Feijóo di que a renovación do PPdeG amplía a vantaxe cos resto de partidos

O presidente do PPdeG participa no congreso provincial do PP de Lugo, onde Elena Candia saíu elixida presidenta da formación na provincia

Feijóo sinala que a renovación do PPdeG amplía a vantaxe cos que están moi lonxe de ser o que precisa Galicia 

Considera que os populares deben esixirse máis e non deben permitirse a irresponsabilidade do PSOE, nin a incoherencia de Ciudadanos ou a demagoxia de Podemos

Subliña que o PP é o partido que representa aos galegos: cómo son, cómo senten, cómo fan. É o partido do rural galego, o partido das mulleres e homes do mar e o partido do sentir maioritario das galegas e os galegos

Lugo, 6 de marzo de 2016.- O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, sinalou hoxe que a renovación do PPdeG achega o partido aos galegos e á Galicia de mañá, ao tempo que amplía a vantaxe cos que están moi lonxe de ser o que precisa Galicia.
Segundo o dirixente popular, o PPdeG é o partido con máis experiencia e con máis experiencias, pero nunca deixa de aprender do que fixo, dos retos que tivo que abordar, dos erros e, sobre todo, dos galegos. Baixo o seu punto de vista, Galicia ensinoulle ao partido esforzo, constancia, perseverancia e, por tanto, a formación seguirá aprendendo da Comunidade.
Así se expresaba o líder dos populares galegos na clausura do congreso provincial do PP de Lugo, onde aproveitou para felicitar á nova presidenta, Elena Candia, a quen lle lembrou que debe representar a toda a militancia da provincia e defender os intereses de toda a poboación.
Do mesmo xeito, agradeceu ao presidente saínte, Xosé Manuel Barreiro, o seu traballo e dedicación á fronte da formación provincial nos últimos anos e tamén na vicepresidencia do partido autonómico.
UN PARTIDO ACTIVO QUE SE RENOVA
O presidente do PPdeG criticou a volatilidade e a fraxilidade dos principios do resto de partidos e fixo fincapé en que a formación dos populares ten que ofrecer algo máis, manténdose por riba das frivolidades e achegando solidez.
Con respecto a isto, sinalou que o PPdeG é o primeiro partido da provincia, de Galicia e de España porque os cidadáns así o decidiron. Por iso, cre que os populares deben esixirse máis e non deben permitirse o nivel de irresponsabilidade do PSOE, nin o nivel de incoherencia de Ciudadanos ou a demagoxia de Podemos.
Por ese motivo, segundo subliñou Feijóo, o PPdeG decidiu renovar as súas ideas, actitudes e equipos. Como engadiu, este partido reacciona, está activo e está en pé.
Neste senso, o líder dos populares galegos asegurou, con respecto aos outros partidos, de que non poden arrinconar á formación pola que apostaron 7 millóns e medio de españois. 
O PARTIDO DAS SOLUCIÓNS
Da mesma maneira, puxo en valor que a crise non venceu aos populares e, de feito, Galicia está saíndo dela, pasando de xerar paro a crear emprego; de decrecer, a volver a crecer economicamente; do desfase orzamentario, ao control e á responsabilidade económica e ao crecemento da produción industrial, á internacionalización, á innovación e á confianza dos consumidores e dos emprendedores.
Así, fixo fincapé en que os populares son un partido activo que non para ata dar coas solucións e vai a onde haxa que ir para atopalas. Deste xeito, onde antes había gradas baleiras, agora fanse barcos; onde antes estaban paradas as máquinas, agora faranse novos vehículos; e onde durante anos houbo un solar en Lugo, en Rozas, agora haberá investimento, emprego e seremos unha referencia de innovación en España e internacionalmente. 
Segundo aseverou, o PPdeG é o partido que representa ás galegas e os galegos: como son, como senten, como fan. É o partido do rural galego, o partido das mulleres e homes do mar e o partido do sentir maioritario das galegas e os galegos. 
Por último, Feijóo sinalou que o PPdeG non ten sentido se non está preto das galegas e os galegos e, ao mesmo tempo, asegurou que Galicia precisa deste partido, máis que nunca.