GPP defenderá no pleno rexistro galego de infarto e manter rúa Álvaro Cunqueiro
O GRUPO POPULAR DEFENDERÁ NO PLENO A PRESENTACIÓN DOS DATOS DO REXISTRO GALEGO DE INFARTO DE MIOCARDIO E QUE O CONCELLO DE MADRID MANTEÑA A RÚA ÁLVARO CUNQUEIRO
· A orde do día incorpora tres proposicións de Lei: unha sobre responsabilidade civil ambiental e Ministerio Fiscal; outra para a transferencia da AP-9 a Galicia; e a última para a reforma da Lei de servizos sociais
Santiago, 8 de marzo de 2016.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana dúas proposicións non de lei a través das que se insta á Xunta a presentar os datos correspondentes ao rexistro galego de infarto agudo de miocardio e para que o Concello de Madrid manteña no rueiro municipal a rúa Álvaro Cunqueiro, xa que a acusación de “escritor franquista” carece de rigor e tal acusación falsifica e deosta a súa biografía persoal e traxectoria intelectual. A sesión plenaria incorpora a comparecencia da conselleira do Medio Rural para dar conta do plan de fortalecemento do sector lácteo.
Pedro Puy informou que o Pleno dará comezo co debate de tres proposicións de lei. A primeira, de toma en consideración dunha iniciativa lexislativa sobre responsabilidade civil ambiental e Ministerio Fiscal, á que seguirá o debate de aprobación da proposición de lei para a transferencia da titularidade e competencia da AP-9 a Galicia e o debate de toma en consideración da proposición de lei do Grupo Popular de reforma da Lei de servizos sociais, que pretende reforzar e blindar o papel das entidades de iniciativa social na prestación de servizos.
A sesión plenaria continuará coa comparecencia da conselleira do Medio Rural para informar do Plan de fortalecemento do sector lácteo. Puy explicou que nesta intervención darase conta do labor que está levando a cabo a consellería a través do Plan de Fortalecemento do sector lácteo, no que están presentes representantes da administración, a industria, a distribución, cooperativas, organizacións profesionais agrarias, o Ligal, o Centro galego de control leiteiro, as universidades e a comunidade científica.
Este grupo de traballo xa acordou o pasado 2 de marzo unha batería de propostas urxentes que o Goberno central trasladará ao Consello de Ministros de Agricultura da Unión Europea para garantir a estabilidade do sector de xeito inmediato.
INFARTO DE MIOCARDIO E RÚA ÁLVARO CUNQUEIRO
A orde do día da sesión plenaria incorpora dúas proposicións non de lei do Grupo Popular. A primeira delas, insta á Xunta de Galicia a presentar no Parlamento os datos correspondentes ao rexistro galego de infarto de miocardio, co obxectivo de adoptar as decisións oportunas para a atención destes enfermos.
Pedro Puy lembrou que o Pleno do Parlamento aprobou o 3 de decembro de 2014 unha iniciativa do Grupo Popular a través da que se demandaba á Xunta a creación dun rexistro único galego que recollera toda a información sobre morbi-mortalidade en relación co infarto agudo de miocardio, de xeito que con eses datos se adaptaran os recursos humanos e materiais ás necesidades asistenciais das distintas estruturas de xestión sanitaria.
“Desde aquela data, o Servizo Galego de Saúde deu unha serie de pasos para a creación deste rexistro, cos indicadores de calidade, datos epidemiolóxicos e asistenciais precisos para unha planificación eficaz, eficiente e equitativa dos recursos destinados ao tratamento do infarto agudo”, dixo Pedro Puy.
A segunda proposición non de lei que defenderá o Grupo Popular ten que ver co coñecemento público da incorporación por parte do Concello de Madrid do escritor e xornalista Álvaro Cunqueiro nunha relación de persoas relacionadas co franquismo que poderían perder a honra de poñer o seu nome a unha rúa madrileña. Neste sentido, Puy salientou que “a cultura e a sociedade galega entenden que Álvaro Cunqueiro, ademais de ser un dos principais persoeiros da nosa cultura no século XX, fíxoo nunha etapa na que non era doado manter vivo o facho da nosa cultura”, polo que “todos os deputados do Grupo Popular asinamos unha proposición non de lei na que demandamos que se poña en coñecemento do Concello de Madrid a importancia que ten para a cultura galega Álvaro Cunqueiro e, polo tanto, non se lle retire esa rúa coa que se lle lembra”.
FUSIÓN DE CONCELLOS E TARXETA BENVIDA
Na sesión plenaria, o Grupo Popular tamén cuestionará ao Goberno galego sobre o proceso de fusión iniciado polos concellos de Cotobade e Cerdedo, así como pola posta en marcha da Tarxeta Benvida, que achegará 100 euros ao mes para os nenos que nazan en Galicia a partir do 1 de xaneiro de 2016.
A modo de resumo, Pedro Puy indicou que a sesión plenaria inclúe 29 iniciativas, “das que o Goberno galego propuxo unha e o Grupo Popular outras cinco, polo que as restantes 23 cuestións son a iniciativa dos grupos da oposición”. “Confírmase, unha vez máis, que a oposición nesta Cámara pode facer a súa labor, dado que calquera grupo que estea na oposición noutro Parlamento asinaría un reparto de materias na orde do día dun pleno semellante a esta”, sinalou.