Zas (A Coruña), 22 de marzo de 2016.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que este verán abrirase ao tráfico a Autovía da Costa da Morte AG-14 que fará desta comarca un lugar máis vertebrado, máis competitivo e máis atractivo para investir e para vivir. “A infraestrutura que leva tantos anos sendo pouco máis que palabras tornouse, por fin, nun feito real e hoxe, co 80% das obras executadas, podemos asegurar que o vindeiro verán se abrirá ao tráfico. Imos entregar un país máis vertebrado, máis competitivo e máis preparado para investir e para vivir”, dixo.
Tras un percorrido polo trazado das obras da autovía, Feijóo afirmou que cando dentro de poucos meses sexa posible percorrer os máis de 25 km entre Carballo e Baio e os 2 km da variante de Baio, libres de peaxe, operarase unha transformación nas comunicacións dunha comarca que habitan case 120.000 persoas. Entre outras melloras, vaise poder evitar o paso por 7km de travesías, que se verán libradas de tráfico e serán espazos recuperados para a vida urbana e cidadá.
Para Feijóo hai tres razóns polas que esta obra foi capaz de facerse en plena recesión económica: foi posible grazas á vontade dos veciños, “que non renunciaron nunca nin deixaron de reivindicar a Autovía”; grazas á tenacidade dos técnicos das infraestruturas da Xunta, “que conseguiron superar unha longa lista de atrancos que este proxecto puxo no camiño”, e grazas á vontade dos alcaldes e Goberno galego.
Deste xeito, o responsable autonómico salientou que, entre o ano 2009 e 2016 —durante a recesión económica— a rede galega de vías de altas prestacións terase visto incrementada nun 67%, con 207 novos quilómetros.
Reequilibrio territorial de Galicia
Así mesmo, subliñou que neste 2016 “conseguiremos que o 80% dos cidadáns se atope a menos de 15 minutos dunha vía de alta capacidade”. “Hai meses finalizamos o eixo interior que une Monforte con Sarria, completando así o eixo de Sarria a Lugo; polo norte estamos construíndo unha vía de alta capacidade e neste momento estamos construíndo a conexión entre Celeiro e San Cibrao, estamos a piques de finalizar a Autovía da Costa da Morte e ademais polo sur estamos a executar o desdobramento e a conversión do Corredor do Morrazo en autovía”, matizou.
Feijóo referiuse tamén á política empresarial promovida polo Goberno galego. Sobre este punto lembrou que nos distintos programas destinados a facilitar o acceso dos emprendedores ao solo empresarial, a Costa da Morte ocupa un lugar destacado, con bonificacións especiais no prezo das parcelas de titularidade autonómica que chegan ao 50%.
O presidente da Xunta aseverou que os emprendedores están a responder con interese a eses estímulos, facendo posible que no ano pasado se adxudicasen 110.000 metros cadrados de superficie empresarial titularidade da Xunta nesta comarca.
Por último e no tocante ao Plan de Seguridade Viaria, Feijóo asegurou que esta iniciativa prevé destinar ata o ano 2020 máis de 300 millóns de euros á manter en condicións óptimas a rede viaria de titularidade autonómica. E recolle tamén a construción de 170km de sendas que contribúan a reducir o uso do vehículo particular ao proporcionar camiños seguros, sostibles e integrados na paisaxe para percorrer as distancias cotiás.
En relación a este aspecto, cómpre salientar que a comarca de Bergantiños é unha das sete seleccionadas para desenvolver a primeira fase dese proxecto, onde se investirán máis de 4 millóns de euros para a execución de sete sendas que farán máis doado o día a día dos seus veciños.
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/uoXnYYomHmo» frameborder=»0″ allowfullscreen ]