proposición de lei orgánica sobre a transferencia da AP-9 a Galicia, senón que tamén se atendan as solicitudes de reunión trasladadas desde o Executivo autonómico ao Ministerio de Transportes para abordar a situación desta e doutras infraestruturas na Comunidade.

“Pedimos que se dea resposta ao estudo económico que fixemos desde a Xunta sobre o custo do rescate e da transferencia e que, tendo en conta que o custo das bonificacións actuais é similar ao do rescate, se valore esta última posibilidade”, apuntou remarcando que “en Galicia non queremos ser máis que ninguén pero tampouco menos”.

A LOITA DOS CONCELLOS POLOS QUE TRANSCORRE A AUTOESTRADA

O presidente provincial do PP da Coruña, pola súa banda, quixo poñer sobre a mesa as demandas e reivindicacións dos concellos polos que transcorre esta infraestrutura e que demandan unha “compensación” por problemas como a perda de valor das propiedades, o impacto no turismo ou a contaminación acústica e visual.

Por todo isto, reclaman á concesionaria que colabore cos concellos a través do pagamento íntegro do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) que durante anos estivo bonificado e que nestes momentos suporía unha inxección de 2,3 millóns de euros nas arcas municipais dos diferentes concellos.

“Se isto se consegue é grazas á loita dos concellos”, reivindicou Diego Calvo agradecendo a “valentía” de todos aqueles municipios que deron “un paso adiante” para unirse nesta reivindicación e lamentou que o PSOE “pedira a moitos concellos que non formasen parte desta asociación e, polo tanto, que non reclamasen para os seus veciños o que é xusto”.

INFRAESTRUTURAS CONXELADAS E PARALIZADAS

Tamén o presidente provincial dos populares en Pontevedra, Luis López, criticou o “desgoberno” de Pedro Sánchez e o seu desleixo cara a nosa Comunidade na medida en que, na súa opinión, está  “conxelando as infraestruturas existentes e paralizando as futuras”.

Citou como exemplo a falta de conexións ferroviarias no Eixo Atlántico, a retirada de conexións con Madrid, o mal estado das estradas nacionais ou a eliminación de paradas de autobús estatais. Ademais, denunciou a “paralización de infraestruturas de futuro” como son o AVE Vigo-Porto, a Saída Sur ou a Vía Verde.

No que se refire á AP-9 e á súa problemática específica na provincia de Pontevedra, o líder popular asegurou que “nada hai e nada se sabe da gratuidade do treito entre Pontevedra e Curro, así como tampouco da liberación do treito que transcorre polo Porriño e que sería unha alternativa útil e rápida para a saída sur de Vigo”.

López censurou a “obediencia cega” que tanto o PSOE e o BNG teñen a Pedro Sánchez mentres todo isto acontece e por iso pediulles que “se deixen de paripés e centren as súas enerxías en loitar polos intereses dos galegos e galegas”.

O Grupo Popular pedirá no Pleno ao Goberno central financiamento para a implantación da Lei ELA e para o Plan Corresponsables

O Grupo Popular demandará ao Goberno de España no Pleno do Parlamento de Galicia da vindeira semana dúas cuestións de marcado carácter social: a primeira, que dote de fondos a Lei ELA, para que sexa realmente efectiva e cumpra cos obxectivos para os que foi aprobada hai sete meses; e, a segunda, que manteña o financiamento íntegro e estable do Plan Corresponsables, de forma que se garanta a continuidade dos programas iniciados en 2021.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou que a sesión plenaria dará comezo coa primeira votación para a elección de María Concepción Pombo Romero como nova directora xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, que sairá designada se conta co respaldo de 2/3 dos deputados. De non ser así, a elección volverá incorporarse á orde do día do seguinte Pleno, onde será necesaria unha maioría de 3/5 e, se non se acada esa maioría, a escolla da nova directora xeral volverá ao Pleno seguinte, onde só será necesario a maioría absoluta.

POLÍTICAS SOCIAIS

A orde do día da sesión plenaria da vindeira semana inclúe a comparecencia, a petición propia, do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deporte para informar sobre a situación do transporte en Galicia, “nun momento no que son patentes os problemas existentes no transporte ferroviario en Galicia, con problemas para a compra de billetes ou a redución de servizos, prazas e paradas nas viaxes, tanto no interior de Galicia como cara Madrid”, sinalou Alberto Pazos.

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará ao Goberno de España o financiamento necesario para o implantación da Lei ELA, “porque unha norma como esta sen fondos económicos non é máis que unha simple declaración de intencións que en nada mellora a situación das persoas que padecen esta doenza e dos seus familiares”.

Neste sentido, o portavoz popular contrapuxo o compromiso do Goberno galego cos enfermos de ELA, ao que destina cada ano máis de tres millóns de euros en axudas para facer fronte á compra de produtos básicos para o coidado; produtos sanitarios, como muletas ou cadeiras de rodas; ou para adaptar os seus fogares ás súas necesidades. “Galicia foi pioneira a nivel de toda España en 2018 en poñer a disposición dos enfermos de ELA un procedemento para axilizar a súa atención, tanto a nivel sanitario, para axilizar o seu diagnóstico, como a nivel social, implementando unha vía preferente para a valoración da situación das persoas con ELA e que poidan acceder a un servizo no menor tempo posible; ao que se sumou desde o ano 2023 unha liña de axudas directas, por máis de 3 millóns de euros anuais, para os enfermos e as súas familias”, explicou.

A segunda das proposicións non de lei do Grupo Popular tamén está relacionada co ámbito social e a través dela pídese ao Goberno de España que manteña o financiamento íntegro e estable do 100 por cento do Plan Corresponsables, de forma que se garanta a continuidade de programas como os dirixidos á conciliación familiar nos períodos de vacacións, á creación de bolsas de coidado profesional para familias con menores; ao fomento do emprego de calidade no sector dos coidados; e á formación en corresponsabilidade, especialmente dirixida a homes.

RECORTE DO 25%

Alberto Pazos lembrou que este plan contaba cun investimento anual por parte do Goberno central de máis de 191 millóns de euros desde o ano 2021, “pero os problemas xa que vislumbraron o pasado ano cando a convocatoria, que habitualmente era bianual, so cubría o ano 2024”. “O verdadeiramente preocupante chegou este ano cando o Goberno de Pedro Sánchez comunicou que recortaba un 25 por cento o orzamento previsto, poñendo ademais como condicionante que as comunidades autónomas, para recibir os cartos que lles corresponderían, deben cofinanciar a parte que o Goberno central deixa de aportar para o Plan Corresponsables”.

“Estamos diante dunha irresponsabilidade máis do Goberno de Pedro Sánchez e un novo recorte ás prestacións sociais dun Goberno sen orzamentos e que improvisa día tras día, ao que se suma o feito de que se comunica cando o exercicio orzamentario das comunidades autónomas está executado en máis dun 50 por cento e coas partidas orzamentarias xa comprometidas na súa meirande parte, polo que as deixa sen marxe de manobra para que poidan sufragar a parte que lles tocaría para atender as necesidades das familias en materia de conciliación”, indicou o portavoz popular.

RELACIÓNS XUSTIZA CON ECOLOXISTAS

Por último, dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola celebración da Conferencia de Presidentes prevista para o vindeiro 6 de xuño e os asuntos abordados na mesma; e polos recentes pronunciamentos xudiciais do Tribunal Supremo respecto dos proxectos eólicos previstos na Comunidade galega.

Neste punto, Alberto Pazos puxo de manifesto a “incongruencia existente entre as sentenzas do Tribunal Supremo avalando a correcta tramitación de parques eólicos por parte da Xunta e o goteo insistente de paralizacións de proxectos desde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, máis en concreto desde unha sala moi específica do TSXG”. “Partindo da base do respecto a todas as decisións xudiciais, resulta do máis sospeitoso as estreitas relacións que estamos a coñecer polos medios de comunicación entre xuíces do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que están a protagonizar a gran maioría destas paralizacións de proxectos eólicos, coas asociacións ecoloxistas que se manifestan en contra destas iniciativas”, sinalou o portavoz popular, quen lamentou que “estamos diante de actuacións xudiciais que están a paralizar de xeito preocupante o desenvolvemento dun sector industrial primordial para Galicia, á diferenza do que acontece noutras comunidades autónomas ou, incluso, cos proxectos impulsados polo Goberno central”.

A terceira das preguntas do Grupo Popular ao Goberno galego ten como obxectivo coñecer a actividade desenvolvida pola Oficina Económica de Galicia, logo de cumprirse un ano desde a súa posta en marcha.

O Grupo Popular pedirá no Parlamento galego que o Goberno centra cumpra a Lei ELA e a dote do financiamento necesario

O Grupo Popular esixirá ao Goberno central no Parlamento de Galicia que cumpra o recollido na Lei ELA e concrete o financiamento para as persoas que padecen esta enfermidade. Neste sentido, salientou que a Xunta convocará este 2025, por terceiro ano consecutivo, as axudas para enfermos de ELA e as súas familias, aos que destinará 3 millóns de euros para sufragar as súas necesidades.

A portavoz popular de Política Social, Raquel Arias, e a tamén deputada Katy Varela mantiveron un encontro con representantes do Grupo Compostela, responsables da organización e acompañamento para que os enfermos de ELA realicen o Camiño de Santiago, unha iniciativa que este ano levarán adiante entre os días 3 e 10 de setembro.

Neste encontro avanzouse, ademais, que Monforte de Lemos será escenario o vindeiro 22 de xuño da primeira marcha solidaria pola ELA-Memorial Germán Vázquez, organizado pola asociación Agaela Galicia, para a que as deputadas populares amosaron o seu apoio e colaboración.

SETE MESES Á ESPERA DAS AXUDAS

As deputadas popular avanzaron aos representantes do Grupo Compostela que o Grupo Popular presentará no Parlamento de Galicia unha iniciativa para esixir ao Goberno de Pedro Sánchez que cumpra urxentemente coa Lei ELA, aprobada hai sete meses no Congreso pero que a día de hoxe segue sen financiamento para frustración de enfermos e familiares.

“En contraposición, a Xunta volverá a poñer a disposición dos afectados pola ELA axudas por un importe de 3 millóns de euros, nunha mostra do compromiso do Goberno galego con estes enfermos e as necesidades que teñen, tanto no ámbito da adquisición de produtos de apoio, aparatos de aire acondicionado, adaptación do domicilio ou da contorna, a compra dun vehículo adaptado ou atención fisioterapéutica, de rehabilitación ou psicolóxica”, manifestaron.

Galicia foi a primeira comunidade autónoma en convocar axudas directas e automáticas para os enfermos de ELA e as súas familias, achegando arredor de 12.000 euros a unha media de 200 beneficiarios cada ano de xeito inmediato e sen realizar complicados trámites burocráticos.

Así mesmo, a Xunta reforzou nestes anos a atención clínica e a valoración da dependencia, poñendo en marcha unha vía preferente para as solicitudes de dependencia das persoas con ELA.